«A memoria é unha fonte para construír a historia»
O historiador e docente Carlos Lozano participa nun acto do PSOE de Ourense polo Día Internacional das Vítimas do Holocausto | 208 galegos, 47 deles ourensáns de 29 concellos, remataron en campos de exterminio

Carlos Lozano. | Cedida
Dúascentas oito persoas naturais de Galicia foron deportadas a campos de exterminio durante o réxime de terror nazi. Corenta e sete tiñan orixe ourensá, raíces en 29 concellos da provincia. Son algúns dos datos que o historiador e docente Carlos Lozano (Palencia, 1996) achegará hoxe durante a súa intervención nun acto do PSdeG-PSOE de Ourense, co gallo do día internacional en memoria das vítimas do Holocausto, nunha semana na que se vén de conmemorar o 80 aniversario da liberación por parte das tropas soviéticas, en 1945, do campo de exterminio de Auschwitz-Birkenau, na Polonia ocupada polos nazis.
Desde unha perspectiva científica e histórica, e cun afán de divulgación, Lozano realizará unha análise xeral sobre as traxectorias vitais dos deportados aos campos de exterminio, mediante unha comparativa entre o caso galego e o español. Segundo explica este historiador e docente, que ensina a materia de Xeografía e Historia no IES Plurilingüe Pedra da Auga, de Ponteareas, houbo unhas 9.000 persoas de toda España que remataron en campos de exterminio, a maioría no austríaco de Mauthausen. Había máis de trinta ourensáns naquel cárcere do terror.
No intento de trazar un estudo xeralizado a partir das biografías dos damnificados, o historiador indica que 69 dos máis de 200 galegos deportados a campos de exterminio nazis «loitaran na Guerra Civil, e a práctica maioría sufríu previamente estadías en campos de prisioneiros. Todos ou case todos cruzaron ao exilio entre 1936 e a caída de Cataluña, en febreiro de 1939», expón este especialista.
Carlos Lozano dá importancia a actos de reinvidicación da memorira histórica e de lembranza das vítimas, coma o que este venres organiza en Ourense o PSdeG. «A memoria é unha fonte para construír a historia. Con rigor académico e explicación científica, afastada dos sesgos políticos, o discurso cala na sociedade», subliña.
«Agora é un bo momento para reiterar o compromiso que temos contra o antisemitismo e todos os delitos de odio. Debemos ser firmes contra calquera forma de violencia, persecución ou discriminación», expón o secretario de Memoria Democrática dos socialistas ourensáns, Xose Lois Carrión.
A partir das 19.30 horas, nun acto no centro cultural Marcos Valcárcel —entrada libre ata completar o aforo—, o PSdeG conmemora hoxe cunha charla o día internacional en memoria das vítimas do Holocausto, sinalado polas Nacións Unidas para o 27 de xaneiro, desde a aprobación desta data sinalada en 2005. Con anterioridade, fora escollida polo primeiro Goberno de Zapatero, en 2004, como día da memoria do holocausto e a prevención dos crimes contra a humanidade.
Os socialistas de Ourense apelan ao «compromiso social de loitar contra calquera forma de intolerancia que poida conducir a actos violentos contra determinados grupos humanos», di Carrión. «Queremos lembrar os millóns de xudeus e xudías que sufriron o exterminio e reclusión nos campos de concentración, mais tamén os republicanos e republicanas que, por mor do terror franquista, tiveron que fuxir de España a Francia, onde foron capturados polos nazis», lembra o PSdeG.
Os socialistas tamén poñen o foco na poboación xitana, as minorías relixiosas, as persoas con discapacidade e as persoas homosexuais e transexuais, colectivos que tamén foron obxecto da barbarie nazi «nunha Europa subxugada polo réxime hitleriano. Debemos ser firmes contra calquera forma de violencia, persecución ou discriminación, sexa esta o racismo, a xenofobia, o antixitanismo, a LGBTIfobia ou a islamofobia, especialmente cando observamos con profunda preocupación o incremento de mensaxes de odio e intolerancia en moitos países, mesmo nalgúns Estados membros da UE que xa os padeceron anos atrás nas súas propias carnes», expón Carrión. No acto tamén participará a portavoz municipal e responsable do partido na cidade, Natalia González Beneitez.
- Cuatro años de cárcel para una mujer por abusar de un menor en Ourense: le pidió que mantuvieran la relación en secreto
- «Mi satisfacción es saber que en 80 años Bar Fuentefría atendió a tantas generaciones
- Vocación por la abogacía con 64 años de diferencia
- Jácome tacha de 'marrón' el carril-bici de la Xunta en As Caldas y medita suprimirlo...cuando acabe la obra
- Manzaneda: de la mínima de Galicia, con -8 grados, al disfrute del esquí
- La piscina de As Burgas pierde tras la obra unos 200.000 litros al día, según los técnicos
- Maestros de la Costura en Bande
- Condenado por bajar a su hijo del tobogán agarrándolo del pelo y por golpearlo en la boca