Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Esther F. Carrodeguas Autora da obra 'Melón Pelado'

«Quero que o público teña a sensación de non querer estar aí»

A minimalista obra da compañía Butaca Zero reprentouse onte no Liceo como parte do FITO. No Liceo, e en dúas sesións, o público puido dialogar coa historia das mulleres republicanas rapadas durante a posguerra, a través das impecables actrices Cris Collazo e Nuria Gullón. A súa autora conta a alma da obra

Esther F. Carrodeguas.

Esther F. Carrodeguas. / Iñaki Osorio

Ourense

É unha obra que fala sobre as mulleres rapadas na guerra civil, unha historia algo descoñecida. Como chegou a ela, e como decidiu tomala como fonte de inspiración?

Si, é unha historia bastante descoñecida, entre outras cousas porque moitas das propias mulleres preferiron non contala. Quedou bastante esquecida, a pesar de que houbo moitísimas, especialmente en Galicia, de onde son dúas das poucas imaxes que quedan. Eu descubrina nunha exposición, e lembro que Xavi (o director) e máis eu vimos unha fotografía que nos chamou moitísimo a atención. A visualización daquela foto impactounos tanto que decidimos investigar. O que descubrín sorprendeume: foi algo masivo e, con todo, case descoñecido. Daquela investigación naceu primeiro un working project, algo así como unha mostra aberta do proceso, non un espectáculo pechado. Era máis unha experiencia que unha obra teatral. Despois veu Melón Pelado, xa cun formato escénico completo, aínda que de pequeno formato, con texto, actrices e estrutura propia.

As mulleres rapadas eran, entón, mulleres republicanas?

Si, efectivamente. Eran mulleres republicanas, familiares de republicanos ou simplemente sospeitosas de selo. Este tipo de castigo producíase en lugares xa controlados polo bando franquista, mesmo durante a guerra, pero nun contexto xa de posguerra. Era unha forma de represión e tamén de control social. Eu chámoo unha especie de «arresto domiciliario»: ao rapalas, elas mesmas deixaban de saír á rúa, por medo ás humillacións e insultos. Así, aquelas mulleres (moitas veces as máis libres, as máis rebeldes, as máis feministas) quedaban confinadas durante anos, ata que lles medraba o cabelo. Era un xeito moi barato de illalas socialmente.

É moi curioso que decidise representar esta historia a través dunha casa de bonecas e só con dúas protagonistas. Como naceu esa idea?

Contar a historia das rapadas en teatro era moi complicado a nivel escénico. Non se pode rapar unha muller en directo, nin representar escenas tan violentas como as violacións ou as humillacións públicas. Mentres escribía, necesitaba atopar un elemento de distanciamento que permitise narrar a historia sen que resultase falso nin morboso. E ese elemento foron as bonecas. Permiten simbolizar o que lles pasou a aquelas mulleres. Nelas si hai algunhas rapadas, e ese recurso visual e simbólico fixo posible achegarse ao tema sen recrearse na violencia. A historia é moi crúa, e pensei que a narración debía reflectilo cun ton seco, case documental. Non é un espectáculo espectacular, digamos, pero si crea unha atmosfera na que o público sente esa dor, ese malestar.

Que sensacións pretende espertar a obra entre o público?

Eu quería que quen asistise á obra tivese esa sensación de «preferiría non estar aquí», igual que lle pasaba á xente que asistía ás rapas públicas. Aquelas persoas estaban obrigadas a presenciar a humillación porque, se non o facían, podían ser sospeitosas e sufrir o mesmo castigo. Esa ambigüidade moral quería que estivese presente no espectáculo.

Entón é unha obra pensada para público adulto?

Si, está pensada para público adulto, pero tamén pode vela público adolescente. Eu sempre pensei que podería funcionar moi ben en bacharelato, como ferramenta educativa e de memoria histórica.

Dígollo porque vivimos un momento no que parece que volve certa apoloxía do franquismo, especialmente entre a xente nova. Cre que obras como esta poden axudar a contrarrestar esa tendencia?

Totalmente. Para min, a apoloxía de calquera ditadura é un absurdo social. E o feito de que se estea convertendo en algo máis ou menos normal dáme medo. Unha ditadura elimina as túas posibilidades de expresión, de acción, de liberdade. Que alguén poida pensar que iso é mellor ca unha democracia é, simplemente, un absurdo contemporáneo.

Para rematar, a obra naceu en colaboración co Museo Reina Sofía. Xa se representou en Cangas e en Ourense. Cal é o seguinte paso?

Si, Melón Pelado estreouse no Museo Reina Sofía en Madrid. O texto escribino por encargo para o catálogo da exposición Esperpento, e despois o museo pediunos producir a peza como actividade paralela. Agora estamos en xira por Galicia: temos confirmadas funcións en Rianxo e Catoira, e agardamos que a distribución nos leve tamén a outros puntos de España.

Tracking Pixel Contents