Paixón compartida polos libros
Os clubs literarios de estudantes e de adultos fomentan o interese pola lectura e establecen vínculos de grupo | 54 centros educativos de Ourense teñen iniciativas culturais deste tipo

Un grupo de mulleres que forma parte do club de lectura da Universidade Laboral de Ourense. / IÑAKI OSORIO
Os libros potencian o coñecemento e nutren a imaxinación coas súas historias. Ademais favorecen que a lectura non sexa só un acto individual senón un hábito que compartir, unha experiencia que contribúe á interacción social. O último barómetro sobre a lectura e a compra de libros en España indica que un 68% da poboación le algún volume, e un 52% faino polo menos unha vez por semana.
A adhesión á lectura é moi diferente segundo a idade. Os intereses tamén mudan cos anos. Os clubs literarios desenvolven a súa actividade co propósito de animar a que este costume cultural medre. Estas iniciativas crean vínculos sociais a través do intercambio de opinións sobre os textos, con roteiros relacionados coas historias e con eventos doutro tipo, desde os aspectos lúdicos aos gastronómicos. Escolares e adultos participan en grupos de lectura que fomentan a paixón compartida pola literatura.
A porcentaxe de lectores en España que teñen entre 14 e 24 anos sitúase no 74%, segundo a enquisa máis recente do ‘Barómetro de Compra de Libros e Hábitos de Lectura’, que publica o Gremio de Editores de España. O dato acada case o 66% na franxa de 25 a 65 anos, e está por debaixo do 54% no sector de poboación maior de 65.
Máis do 96% de lectores maiores de 14 anos escolle o castelán
Outros datos dese estudo resultan máis preocupantes desde o punto de vista da lingua propia. Só tres de cada dez galegos maiores de 14 anos que len libros prefiren facelo no idioma do país. Máis do 96% escolle o castelán. A enquisa sinala que seis de cada dez galegos e galegas len no seu tempo libre, pero nunha porcentaxe inferior á media do conxunto estatal, un 61,5 e un 64,1%, respectivamente.
Unha das liñas de actuación para incrementar o hábito lector ten que ver cos clubs de lectura. Os textos, e sobre todo en galego, son un dos diques fronte á alarmante marea de perda de falantes na nosa lingua. O galego xa non é o idioma de uso maioritario: segundo o IGE, as persoas que falan sempre en castelán representan o 29%, mentres que os que se comunican só en galego non chegan ao 24%.
A Xunta considera que a creación de clubs de lectura contribúe a mellorar a competencia lectora, ademais de potenciar a oratoria, o debate e o traballo en equipo. Neste curso académico, na provincia de Ourense hai 54 centros educativos, catro máis que o ano pasado. Queda marxe de mellora, pois no resto de territorios galegos hai máis clubs escolares relacionados cos libros: 171 na Coruña, 65 en Lugo e 168 en Pontevedra.
A Xunta destina, en toda a comunidade, 400.000 euros ao programa de fomento destas iniciativas culturais no ámbito educativo. No último curso incorpóraronse 47 centros, catro deles en Ourense. Ademais do labor de dinamización a prol da lectura e de ámbitos de aprendizaxe de competencias clave, os clubs de lectura son espazos de convivencia e educación cidadá.
Suscríbete para seguir leyendo
- Vivir en una habitación: la alternativa 'low cost' a unos alquileres por las nubes
- Encuentran el cadáver de un hombre en un estanque en Vilardevós
- Aparece en Marruecos un iPhone sustraído en una fiesta en Ourense: la dueña pagó 235 euros para recuperarlo
- «É mentira o de que co galego non se chega a ningunha parte»
- Manolo Lanchas, el banquero que se convirtió en artista esculpiendo óxido
- Adjudicada la construcción de 64 pisos de promoción pública en la ciudad
- Lo acusaban de negarse a la prueba de alcoholemia pero es posible que no se enterase por su sordera
- La reforma integral del Posío fortalecerá su uso lúdico y para el esparcimiento