A lembranza en galego dos seres queridos que morreron

O traballo de campo dunha educadora social constata, cun estudo en Viana do Bolo, un incremento no uso da lingua propia nas inscricións funerarias, aínda que no conxunto de Galicia aínda se sitúa no 5%

Inscricións feitas integramente en galego en lápidas de Viana do Bolo. |  Cedida

Inscricións feitas integramente en galego en lápidas de Viana do Bolo. | Cedida

L. F.

A iniciativa «Palabra e memoria», que estuda o patrimonio documental dos cemiterios galegos, chegou á provincia de Ourense. Esta intervención de educación social botou a andar o pasado mes de setembro. O primeiro traballo de campo sistemático, cumprindo todos os parámetros esixidos, foi realizado por Noela Broz Primo (Melide, A Coruña, 1982) no cemiterio parroquial de Viana do Bolo, onde, segundo se desprende da visión panorámica inicial, se rexistra un importante incremento no uso do galego nas inscricións funerarias.

Broz, diplomada en Educación social e licenciada en Psicopedagoxía pola Universidade de Vigo no Campus de Ourense, participa en «Palabra e memoria», unha iniciativa do xornalista David Canto Veiga, encargado de recopilar e estudar a información recollida en toda Galicia, occidente de Asturias, o Bierzo e As Portelas (Zamora).

Noela Broz visualizou as inscricións realizadas en 379 panteóns familiares do pobo de Viana e descubriu que un total de 37 familias abriron as portas ao uso do idioma galego escrito para recordar os seus parentes falecidos. Aínda que polo momento non foi realizado un estudo exhaustivo da documentación recollida, á primeira vista chama a atención a redución do distanciamento entre as expresións oral e escrita tan presente no conxunto da sociedade. En Viana do Bolo, a porcentaxe de inscricións funerarias en que aparecen as palabras «muller», «home», «fillos» ou «netos» alcanza o 10%, o dobre da media galega (5%), e a tendencia emerxente nótase moi especialmente no transcorrido do século XXI.

Lápidas en galego en Viana.

Lápidas en galego en Viana. / CEDIDA

Segundo os responsables da iniciativa, este incremento local confirma a tendencia que se desprende do estudo realizado por David Canto: «O cambio produciuse nestes últimos anos e débese ao relevo xeneracional. As primeiras persoas alfabetizadas en galego nos primeiros anos da etapa democrática pasan agora a ocuparse do coidado do lugar en que repousan definitivamente os seus parentes». Desde outubro os datos dos diferentes concellos galegos están publicados nun mapa aberto á consulta, e que foi presentado no Consello da Cultura Galega. Trátase da «Cartografía do uso do galego nos camposantos», que contén información sobre cemiterios de sesenta concellos do país. Está aberto á colaboración cidadá. Pode consultar nesta web: https://datawrapper.dwcdn.net/4HeuT/60/

Tracking Pixel Contents