A guionista, columnista e directora de programas de televisión Ana Cermeño visitou este xoves o centro penitenciario de Pereiro de Aguiar, no marco do programa ‘Aprendamos a ler a información’, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinado pola Fundación “la Caixa”, unha iniciativa que pretende ser unha ferramenta de apoio á reinserción da poboación reclusa feminina da través de diálogos sobre a actualidade e a súa cobertura nos medios de comunicación.
‘Aprendamos a ler a información’ é unha experiencia na que escritores e xornalistas con obra publicada ou con colaboracións habituais nos medios de comunicación trasladarán á comunidade reclusa feminina conceptos básicos para entender a información, buscala nos medios adecuados e colocala nun contexto real socioeconómico, co obxectivo de servir de axuda á súa reinserción. Con ese obxectivo establécese un diálogo coas presas no que poidan explorarse tanto as publicacións dos autores como a análise da información diaria cos seus diferentes enfoques.
Cermeño fixo un repaso ante as reclusas da súa vida profesional, ligada fundamentalmente á televisión como guionista e directora de series, programas e informativos, centrándose especialmente na etapa na que dirixiu ‘Las Mañanas de Cuatro’, cun contido centrado nos sucesos e nunha tertulia política de actualidade. “O dos sucesos é un xornalismo delicado porque xogamos cos sentimentos das persoas”, asegurou, polo que “coa inmediatez que se esixe na televisión, o risco de meter a zoca e non coidar o que se conta é potente”. Para escoller e tratar os sucesos dunha maneira axeitada, Cermeño compartiu coas participantes na xornadas as regras que lle transmitía ao seu equipo: ten que conmover; canto máis proximidade, maior impacto; cómpre averiguar o que ninguén quere contar, e é fundamental coñecer o contexto para entender os porqués.
Ana Cermeño, nada na Coruña en 1963, traballou entre 1986 e 2008 na Televisión de Galicia, onde exerceu de guionista, presentadora, directora, e finalmente xefa de programas da canle. Desde entón ten creado, escrito e dirixido numerosos programas de información ou entretemento, así como series de ficción e filmes. Actualmente forma parte do comité de redacción da revista ‘Luzes’ e escribe en ‘Archiletras’ e ‘Prodigioso Volcán’, e vén de dirixir o documental ‘A lareira’, que se estreará proximamente. Cermeño fixo unha donación para a biblioteca do módulo feminino: os libros ‘No me cuentes cuentos; 100 mujeres españolas que cambiaron la historia y el cuento’, así como ‘Isaac Peral, conquista de un sueño’.
No centro penitenciario de Pereiro de Aguiar, a prisión de referencia na provincia de Ourense, están privadas de liberdade preto de 300 persoas na actualidade, das que unha vintena son mulleres, que conviven nun módulo do recinto. O programa ‘Aprendamos a ler a información’, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinado pola Fundación “la Caixa”, desenvolverase neste centro até o mes de marzo de 2023, coa participación de distintos xornalistas e escritores. O apoio da Fundación “la Caixa” vén dado pola súa inquedanza nos temas de índole social, tal e como recollen os seus obxectivos fundacionais, polo que este marco de colaboración co Colexio de Xornalistas atende á necesidade de dar oportunidades ás persoas en risco de exclusión.