A feira do libro abre nove portas á literatura no Parque de San Lázaro
Presentacións, sinaturas de autores e obradoiros achegan a paixón pola lectura a pé de rúa durante catro intensas xornadas | En horario de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.30 horas

Os máis atrevidos non temeron achegarse á primeira hora á feira, pese ó calor. / Iñaki Osorio
L.G
A Feira do Libro de Ourense volveu abrir onte as súas casetas no corazón da cidade, e por primeira vez faino no marco das festas locais, converténdose así nunha celebración máis desta semana grande. A ubicación no parque de San Lázaro —por segundo ano consecutivo— achega a lectura á rúa, nun espazo que, como sinalou Celia Fernández, da Federación de Librarías de Galicia, «está cheo de vida» e resulta «perfecto para festexar o mundo das palabras, das ideas e da imaxinación».
No nome da federación organizadora, Fernández deu por inaugurada unha nova edición dunha feira que, baixo o lema «Onde florecen os libros», quere ser moito máis que un escaparate literario: «florece tamén a cultura, a creatividade, o encontro entre lectores e tamén entre profesionais do libro». As nove casetas instaladas representan, en palabras da organización, «nove portas de entrada á lectura, ao coñecemento», con milleiros de títulos listos para seren descubertos, unhas entradas a mundos novos que tamén subliñou no pregón a autora Celia Díaz.
A programación
Durante catro días— ata este sábado—, a feira ofrece unha ducia de actividades pensadas para todos os públicos: presentacións, sinaturas de libros, encontros con autoras e autores, actividades infantís e familiares. Onte, a programación inaugural contou coa representación da obra Carapuchiña Vermella a cargo da compañía Pedras de Cartón, seguida dun obradoiro creativo de marcapáxinas plantables dirixido por Raquel de Árbore Azul. As sinaturas completaron a tarde.
Hoxe a actividade continuará cun obradoiro de reciclaxe creativa e un contacontos sensorial da man de Corina Alfonso, da ONCE. O venres será a quenda da poesía e do teatro: Silvia Penas ofrecerá un recital poético ás 20.00 horas, precedido pola actuación de Pablísimo coa obra Cabicivai. A feira pechará o sábado cunha nova xornada de sinaturas entre as que destaca a presentación da última novela de Pedro Feijoo, ‘Onde nacen as bestas’, ambientada na provincia de Ourense.
Festa da cultura
Na apertura institucional, Jorge Pumar, como representante da Deputación Provincial, puxo en valor o apoio á lectura como eixo estratéxico: «hai uns meses aprobamos unha partida de 350.000 euros para fomentar o acceso ao libro. Queremos que esta feira teña continuidade, e que os mozos e mozas teñan acceso á cultura e á lectura», indicou antes de apuntar que a institución provincial participa tamén cunha caseta propia con máis de 600 títulos dispoñibles.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Francisco Lorenzo, lembrou que «Ourense foi pioneira no fomento da lectura con iniciativas como agasallar libros a todos os nenos e nenas da cidade» e destacou que esta feira «non é só unha festa da cultura, senón tamén un evento dinamizador que apoia toda a cadea do libro ata chegar ás librarías».
Datos positivos
A cita en Ourense é a sexta parada dun calendario que abrangue 13 localidades galegas, dende Ferrol ata Monforte de Lemos, coa colaboración da Xunta a través da Consellería de Cultura; por iso, o director xeral da área, Anxo Lorenzo, tampouco faltou na convocatoria dun evento que calificou de «iniciativa vertebradora da cultura galega».
Lorenzo lembrou que Galicia é a segunda comunidade do Estado en número de librarías por habitante, só por detrás de Castela e León e incidiu tamén no papel das bibliotecas públicas, apuntando datos que amosan un panorama esperanzador: «por primeira vez estamos por riba da media estatal de lectura e Galicia é a sexta comunidade que máis le. Queremos que aumente a venda de libros en galego e seguir fortalecendo este ecosistema cultural que xira arredor do libro», sostivo.
Darse a coñecer
Entre as nove casetas hai librarías ourensáns. É o caso da Libraría Arlequín, para cuxa propietaria, Samanta Gil, esta é a súa primeira feira.
«En maio fixo un ano que estou ó fronte da libraria na Rúa Saínza. Son unha gran lectora e gustábame vir como tal, así que este ano que teño a oportunidade de vir como libreira, aquí estou», indica dende un posto onde se pode adquirir «un pouco de todo». «Traemos moito para público infantil, bastante en galego, últimas novidades e libros de tematica feminista que cremos que son importantes». Entre as recomendacións de Gil, «Lola Gil, que ven o venres a firmar ‘Donde se pone el sol’, Pedro Feijóo con ‘Onde nacen as bestas’, que a min encantoume, e en infantis no poden faltar ‘Cocorico’, e o ‘Polo Pepe’, ademais ven firmar Inma Jardón con ‘De que trata o amor’, outro imprescindible».
Dende Allariz desplazouse ata San Lázaro Aira Editorial. «Este ano decidimos vir so coa editorial e traer tódalas nosas publicacións para que nos conozca a xente, porque ó final pensas que te coñecen e non», resume Carlos Airas, quen advirte que «se ves a vender habitualmente non pasa, a situacion é máis para darse a coñecer, se alguen se achega e gañamos un lector xa gañamos todos».
Na súa caseta, « o que nos funciona moi ben son os libros divulgativos para nenos. Este ano o novo libro que sacamos é «Historia de Galicia en 30 obxectos» e a nivel de narrativa acabamos de publicar a Dolores Redondo en galego. En literatura menos comercial apostamos por escritores vascos e cataláns que publican nas súas linguas e nós traducimos».
Con actividades gratuitas, descontos do 10 % en tódalas compras e un ambiente literario que invita á conversa, ó descubrimento e á lectura compartida, a Feira do Libro de Ourense reafírmase como unha cita imprescindible a que acudir de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.30 horas.
Suscríbete para seguir leyendo
- Adiós a las pintadas de la fachada de la Diputación
- Condenado por agredir a un vecino que lo hostigaba con insultos homófobos
- El sistema de mapas de calor que prueba Ourense se replicará en el resto de Galicia
- Casa Moreiras y Viña Vella triunfan en los Premios de la D.O. Ribeira Sacra
- Sanidade pide «tranquilidad», pero las embarazadas no están conformes
- La lucha de las embarazadas por un paritorio digno en Ourense sigue: reclamaciones en masa ante el Sergas y la Valedora
- Ourense tendrá su primer presupuesto en cinco años tras un pacto del PP con Jácome
- Los jueces constatan una «negligente asistencia» a una paciente que murió en el hospital de Ourense