O avogado que novela con ironía o despoboamento rural

Xosé Lois Brea publica ‘O centro social’, unha historia sobre os intentos duns maiores, “sen remorsos nin escrúpulos”, de acadar as condicións favorables para que a xente nova quede na aldea

Xosé Lois Brea, coa novela, no seu despacho de avogados en Ourense.

Xosé Lois Brea, coa novela, no seu despacho de avogados en Ourense. / IÑAKI OSORIO

Javier Fraiz

Javier Fraiz

O centro social que dá título á novela de Xosé Lois Brea Sanmartín –nacido en Lugo en 1963, coas súas raíces familiares en Lalín– existe. Está na Filgueira, no concello ourensán de Porqueira, pero calquera semellanza cunha persoa real é coincidencia. “Hai xente que pregunta: ‘E eu quen son?’ Pero é imposible. Un trazo pode chamar a atención, pero os personaxes da novela son inventados e quizais sexan a combinación das características de dez persoas”, di o autor.

Unha fotografía do exterior do local social é a imaxe de portada do libro, que o experimentado avogado de Ourense –a súa cidade desde os sete anos–, colexiado en exercicio desde 1995, presenta o vindeiro venres, 15 de decembro, ás 19 horas, na cafetería ‘A Consentida’ (rúa Valle Inclán, 21). Brea estará acompañado por Xosé Antón Jardón Dacal e polo escritor e editor Jorge C. Alonso. ‘O centro social’ (Ediciones Agoeiro) pode mercarse nas librerías ourensás Tanco e Kathedra, e tamén está en Saraiba, en Xinzo de Limia.

"Levaba case trinta anos afastado da literatura e acabei escribindo dúas novelas"

“Na época do confinamento e a pandemia, a cabeciña non paraba. No seu día fora finalista dos premios Blanco Amor e Xerais, levaba case trinta anos afastado da literatura e acabei escribindo dúas novelas, que fun facendo e puíndo aos poucos. Esta é unha”, conta o autor, botando a vista atrás.

Nese intervalo sen crear ficción, cultivou unha escritura de seu na redacción dos documentos xudiciais. “Hai un máxima do Dereito Romano que di: ‘Sé breve e agradarás'. O que podo dicir nun folio non o fago en tres. Nos escritos xudiciais busco a viveza de estilo e a frase rechamante, creo que así che fan máis caso”, di.

Brea emprega a ironía, un dos seus atributos no día a día, para tecer a historia. “Unha das cousas que me dá pavor da literatura é que sexa lenta ou demasiado seria. A miña intención era que esta historia fose divertida, simpática”, salienta.

“Creo que fan falta máis profesionais que escriban novela; faltan médicos, abogados, mariñeiros e gandeiros escribindo”

A novela desenvólvese nas terras da Limia. De pano de fondo, o tema do despoboamento no rural. “Un grupo de persoas maiores, sen remorsos nin escrúpulos, decide como facer negocio para que a xente nova volva e quede. Dálles igual andar na droga, que facer poxas ilegais ou secuestrar o presidente da Xunta”, describe Brea.

Coa pandemia, o avogado volveu á literatura, en galego, a lingua de uso cotián na súa faceta de avogado, como membro da asociación xurídica para o normalización do galego. O saber profesional, engade Brea, enriquece os textos literarios. “Creo que fan falta máis profesionais que escriban novela; faltan médicos, abogados, mariñeiros e gandeiros escribindo”. Pola parte que a el lle toca, Brea continuará.