Cada verán, durante case 20 anos, o escritor británico Graham Greene voltaba ao seu retiro no mosteiro de Oseira, ao que a historia contempla desde hai un milenio, desde o primeiro asentamento de relixiosos en 1137. Entre os seus muros grosos pode un respirar a paz que provén do seu entorno privilexiado: óese o murmurio do río que cruza o campo de Casledo, e neste val da Serra da Martiñá a vexetación vaise afacendo ó decurso das estacións, e muda a paleta de cores.

A paisaxe favorece a vida tranquila, o ora et labora que, nestes tempos tan ruidosos, aínda practica unha decena de monxes neste lugar do concello ourensán de San Cristovo de Cea. No mosteiro, Green escribiu ‘Monseñor Quijote’. Na súa hospedaría, e tamén nos seus dous albergues do exterior –o máis moderno está aberto desde abril– teñen procurado pausa e relaxación moitos homes e mulleres anónimos, e algúns ben coñecidos.

Unha das lendas asegura que unha das meirandes estrelas da música estivo aloxado aí. Lembrábao o músico galego Carlos Núñez, hai uns días, antes de regresar a Oseira, este domingo, para facer do mosteiro un dos seus escenarios únicos da súa xira ‘Lugares Máxicos’.

Un total de 450 persoas asistiron ao espectáculo, na igrexa medieval do cenobio. As entradas dispoñibles esgotáranse con antelación.

Carlos Núñez, dirixíndose ao público en Oseira. FERNANDO CASANOVA

“O Irmán Luis díxome que estaba convencido de ter coñecido a Syd Barrett, de Pink Floyd, no mosteiro. Confesoume que cando se pechou alí nos 70, aínda non era monxe, era artista, pintor. Foi naqueles anos cando outro misterioso artista, cunha guitarra e unha gravadora na equipaxe, se pechou con eles durante unha semana, en Oseira. Aquel home, con forte acento inglés, que apenas falaba con ninguén, pasaba o día metido na súa cela ‘meditando á súa maneira’, compoñendo coa súa guitarra. ‘Creo que era el’. ‘Eu era moi novo e acaba de chegar’, díxome”.

Son varios anos os que leva Núñez escollendo Oseira como un dos seus escenarios máxicos. “Durante aquel primeiro concierto descubrín que a acústica do mosteiro non convida a cancionciñas de 3 minutos de duración, cheas de variedades e cambios, senón que induce a un estado mántrico no que priman as macroestruturas interminables. Estes foron conceptos ben coñecidos polos músicos medievais ou os mestres das nubas de Marrocos, pero tamén para os inventores do rock sinfónico, como foron Syd Barrett e o seu grupo Pink Floyd. Así que, lenda ou realidade, o máis interesante desde o meu punto de vista é que este lugar, cheo de viaxeiros meditadores, conecta non só coa contemplación da natureza, senón tamén co mesmísimo trance”, expuxo no seu Facebook o artista vigués de raíces ourensás.

A igrexa de Oseira, un escenario "máxico". FERNANDO CASANOVA

Carlos Núñez ten viaxado musicalmente durante toda a súa carreira, á procura das conexións da música tradicional galega co universo celta, con outros estilos cos que é quen de atopar vencellos, sempre con criterio científico, baseándose na relación histórica das culturas.

Núñez amosa as conexións co flamenco, co pop e o rock, coas melodías celtas de Bretaña, Irlanda e Escocia, e tamén co pasado, coa música medieval que o Mestre Mateo capturou para sempre no Pórtico da Gloria.

En varias localizacións emblemáticas de Galicia están esgotadas con días de antelación as entradas para ver o xeito de Carlos Núñez de facer maxia coa música galega, que é universal. O seu traballo máis recente inclúe colaboracións de Rozalén, Tanxugueiras, Iván Ferreiro, Andrés Suárez ou Glen Hansard, con motivo do 25 aniversario do seu primeiro álbum, ‘A Irmandade das Estrelas’.

Carlos Núñez: "No me importaría volver a empezar"

Carlos Núñez: "No me importaría volver a empezar" S. R. | M.B | O.L

A xira de verán por escenarios únicos como Oseira –as seguintes paradas son no Pazo de Baión, o 4 de agosto, no miradoiro de Monteferro as dúas xornadas seguintes, e de novo en Ourense, no mosteiro de San Salvador de Celanova, o día 8–, “pon en valor o noso, é máis respectuoso co medio ambiente, afástanos das masificacións da vida moderna e, sobre todo, conéctanos coas mellores enerxías da tradición e a natureza”, subliña o entorno do artista.

Núñez, coa gaita. FERNANDO CASANOVA