Capturar a «alma natural» das ribeiras do Miño

O fotógrafo Amador Lorenzo: «É a miña declaración de amor a Ourense, de paraxes solitarias e incógnitas que me interesa descifrar»

Algunhas das 
fotografías de 
OU24112. 
|  Amador Lorenzo

Algunhas das fotografías de OU24112. | Amador Lorenzo

Elena Ocampo

Elena Ocampo

Amador Lorenzo captura a alma natural das ribeiras do Miño en Ourense. O fotógrafo nacido en Bueu mergúllase na relación íntima coa natureza na súa nova obra, #OU24112, unha colección de fotografías en branco e negro realizadas ao longo dos últimos anos nas marxes do río Miño, en Ourense. O proxecto, recentemente presentado no festival «FFOCO» da Coruña, ofrece unha visión única sobre os espazos naturais periféricos, aqueles que resisten á expansión urbana e conservan unha identidade e un valor simbólico propios.

«É a miña particular declaración de amor á cidade de Ourense, coa que interactúo dende hai máis de vinte anos por motivos persoais, pero que a día de hoxe aínda me segue sorprendendo con paraxes solitarias e incógnitas que me interesa descifrar», explica Lorenzo, quen atopa nestes recunchos unha fonte (case) inesgotable de inspiración.

A obra #OU24112 insírese na colección «Papeis» do selo editorial Alauda Negra, con sede en na localidade luguesa de Sarria. Esta colección destaca pola súa aposta pola experimentación visual e pola súa reinterpretación do concepto tradicional de publicación fotográfica.

«Amador Lorenzo concibe o acto fotográfico como un acontecemento ao que hai que acudir ao seu encontro. É unha fotografía de procura —no biográfico e no estilístico— que atopa na mesma experiencia co real o seu espazo de definición», indican desde Alauda Negra, tras facer fincapé no compromiso editorial coa vangarda e a exploración de novas formas de narrar a través das imaxes. Este traballo de Amador Lorenzo invita a reflexionar sobre a conexión entre o ser humano e a paisaxe, e sobre a necesidade de preservar espazos naturais que, como as ribeiras do Miño, non só forman parte do imaxinario colectivo, senón tamén da memoria emocional das cidades.

«Nesa sorte de fuxida confírmase unha idea universal e eterna: calquera pode precisar dun refuxio lonxe da furia e do ruído», recollendo as palabras que expresa a xornalista e filóloga Alexandra Pacheco nun poético texto que acompaña á publicación.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents