Honra para o legado eterno do profesor Paz, impulsor do cineclubismo e estudoso de Tagore

A familia recolle a Medalla de Ouro de Ourense a título póstumo: “É un acto de xustiza” | Baltar: “Fixo da vocación unha arte” | O catedrático Iván Area leu a laudatio: “Foi un galeguista universal e enciclopédico”

A familia de Paz, coa Medalla de Ouro e o recoñecemento a título póstumo.

A familia de Paz, coa Medalla de Ouro e o recoñecemento a título póstumo. / Alberte Paz

J. F.

Dous anos despois do pasamento de José Paz (1948-2021), o seu legado vese honrado coa Medalla de Ouro de Ourense, outorgada pola Deputación a unha figura clave do cineclubismo, que impulsou hai medio século, e que se converteu, ademais, nun gran estudoso do escritor e Nobel de Literatura Rabindranath Tagore, nunha paixón que comezou a cultivar de mozo, ata chegar a reunir ao longo dos anos a biblioteca máis completa sobre o pensador, constituída por máis de 30.000 volumes.

Este venres, o salón de plenos da Deputación acolleu a celebración da entrega, a título póstumo, da Medalla de Ouro de Ourense a quen foi profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do campus. En nome da familia, o fillo do homenaxeado, David Paz, amosou a súa gratitude ás persoas e entidades que impulsaron e se adheriron a este recoñecemento, que, afirmou, é “un acto de xustiza”.

O fillo aludiu a tres verbas: agradecemento, pena e fortuna. “O agradecemento a todas as persoas que impulsaron este acto de xustiza, a pena pola ausencia do meu pai, a persoa que tiña que estar aquí recollendo esta medalla; e fortuna, esa palabra que axuda a sobrelevar a ausencia, porque todas as persoas que convivimos con el podemos sentirnos afortunados de ter a Pepe Paz”.

David Paz, durante a intervención na homenaxe a seu pai.

David Paz, durante a intervención na homenaxe a seu pai. / Alberte Paz

O acto de recoñecemento, presidido por Manuel Baltar, presidente da Deputación, contou coa asistencia dos membros do pleno desta institución; da familia do homenaxeado –a viúva Ana María Nóvoa, os seus fillos Jorge, David e Nuria; a súa nora Marta e un neto–; de amigos seus, como Isaac Alonso Estraviz; de diversos representantes públicos de varios partidos e tamén de membros da comunidade universitaria, como Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense.

Manuel Baltar salientou que Paz foi “un insigne ourensán, representativo da primeira xeración de posguerra”, que, salientou, “consagrou a súa vida ao ensino e á investigación”.

Chegada á Deputación dos familiares de Paz, o autor da laudatio e as autoridades.

Chegada á Deputación dos familiares de Paz, o autor da laudatio e as autoridades. / F. CASANOVA

Centro sobre Tagore en Ourense

O presidente de Deputación de Ourense manifestou que o homenaxeado “fixo da súa vocación de pedagogo unha arte e ao mesmo tempo destacou como erudito, principalmente no estudo de Tagore, do que se converteu no maior especialista hispano”.

Baltar renovou o compromiso de establecer en Ourense “un centro de investigación onde depositar o valioso legado bibliográfico de Paz arredor da figura de Tagore”. “Será, sen dúbida, a mellor homenaxe que poidamos ofrecerlle a quen tanto deu, sen pedir nada a cambio”.

Autoridades e representantes ourensáns acudiron ao acto.

Autoridades e representantes ourensáns acudiron ao acto. / F. CASANOVA

A laudatio do homexaneado, falecido en abril de 2021, correu a cargo de Iván Area, catedrático da Universidade de Vigo e amigo do homenaxeado e da súa familia. “Este máis que merecido recoñecemento ao profesor Paz só debe ser un punto e seguido no estudo da súa traxectoria vital e intelectual”, destacou o docente.

“A súa vida e as súas obras son as dunha persoa de acción cun infinito amor polo noso país, a súa patria”, dixo Area, “combinando a súa paixón de procurador de libros e o seu amor pola profesión de docente, e pola súa familia, a lingua, Portugal ou a India, deron unha figura inesquecible”. Parafraseando a Carvalho Calero, rematou, “sem os sonhos, sem as utopias, a realidade tende a fosilizar-se en formas esgotadas”.

Iván Area, durante a laudatio.

Iván Area, durante a laudatio. / Alberte Paz

Nado na Corna, concello de Piñor, o 12 de abril de 1948, o homenaxeado, tal e como lembrou Iván Area, tiña un carácter polifacético e caleidoscópico que lle permitiu abranguer unha enorme cantidade de temáticas.Calquera delas podería ser froito de horas de exposición. Desde a miña perspectiva, un xeito de definir a súa traxectoria vital é a dun galeguista universal e enciclopédico, un herdeiro da Xeración Nós”, dixo o catedrático.

Tras estudar Maxisterio e Pedagoxía e realizar a súa tesina sobre A Benposta de Ourense en 1973, Paz foi profesor na Escola Normal de Ourense e logo na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB, ata a incorporación desta escola na Universidade de Vigo, no que hoxe é a súa Facultade de Educación e Traballo Social, onde se xubilou como profesor en 2010.

Ademais, foi membro desde os seus inicios da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, constituíu a Associação Sócio-Pedagógica Galego-Portuguesa e “como profesor universitario foi moi activo en actividades educativas e de renovación pedagóxica”, dixo Iván Area. “Como galeguista universalista, foi un firme defensor do reintegracionismo, xa desde os anos 70 do século XX”.

O acto de recoñecemento, onte na Deputación. |   // FERNANDO CASANOVA

Paz, en 2014, na súa biblioteca sobre Tagore. / BRAIS LORENZO

No acto tamén se puxo en valor que Paz foi un dos impulsores do cineclubismo en Ourense e en Galicia, así como do Ourense lúdico e mesmo da festa dos Maios.

O apartado musical foi cousa de Manuel Brañas, que acompañou a apertura do acto á gaita coa “Marcha do Antergo Reino de Galicia”, interpretou a zanfoña a “Xota de Moialde” e pechou a homenaxe co “Ourense no solpor”, o Himno de Ourense composto por Manuel de Dios.