A iniciativa solidaria das presas de Ourense para agarimar os maiores dun xeriátrico

As mulleres internas en Pereiro elaboran adornos de Nadal e postais de apoio e cariño para os anciáns de Campolongo, en Pontevedra: “Foron o piar da sociedade, que non pensen que están sós”

Os adornos que elaboraron as internas de Pereiro, para facer máis felices este Nadal aos maiores de Campolongo (Pontevedra).

Os adornos que elaboraron as internas de Pereiro, para facer máis felices este Nadal aos maiores de Campolongo (Pontevedra). / Fundacion Érguete-Integración / I. O.

Javier Fraiz

Javier Fraiz

Cometeron delitos, están a pagar coa súa liberdade e, mentres cumpren unha condena que se desconta de día en día, non son alleas ao mundo e senten como propios os problemas de quen tamén atravesa dificultades.

Cando as internas do centro penitenciario de Pereiro de Aguiar viron nos medios que os maiores da residencia de Campolongo, en Pontevedra, se encamiñaban a un Nadal en soidade para a maioría, decidiron poñerse en acción. Un mecanismo de empatía e compaixón activouse dentro delas.

“A sociedade tamén nos ten un pouco esquecidas. Só se ve o negativo, pero non o positivo. É importante que se coñezan tamén as cousas boas que se fan no cárcere. Estamos aquí para reinsertarnos”

Por propia iniciativa, as reclusas de Pereiro elaboraron adobíos de Nadal –gnomos de la, bastóns decorados–, e debuxaron e escribiron postais con mensaxes de apoio e agarimo para os residentes do xeriátrico, ao que teñen chegado xa máis de 6.000 felicitacións de toda España, e tamén doutros países.

"Aínda que algúns non teñan familia, hai moita xente, coma nós, que pensa neles. Queremos enviarlles o noso cariño"

“Foron o piar da sociedade que temos hoxe en día. Que non pensen que están sós. Aínda que algúns non teñan familia, hai moita xente, coma nós, que pensa neles. Queremos enviarlles o noso cariño. Estamos aquí pero seguimos sendo persoas”, subliñaba a interna que, tras escoitar a noticia, impulsou a iniciativa. Todas as reclusas do módulo feminino de Pereiro se sumaron. Na actualidade hai 21mulleres privadas de liberdade neste centro penitenciario, de referencia en Ourense.

O acceso ao módulo de mulleres de Pereiro, desde o perímetro interior de seguridade do centro penitenciario.

O acceso ao módulo de mulleres de Pereiro, desde o perímetro interior de seguridade do centro penitenciario. / INAKI OSORIO

“Nestas datas están coma nós, aquí pechadas. O apoio é o que máis necesitan agora, igual ca nós”

“Nós temos tempo, cóstanos pouco e para eles pode supoñer algo moi grande”, explica outra das mulleres sobre a idea que artellaron. Outra reclusa, que acostuma a compoñer poesía como un xeito de autoterapia, animaba as compañeiras a “escribir unha dedicatoria co corazón, co que a cada unha lle saia de dentro”, dixo.

“Foron pais, son avós e nestas datas están coma nós, aquí pechadas. O apoio é o que máis necesitan agora, igual ca nós”, reflexionaba outra das participantes.

“A sociedade tamén nos ten un pouco esquecidas. Só se ve o negativo, pero non o positivo. É importante que se coñezan tamén as cousas boas que se fan no cárcere. Estamos aquí para reinsertarnos”, subliñaba unha compañeira.

Na planta baixa está a zona común do módulo de mulleres de Pereiro. Na superior, as celas.

Na planta baixa está a zona común do módulo de mulleres de Pereiro. Na superior, as celas. / I. OSORIO

A súa vontade de axudar, de estar presentes malia a imposibilidade de saír, materialízase grazas aos talleres que leva a cabo a Fundación Érguete-Integración, unha entidade sen ánimo de lucro que traballa, en convenio co Sergas e mediante itinerarios personalizados, a prol de inserción laboral e a formación de persoas privadas de liberdade, fomentando as habilidades sociais, a autoestima e a súa empregabilidade.

