Entrevista | María Prado Rúa Creadora de contido en internet

«É mentira o de que co galego non se chega a ningunha parte»

A creación de contidos en internet está ó acceso de tódalas linguas e a galega non é menos. A ourensana María Prado Rúa é referente en facer chegar as súas ideas máis alá do Atlántico sen mudar a súa lingua natal, un traballo que compaxina cos estudos, primeiro en educación infantil e agora en pedagoxía

A creadora de contido Maria Prado Rúa.

A creadora de contido Maria Prado Rúa.

L. G.

Ourense

María Prado Rúa é ourensana, ten 25 anos e é educadora infantil, pero tamén é unha creadora de contido prolífica en distintas redes sociais, tanto así que recentemente gañou o premio Youtubeiras, un recoñecemento a sua traxectoria en internet, onde se pode atopar o seu perfil en Youtube, Instagram e Tiktok. No caso das tres redes baixo o nome de Pradorúa, aínda que onde máis está activa é en Instagram, alí sube contido practicamente a diario entre publicacións, vídeos e stories. Tamén é o seu perfil máis popular, acumula máis de 35.000 seguidores e en Tiktok está a piques de chegar ós 15.000. Entre todo, máis de 50.000 persoas desfrutan o seu contido: entretemento e reivindicacións en lingua galega.

—Contextualizando, lembra os seus inicios?

—Comecei en redes porque un día, xusto antes da pandemia, gravei un vídeo cunha amiga miña que é fotógrafa e ten unha canle onde fai sesións de fotos. Eu vinme diante da cámara e descubrín que me gustaba, aínda que de antes xa facía teatro, así que animeime, pero é certo que estar pechada axudou, inda que non é que estivese ociosa porque sempre había algo que facer, ou coidar da miña avoa, ou facer traballos da universidade, pero foi un pouco a combinación de factores.

—Empezou en Youtube e este ano levou un premio Youtubeiras.

—Sí, pero nesta edición os premios xa non son só por YouTube, pese ó nome, inclúen tamén as canles de tiktok e a creación de contido en xeral, de feito eu levei o premio de creación de contidos. Presentara tanto a miña canle de YouTube como a de Tiktok. Supoño que valorarían o cómputo completo, porque en Youtube non estou tan activa, neste ano creo que só subín un vídeo que para min foi moi importante, que foi en Argentina, pero onde máis prolífica son, por dicilo así, é en tiktok e Instagram.

—Por algo en concreto? Da menos traballo?

—En IG e Tiktok o algoritmo é máis agradecido e máis confiable, move máis os vídeos e a xente achégase máis e coméntache máis. Recibes esas impresións e ese feedback que é moi importante para seguir facendo vídeos. Eu traballo Instagram especialmente porque é a máis agradecida, aínda que subo prácticamente o mesmo...As veces fas traballos ós que lle puxeches moitas horas e non teñen éxito e outras veces cunha carallada que se che ocorre no baño pétalo, iso xa son cousas que escapan ó noso control. É todo unha aventura.

—Enténdese que saca remuneración xa de redes.

Sí, eu decidín facerme autónoma, decidín asumir ese risco e de momento está indo ben, pero pode que nalgún momento cambie a cousa ou que vaia a mellor, esperemos que a mellor, pero...polo momento fixen máis dun ano como autónoma e ben.

—E como funciona o proceso creativo de algo que cambia tanto e tan rápido?

—É difícil de explicar, é moi variado, moi diverso. Vou alimentándome de distintas fontes, xa sexan redes sociais, libros ou experiencias da vida, e a través diso vánseme ocorrendo ideas. Por exemplo, comecei os meus videos falando moito de Castelao porque é un referente, unha persoa que me apaixona. Pero eu sempre dixen que fago o que me apetece e o que me apaixona, así que segundo me salen oportunidades eu creo que as sei aproveitar, así que se sale un tema e vexo que me chama vou probando, tamén tanteo o que encaixa entre a xente, o que demandan, pero principalmente fago o que me apetece a mín, senón me gusta xa non o fago.

—Hai algún vídeo que garde con especial cariño?

—Todos os que fixen en Argentina. Estiven por alá en dúas ocasión e encántame. No colexio e no instituto non se fala tanto de toda a comunidades galega que vive alí ou da comunidade de descendentes de galegos, e está moi presente e moi activa. Deixamos alí os emigrantes galegos unha pegada moi profunda. Ir camiñando pola rúa e atopar cousas en galego é superforte a tantos kilómetros da casa.

—É unha temática que encaixe coa súa audiencia?

—Pois as estatisticas de IG sí que as adoito mirar e creo que a primeira ou a segunda cidade que me ve é Buenos Aires, non é Ourense, Vigo ou A Coruña; tamén está nesa lista pero non nas primeiras, e iso xurdiu a partir de que eu empezase a falar da pegada galega en Argentina. Empezoume a seguir moitísima xente que ou ben tiña familiares galegos ou ben interesoulle esa parte da cultura do seu propio país que non coñecía.

—Así que, ten público internacional neses máis de 50.000 seguidores.

—Para min é inda máis motivo de orgullo porque sempre está ese mantra, que detesto, de que «con el gallego no llegas a ninguna parte» e é mentira, chegas ´á xente a que ías chegar: a aquela a que realmente lle interese o teu contido porque se vexa de calidade, con independencia da lingua na que fales. A veces penso «¿canta xente colle nun estadio de fútbol dos grandes?» E é terrible pensar que me ve tanta xente, pero terrible nun sentido moi bo, porque está claro que demostra que o contido en galego chega a moitísima xente.

—O contido en galego e aproveitar as oportunidades levouna á cobertura da alfombra dos Mestre Mateo.

—Sí! Estiven na alfombra o ano pasado e este ano, se Deus quere, outra vez. Foi unha experiencia superchula, porque é pasar de velo na casa e dicir «ogallá estar aí» a realmente estar, compartir experiencias e coñecer tanta xente nova e fascinante, entrevistar a referentes...Foi superchula.

—Non tivo dúbidas pola responsabilidade?

—É certo que ó mellor hai traballos que rexeito porque ou non me apetece ou me supoñen uns nervios que non me vexo capaz de asumir, pero hai oportunidades que non quero deixar pasar, e a dos Mestre Mateo é claramente unha delas.

—Cúmprense agora cinco anos do seu inicio nas redes, algo que aprendese?

—Aprendín moitas cousas polo camiño, pero xa era consciente de outras cando empecei, como da importancia da pegada dixital e máis tal e cómo estamos actualmente, que temos que ter moito coidado co que dicimos porque es responsable do teu discurso, xa que tal vez a xente que che presta atención está asimilando ideas que ti lle estás diciendo e é importante ser respetuosas.

—A derradeira: en Ourense onde gravaría un vídeo?

—É unha pregunta complicada porque medrei nesa cidade e quérolle moito, pero síntome máis da miña aldea, que considero o lugar máis bonito do mundo, pero non vou dicir cal é por privacidade, para que siga sendo miña e dos meus. Así que en Ourense, creo que quedaría coa beira do Miño, ó carón da Ponte Romana, porque alí fixen moitos picnis cos meus amigos e é un enclave fermoso.

Tracking Pixel Contents