Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

‘O Macrocosmos’ de Millán Picouto

Cultivou o soneto nas variantes italiana, inglesa e galaica ou ‘picoutiana’

Millán Picouto. FdV

A presentación comezou cun ameno diálogo entre o editor Manuel Ramos e o autor. O editor aludiu aos anos de adolescencia e formación do poeta, información que este corroboraba e ás veces ampliaba: a morte temperá do seu pai, que obrigou o autor a abandonar os estudos oficiais e entregarse a unha formación autodidacta; a súa primeira fase como afeccionado ao debuxo e á pintura; a aprendizaxe das linguas clásicas, que fixo por si mesmo; a súa diversión, á saída do traballo polas tardes, recitando parágrafos oratorios nas prazas da cidade de Ourense, cando quedaban desertas… O editor tamén resaltou, entrando xa na obra en si, que Millán Picouto ten cultivado extensamente a difícil forma do soneto, nas súas variantes italiana e inglesa, e que aínda inventou e cultivou outra forma, simétrica, que se podería chamar galaica ou ‘picoutiana’. O certo é que de sonetos deixa dous longos poemarios, que suman 235: o primeiro, Sonetos da lúa chea; o último, que clausura todas as obras, Sonetos Omega, en español, inspirado pola súa compañeira, Deborah Figueroa, e dirixido e dedicado a ela.

Ao principio da súa intervención, o autor agradeceu ao editor o seu apoio e colaboración durante 21 anos, nos que se publicaron as obras que nesta derradeira edición se compendian: o Ciclo de Venus en 2001, e logo, ata 2014, os seguintes ciclos desde Mercurio a Saturno. Este último mereceu tamén unha publicación da versión española do propio autor, o libro La muerte del Sol, que incluíu a Triloxía Incaica. Dela na cidade de Lima se estreou en 2016 El sueño del Machupikchu no Complexo Arqueolóxico Mateo Salado. No libro obxecto da presentación, O macrocosmos –acompañado na sala da libraría polo volume que contén a versión española, do propio autor, das obras dramáticas, El macrocosmos, que tamén se presentaba, e polo de Música coral– aparecen oito obras inéditas.

Son os seis dramas que compoñen o ciclo de Urano, mais os poemarios Elexías e himnos e os Sonetos Omega, xa citados. Non se omitiu na conversa a tradución ao español que Millán Picouto fixo –e publicou tamén Linteo– do libro Shakespeare identified, 1920, de John Thomas Looney, El verdadero Shakespeare.

Nel declárase, con múltiples probas circunstanciais, a Edward de Vere, conde Oxford (1550-1604), como o autor das obras da “Shakespeare”, nome, por certo, idolizado coa súa obra desde hai tempo. Manuel Ramos aproveitou a ocasión para loar a tradución de “Hamlet” que Millán Picouto fixo cunha longa intodución que resume as razóns da asignación da nova autoría, tradución que en español apareceu por vez primeira coa versión fiel das partes en verso, recreadas co mesmo ritmo iámbico do orixinal.

Dentro da quenda de agradecementos o autor non omitiu o espírito do seu pai. El foi quen lle leu as primeiras poesías que escoitou, e despois corrixiu os seus primeiros ensaios de versificación cando o futuro autor contaba oito anos. E tamén invocou o seu avó paterno, bo versificador que o adestrou. Este, nunha ocasión, a principios da adolescencia do poeta, induciuno e acompañouno a regalarlle á traballadora dunha fábrica, cunha pequena composición, un frasco de amoras.

Por suxerencia do editor, o autor pasou a referir as novidades que contiña o libro, dentro da literatura galega e xeral. Ademais da devandita invención dunha nova forma de soneto, explicou a súa adaptación ao galego das formas das odas alcaica e sáfica, a recuperación do coro para as traxedias e comedias, necesario como voz colectiva expresando o sentido da vida, e a concepción do mundo do autor. Tamén se referiu á escritura da traxedia Empédocles, porque Hölderlin deixou dúas versións inacabadas; ás figuras de María Soliña e Prisciliano, tratadas no teatro por primeira vez; á Triloxía Pascuense, do ciclo de Marte, e á Triloxía Incaica, do ciclo de Saturno, que por primeira vez aparecen no teatro mundial; a Pericles e Aspasia, no ciclo de Xúpiter, representando o amor de ambos os personaxes nos primeiros anos da guerra do Peloponeso, argumento nunca antes tratado; á traxedia Xulio César, escrita polo seu desagrado da obra homónima de “Shakespeare”, que enxalzou a Bruto inmerecidamente –Millán Picouto di¡ que con Bruto foi máis xusto Dante, ao condenalo ao círculo máis pofundo do Inferno–.

Por fin referiuse a tres obras que integran o Ciclo de Urano: A traxedia de Lumumba, o liberador do Congo, asasinado pola CIA en 1961 cos auspicios do Goberno dos EUA, do goberno de Bélxica e xunto á deixación da ONU; A morte de Berta Cáceres, feminista e ambientalista do pobo lenca en Honduras, asasinada en 2016 por oporse á construción dunha presa no río Gualcarque. Neste caso, a obra dramática de Millán Picouto publicouse precisamente poucos meses despois de ser condenado o autor intelectual do asasinato, en 2021. Logo referiuse á última traxedia escrita, “O ocaso de Teotihuacan”. Nela Axauíla, a suma sacerdotisa do templo e pirámide da Lúa, identifica como a mesma forza o Amor e a gravitación universal.

Na quenda de preguntas do público, Xosé Lois González “O Carrabouxo” –que foi actor nas primeiras obras de Millán Picouto– preguntoulle por que estes dramas non teñen sido representados. O autor respondeulle que por varias cousas: porque o teatro actual non valora a palabra, a pesar de ser o elemento esencial do teatro; porque cada época percibe só o que espera, e a actual está imbuída dun literatismo amaneirado que non leva a ningures; e porque como autor nunca adulou ningún preboste literario, que adoita ser destacado polo poder como exemplo.

Millán Picouto acabou a presentación convidando aos asistentes a adquirir O macrocosmos, con estas palabras: “Dentro de cento cincuenta anos un volume destes será subastado por un millón de euros, o que, coa evolución dos prezos, daravos para pagarlle á bisneta dunha trasneta vosa unha semana na universidade”.

Compartir el artículo

stats