A fundación participa ao ano nuns cincuenta itinerarios personalizados de inserción na prisión ourensá. Entre os centros penitenciarios de A Lama, Teixeiro e Pereiro, e mais os CIS da Coruña e Vigo, Érguete leva atendido este ano a 413 persoas, 301 homes e 112 mulleres.

As usuarias do chamado programa ‘Itínere’ participaron nestas semanas de decembro en varios talleres en Pereiro de Aguiar nos que elaboraron os agasallos dos maiores, ademais de complementar a decoración do seu módulo, o seu fogar temporal, para que o ambiente navideño tamén se respire alí.

Bastóns de Nadal que as internas de Pereiro elaboraron para enviar aos maiores de Campolongo.

Bastóns de Nadal que as internas de Pereiro elaboraron para enviar aos maiores de Campolongo. / Fundacion Érguete-Integración

"Todo xorde da súa propia iniciativa"

A pedagoga e orientadora Lucía Lavandeira é técnica de Érguete. Todas as tardes, de luns a venres, acode a Pereiro para intervir cos reclusos e reclusas de Pereiro. Foron as mulleres as que, como xa fixeran antes cun educador do centro, lle trasladaron a vontade de agarimar os maiores de Campolongo con detalles e mensaxes de Nadal.

"Aínda existe un estigma xeneralizado a nivel social sobre as persoas privadas de liberdade. En moitas ocasións só se ve o delito pero non se debe esquecer a parte humana, cálida e de necesidade que teñen"

“Todo xorde da súa propia iniciativa. Nós como fundación só somos un instrumento facilitador, para ofrecer un extra e que poidan enviar o material. Todo o que recibirán os maiores é feito por elas nos talleres de Nadal do noso programa. Ademais, cada unha quere amosar que teñen a estas persoas nos seus pensamentos por Nadal, que lle envían apertas e os mellores desexos, agradecendo a súa sabiduría e a súa vida de loita, un exemplo para as xeracións seguintes. A ilusión foi das internas e nós quixemos sumarnos e apoiar para que poidan trasmitir o seu cariño. A iniciativa é moi fermosa”, salienta Lavandeira.

Gnomos de la elaboradas polas internas de Pereiro.

Gnomos de la elaboradas polas internas de Pereiro. / Fundacion Érguete-Integración

A residencia pontevedresa de Campolongo, da rede pública, está a recibir moreas de felicitacións e agasallos trala mensaxe que apelaba á concienciación social enviada polo director do xeriátrico. Juan José López pedía aos seus contactos de WhatsApp que remitiran cartas para que os residentes que nestas datas non reciben visitas tamén sintan calor e cariño.

A resposta ten sido inmensa. Malia o aluvión de agasallos e mensaxes que chegaron xa, a fundación contactou co centro para informar da iniciativa das mulleres de Pereiro, e a resposta foi moi positiva. “Están desexando recibir todo”, afirma Lucía.

"É imprescindible que estean enteradas tanto do fermoso como do feo que acontece fóra"

Os talleres de Nadal supoñen o peche anual dun programa que dá relevancia a vencellar as actividades “coa realidade social”, destaca a técnica. “É moi importante que nestas accións formativas e culturais non se perda o fío coa contorna, porque iso axuda ao enriquecemento persoal. Constitúe un exercicio de conexión coa realidade, reconectan co mundo, é imprescindible que estean enteradas tanto do fermoso como do feo que acontece fóra”, subliña.

Adicar o tempo no cárcere a beneficio doutros “fomenta habilidades sociais como a empatía, a compaixón, a solidariedade e o desinterese"

Hai actividades que guían e compasan os profesionais e outras, como a do xeriátrico de Pontevedra, que xorden por iniciativa dos internos. Os talleres aportan beneficios “para traballar a concentración, a paciencia e as habilidades manuais e cognitivas. Son obxectivos pedagóxicos que se traballan dun xeito lúdico”, explica a técnica.

