As mulleres escritoras protagonizan o Mes das Letras da Deputación

A institución adica o mes de maio ás autoras personificándoo na figura da ourensá Inma Soto

A escritora Inma Soto nun contacontos escolar. |   FdV

A escritora Inma Soto nun contacontos escolar. | FdV

L.G.

Ourense

A Área de Igualdade da Deputación, dirixida pola deputada Teresa Barge, dedica este mes de maio ás mulleres escritoras, personificadas na autora ourensá Inma Soto, no marco do seu programa ‘8M, mes a mes’, sumándose así á celebración do Día das Letras Galegas.

Baixo o lema «A tinta feminina da conciencia», a institución provincial rende homenaxe ás mulleres que, coma Soto, utilizan a palabra escrita para «compartir sabedoría e sensibilidade, espertando deste xeito, as conciencias das súas lectoras».

Soto é a creadora de ‘Xela, a superheroína de aldea’, unha nena curiosa, divertida, galegofalante e defensora do mundo rural, que «converteuse nun referente para moitas crianzas galegas», apuntan dende a Deputación, dende onde subliñan a traxectoria profesional da escritora que estudou Ciencias do Mar na Universidade de Vigo e tamén se formou como Técnica en Xestión Forestal e do Medio Natural en Xinzo de Limia.

«A súa formación académica danos unha pista sobre o contido dos seus famosos contos para sensibilizar na protección e respecto polo medio ambiente, e para divulgar e dar a coñecer o noso patrimonio», sosteñen dende o organismo provincial, namentres a escritora enxalza que «os contos e as historias son un dos xeitos máis fermosos que atopei para comunicarme».

Con este recoñecemento, a Deputación honra a unha voz feminina que escribe desde as súas raíces e que, co seu traballo creativo, inspira ás novas xeracións a falar a súa lingua, amar o seu entorno e crer nas súas capacidades. «A súa literatura , transcende a simple narrativa para se converter nun vibrante manifesto. É un recordatorio poderoso das nosas raíces e un chamamento a valorar e preservar aquilo que nos define», valora Barge.

Tracking Pixel Contents