Na rúa co galego por bandeira

Cerca de 1.400 alumnos de diferentes etapas educativas festexaron a lingua nunha nova edición do Correlingua, una actividade para concienciar ao alumnado e profesorado na defensa do galego

As actividades ao aire libre desenvolvéronse na Praza Maior.

As actividades ao aire libre desenvolvéronse na Praza Maior. / Roi Cruz

Ourense

«O galego resistirá grazas a unha mocidade activa por unha lingua viva». Con esta mensaxe, cerca de 1.400 escolares de 19 colexios e institutos de Ourense, Maceda, Nogueira de Ramuín e Barbadás percorreron onte as rúas da cidade, desde a Praza Maior ata o Auditorio, festexando unha nova edición do Correlingua, unha iniciativa que naceu no 2001 para concienciar na defensa do galego ao alumnado e profesorado dos centros educativos da comunidade. Nesta ocasión, afondando na necesidade de aumentar o número de galegofalantes, especialmente entre os menores de idade.

Organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, AS-PG e CIG-Ensino, festéxase tamén noutras vilas galegas con música, xogos populares e, como non, cantos e pandeiretas lembrando tamén que este ano o Día das Letras Galegas adicouse ás cantareiras. Nas Burgas, a participación dividiuse en dous grupos, un para alumnos de Infantil e Primaria e outro para os de Secundaria, que comezaron simultáneamente ás 10.00 horas no Auditorio Municipal e na Praza Maior.

Actuacións, xogos, música e un manifesto

Así, mentres a rapazada de Secundaria asistía ao acto presentado pola actriz Isabel Risco con cancións do alumnado, a actuación do grupo Os John Deeres e lectura do manifesto do Correlingua, o alumnado de Infantil e Primaria gozaba dunha sesión de xogos populares na Praza Maior dirixidos por monitores da Asociación Xuvenil Amencer e alumnado dos ciclos de Animación Sociocultural e Dependencia do CIFP Portovello. Tamén se levou a cabo un concurso de pancartas arredor do lema «Unha mocidade activa por unha lingua viva!», escollido para esta edición do Correlingua. A media mañá o alumnado das distintas etapas intercambiou a ubicación mediante un paseo reivindicativo polas rúas do centro histórico.

Os rapaces disfrutaron dunha mañá de xogos na Praza Maior.

Os rapaces disfrutaron dunha mañá de xogos na Praza Maior. / Roi Cruz

A responsable da actividade en Ourense, Inmaculada Campos, destacou a motivación do alumnado na edición «con máis participación que nunca» e o ambiente de festa co que os rapaces se suman a esta iniciativa. «A mensaxe de fomento da lingua galega chega ao alumnado, pero tamén aos monitores, ao profesorado e a toda a poboación que pasa pola Praza Maior ou por las rúas que percorren os escolares; créase un ambiente moi alegre e ademáis tivemos moi bo tempo para os xogos», apunta.

Na edición deste ano, na que se cumpren 25 anos de Correlingua, tiveron especial protagonismo no percorrido polas rúas as cantigas e pandeiretas que o alumnado incorporou á actividade para reivindicar tamén a cultura galega, tal e como reza o manifesto que leron no Auditorio: «A nosa lingua é grande. Nela créase cultura que nos fai sentir orgullo da nosa lingua e de quen a fala».

Tracking Pixel Contents