Adicar o tempo no cárcere a beneficio doutros “fomenta habilidades sociais como a empatía, a compaixón, a solidariedade e o desinterese”, aprecia Lavandeira.

Mulleres do centro penitenciario de Pereiro, durante a elaboración dos agasallos.

Mulleres do centro penitenciario de Pereiro, durante a elaboración dos agasallos. / Fundacion Érguete-Integración

Hai unha frase de Concepción Arenal, que traballou a mediados do século XIX como visitadora das presas na Coruña, e cuxo labor a prol da educación e a igualdade se reflicte na novela ‘As malas mulleres’, de Marilar Aleixandre, galardonada co Premio Nacional de Narrativa: “Todas as cousas son imposibles, mentres o parecen”.

"Pretendemos que aproveiten o tempo de cumprimento da súa condena para traballar en programas e superar, en moitos casos, as adiccións que os levaron a cometer os delitos. As persoas cometen erros, os internos tamén, pero tamén fan cousas positivas"

A reinserción, a meta do sistema penitenciario, o mandato constitucional, pode parecer inalcalzanble cando se examina a estas persoas só polos feitos, máis ou menos graves, que cometeron. “Aínda existe un estigma xeneralizado a nivel social sobre as persoas privadas de liberdade. En moitas ocasións só se ve o delito pero non se debe esquecer a parte humana, cálida e de necesidade que teñen”, indica a técnica.

“Os nosos obxectivos son a reeducación e a reinserción. Ás veces non se valora desde a sociedade, semella como que aquí non fixeramos nada e só tiveramos as persoas pechadas, pero nada máis lonxe. Pretendemos que os internos aproveiten o tempo de cumprimento da súa condena para traballar en programas e para superar, en moitos casos, as adiccións que os levaron a cometer os delitos. As persoas cometen erros, os internos tamén, pero tamén fan cousas positivas que é necesario que a sociedade saiba”, expón Francisco González, director do centro de Pereiro de Aguiar, no que leva desenvolvida a totalidade da súa ampla carreira na administración penitenciaria.

Perímetro interior de seguridade no centro penitenciario de Pereiro.

Perímetro interior de seguridade no centro penitenciario de Pereiro. / I. OSORIO

"Os internos tamén coñecen o que é non poder estar cos seus"

A acción solidaria das internas do módulo de mulleres “reconforta os profesionais”, recoñece o responsable da prisión ourensá. “É moi positivo que esta iniciativa saia delas, porque nestas datas tamén coñecen o que é non poder estar cos seus, xa que non todos os internos e internas poden desfrutar de permiso nesta época, ou non teñen dereito aínda a saídas”.

“Tanto don Francisco como o equipo técnico veñen felicitarnos as festas, e traen bombóns. Non nos sentimos tan soas”, agradecía este mércorres unha muller que leva seis anos en Pereiro.

“Polo Nadal, intentamos trasladar ao centro o que se fai fóra: ambientamos os módulos e o xardín central con motivos navideños, hai unha árbore decorada, reproducimos panxoliñas no patio central...”,describe o director.

Corredor de entrada ao módulo de mulleres de Pereiro.

Corredor de entrada ao módulo de mulleres de Pereiro. / I. OSORIO

O 4 de xaneiro, fillos e netos dos reclusos acoden a Pereiro para recibir un agasallo dos Reis Magos

Os días 24, 25 e 31 de decembro, e o 1, 5 e 6 de xaneiro, hai menús especiais no comedor, con doces navideños e algo de marisco. En Noitevella, os presos seguen as badaladas pola televisión, nas celas, e cumpren alí coa tradición das uvas. O 4 de xaneiro, fillos e netos dos reclusos acoden a Pereiro para recibir un agasallo dos Reis Magos.

A vida segue e, mentres estas persoas pagan con meses ou anos de cárcere polos seus delitos, e se rehabilitan, manter a conexión coa realidade dálles azos e unha motivación para chegar á meta cambiados, para non volver.

Suscríbete para seguir leyendo