As notas da tradición resoan nos bares

Festa e tradición unidas na celebración dos cantos de taberna, unha manifestación cultural vencellada á vida social nos lugares nos que comer e beber teñen tanta importancia coma compartir cos demais con espontaneidade. Nos Viños, en Ourense, catro locais, catro grupos de música popular e unha morea de cidadáns gozaron con ‘Hai que cantar!’, un encontro que deu voz e altofalante á palabra e a música populares

Unha das agrupacións toca e canta dentro dun dos bares participantes.

Unha das agrupacións toca e canta dentro dun dos bares participantes. / ROI CRUZ

J. F.

Ourense

O espírito festivo e de trouleo toma posesión dos corpos durante os cantos de taberna, unha expresión da cultura de noso que leva aos bares, a pé das barras, a palabra e a música tradicionais, con espontaneidade. Catro establecementos hosteleiros emblemáticos da zona dos Viños, en Ourense, acolleron este venres o festival ‘Hai que cantar!’, un encontro cultural no que participaron catro grupos musicais populares —Xolda, Netas do Arnoia, As macizas centrais e Os relamidos— que converteron os locais e as proximidades en escenarios itinerantes. Desde a Praza do Ferro ás rúas Lepanto e da Paz, a festa cantada e musicada percorreu o corazón do casco vello da cidade. A tradición resoou no Orellas, o Sol e o París, varios dos lugares de referencia na cidade para o bo comer e o bo beber. O público sumouse para escoitar, cantar e brindar.

Voz e sentimento. |  Roi Cruz

Voz e sentimento. / ROI CRUZ

O festival, organizado pola asociación cultural A Maquinadora, reivindica os cantos de taberna coma un patrimonio inmaterial que segue vivo. Unha manifestación da cultural popular de Galicia que conecta xeracións e que tamén constrúe memoria colectiva, entre as achegas das persoas de idade que aínda lembran os cantos antigos, e os rapaces e rapazas novos que traballan por recuperar unha tradición de base popular.

O pandeiro tradicional. |  FirmaFoto

O pandeiro tradicional. / ROI CRUZ

A intención é que, en vindeiras edicións, a celebración dos cantos de taberna chegue aos barrios da cidade de Ourense, para que a festa traslade tamén a eses lugares o espírito de música, bailes e brindes en comuñón.

Tracking Pixel Contents