Literatura, viaxes e boa mesa en grupo
O club de lectura de adultos da Universidade Laboral conta con 135 participantes: libros, roteiros e gastronomía fomentan as relacións: «Convivimos, aprendemos, lemos e viaxamos»

Parcipantes do club de lectura de adultos da Universidade Laboral de Ourense. / IÑAKI OSORIO
Todos os días, no WhatsApp do club de lectura da Universidade Laboral de Ourense, un grupo do que forman parte 135 persoas entre profesores, pais e nais —algúns xa non teñen fillos en idade escolar, pero seguen a colaborar coa iniciativa—, abundan os comentarios sobre os libros que esta comunidade de adultos que aman a cultura comparte durante o ano. Cada xornada, nese foro telemático gozan dun poema. A profesora de Literatura Española Ángeles Álvarez, xa xubilada, coordina as actividades e traballa, tamén, cun grupo de teatro e outro de canto. As tres iniciativas culturais teñen a súa sede neste centro de ensino de Mariñamansa, que cede as instalacións para as reunións dos adultos.
«O club de lectura leva sete anos en funcionamento. Naceu para a convivencia de pais e de profesores. Empezou despois de que no centro indicasen unha lectura para os rapaces, ‘El Hereje’, de Miguel Delibes. Decidimos crear o club como un xeito de ler nós tamén e de axudar os fillos, comentar o texto, contribuír a que os pais entendesen mellor a lectura dos nenos e, entre todos, vencellarnos. Dese xerme, o club foi crecendo. Convivimos, aprendemos, lemos e viaxamos. Cada tres meses facemos unha saída literaria, relacionada co libro que tratamos ou con outros asuntos da literatura», expón Ángeles Álvarez.

Un andel con varios libros a disposición do club da Laboral. / IÑAKI OSORIO
Cando remata a lectura individual dos volumes —establécense varias quendas para ir compartindo os exemplares dispoñibles—, o grupo organiza xuntanzas presenciais na Universidade Laboral para intercambiar opinións sobre as historias.
«Facemos unha pequena mesa redonda con intervencións breves, como se se tratase dunha pequena conferencia», explica a profesora. O seguinte título sobre o que traballarán é ‘Pero...como morren as pegas?’, do ourensán Óscar Manuel Guzmán, un libro da Editorial Galaxia que acadou, en 2023, o Premio de Novela Vilar Ponte. O club combina lectura de novela con poesía —sempre presente nas viaxes culturais—, e obras en castelán e galego. Achéganse á literatura clásica e tamén a propostas da actualidade.
«Todas as reunións rematan cunha merenda, para fomentar ese obxectivo da convivencia. Arredor do club de lectura naceron os de teatro e canto, nos que participan pais e nais. Vencellamos todo. Ás veces, explicamos a literatura a través de textos teatralizados. Por exemplo, na viaxe do pasado trimestre a Zamora, teatralizamos o Romancero do Cid».
A gastronomía, ao igual que a literatura, é un elemento de cohesión, un ingrediente para a convivencia do grupo. «Hai xente que entra no club animada por outras persoas, unhas enganchan a outras. Ademais da lectura, as viaxes fomentan a unión. O autobús é un punto de reunión, case unha aula, imos comentando os libros. Ademais, damos moita importancia aos xantares», describe Ángeles.

Participantes no club de lectura da Laboral, nunha reunión do grupo de teatro celebrada esta semana. / IÑAKI OSORIO
En abril, o grupo viaxará á Mariña para percorrer algunhas das localizacións da novela ‘Xoaniña de Deus’, da ourensá Alba Guzmán, unha obra galardoada co Premio Xuventude Crea de Novela Curta, e editada por Xerais. Na mochila levarán textos de autores lucenses senlleiros, como Manuel María ou Luz Pozo Garza.
A experiencia cultural tamén incluirá doses culinarias. En Rinlo, os viaxeiros teñen pensado gozar dun arroz con lumbrigante. Ao día seguinte reuniranse coa comunidade de mulleres migrantes de Cabo Verde. «Comeremos, cantaremos e conviviremos», resume Ángeles.
Citas con escritores
Sempre que poden, organizan encontros cos autores. Nunha viaxe a Salamanca, ademais de levar na equipaxe ‘La Celestina’ e ‘El Lazarillo de Tormes’, compartiron conversa e paseo literario con Luis García Jambrina. Os ourensáns Óscar e Alba Guzmán, pai e filla, narradores os dous, manterán unha cita cos lectores do club da Laboral.
«É moi fermoso ver que quedan con nós moitos pais que empezaron no club, cuxos fillos xa non están no instituto, ou que incluso teñen xa a carreira rematada, pero continúan na actividade. É un grupo aberto, no que a convivencia é fundamental», valora a profesora.
Suscríbete para seguir leyendo
- Vivir en una habitación: la alternativa 'low cost' a unos alquileres por las nubes
- Encuentran el cadáver de un hombre en un estanque en Vilardevós
- Aparece en Marruecos un iPhone sustraído en una fiesta en Ourense: la dueña pagó 235 euros para recuperarlo
- «É mentira o de que co galego non se chega a ningunha parte»
- Manolo Lanchas, el banquero que se convirtió en artista esculpiendo óxido
- Adjudicada la construcción de 64 pisos de promoción pública en la ciudad
- Lo acusaban de negarse a la prueba de alcoholemia pero es posible que no se enterase por su sordera
- La reforma integral del Posío fortalecerá su uso lúdico y para el esparcimiento