Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De Texas a Galicia para coñecer neofalantes: “Quero fomentar o galego nos Estados Unidos”

Un xove estadounidense cruza o Atlántico para estudar as motivacións das persoas que acaban de incorporarse ao uso da lingua autóctona en Ourense

Luke Bishop, no parque de San Lázaro, en Ourense, cidade que ama. FERNANDO CASANOVA

Topar un estadounidense que fala galego non é doado. Cruzarse os case 8.000 quilómetros que separan Texas de Galicia para irmandarse con neofalantes do idioma patrio, aínda menos. Pero Luke Bishop, un xove de 27 anos, é un amante do noso, un predicador do idioma con alma de Breogán: “Quero fomentar a presenza dos estudos galegos nos Estados Unidos”.

Crecido en Iowa, Luke atópase facendo o doutoramento en Lingüística Iberoamericana na Universidade de Texas en Austin, tras estudar a carreira de Linguas Romances. Hai un mes decidiu sobrevoar o Atlántico na procura de persoas que se acaban de incorporar ao uso do galego, concretamente na cidade de Ourense, no marco dun estudo piloto previo á súa tese: “A idea é entender as motivacións dos neofalantes para falar galego”.

decoration

A historia de amor de Luke con Galicia remóntase ao 2015 na cidade de Vigo. Como tantas outras cousas na vida, a casualidade dunha opción remota prendeu a mecha, pois o seu desexo primitivo era o de coñecer o catalán.

“Eu estudei sobre todo castelán e francés, e tiñamos que facer un semestre doutra lingua romance. Moitos dos meus amigos escolleron italiano, pero eu quería unha lingua rexional de España porque me pareceu interesante e decidín aprender catalán”, conta o mozo. O seu destino foi ben diferente: “Nas miñas preferencias, indiquei a Universidade de Vigo no cuarto lugar... e tocoume Vigo (risas), e encantoume, encantoume”, insiste. Dende ese momento, a súa vida mudou por completo: “Non era a miña primeira opción, pero agora Galicia si que a é. Non me arrepinto para nada”.

O mozo, sentado nunha terraza da cidade das Burgas. FERNANDO CASANOVA

Un apaixonado da cidade de Ourense

Impresiona non só a case perfección das súas palabras, senón tamén o esforzo continuo por mellorar o seu galego. Unha explicación disto atópase no ano que viviu en Ourense durante o curso 2017-2018 como lector de inglés no instituto Otero Pedrayo. Esta experiencia descubriu a parte celta —e ourensá— que tiña escondida no seu corazón: “Cumprín o desexo de volver a ese lugar que me encanta, porque cando vou a Ourense, sinto que estou nunha cidade feita polos ourensáns”. O ambiente dos Viños e a comida autóctona convencérono da cabeza aos pés: “En Ourense tes a sensación de que fas parte dunha comunidade”.

“Cumprín o desexo de volver a ese lugar que me encanta, porque cando vou a Ourense, sinto que estou nunha cidade feita polos ourensáns”

decoration

O motivo da súa investigación radica precisamente na urbe ourensá: “É un grupo moi interesante porque hai estudos académicos dos neofalantes nas cidades máis grandes de Galicia, pero non en Ourense e obviamente os hai”, asegura.

No seu día a día, o iowano ten a súa residencia en Santiago de Compostela, onde recibe clases particulares de galego no Instituto da Lingua Galega (ILG) a través dunha “bolsiña”, como él mesmo fala, da súa propia universidade. E aproveita os xoves pola tarde e os venres para trasladarse a Ourense —dorme en albergues ou en casas de colegas— e coñecer neofalantes.

Dun anuncio en papel ao éxito en Twitter

Para atopar as persoas para o seu estudo, decidiuse pola vía tradicional, pero as redes sociais acabaron sendo o seu verdadeiro altofalante: “Escribín un anuncio e imprimín varias copias, pero alguén o publicou despois en Twitter, e en Instagram, e recibín un montón de rechíos”. Agora séntese feliz polo acollemento: “Tiven moitísima sorte. As persoas están sendo 'supermajas', están ofrecéndose para axudarme dende todas as partes de Galicia e incluso xente que agora vive fóra de Galicia, pero que é galega”, comenta.

Como conclusión desa vórtice de apoio dixital, dá fe do “desexo da poboación galega de fomentar a lingua”, e así o repite en varias ocasións: “Os galegos teñen realmente moito orgullo da súa cultura e queren compartir a beleza da vida en Galicia cos estranxeiros; entón para min sempre foron e son súper supersimpáticos, son xente moi aberta e moi hospitalaria”.

Como conclusión desa vórtice de apoio dixital, dá fe do “desexo da poboación galega de fomentar a lingua”, e así o repite en varias ocasións: “Os galegos teñen realmente moito orgullo da súa cultura e queren compartir a beleza da vida en Galicia cos estranxeiros"

O seu modus operandi pasa pola gravación das súas entrevistas cos neofalantes, a maioría cara a cara, aínda que tamén por videochamada, nas cales lles presenta “unha pequena enquisa sobre os seus hábitos lingüísticos diarios”. O seu obxectivo é rexistrar todas as conversas que poida ata a súa volta aos Estados Unidos, dentro de algo máis dunha semana.

Unha vez chegue a terras norteamericanas, os seus plans futuros pasan por presentar o seu traballo de campo “en congresos académicos”, mais antes deberá amosarllo aos seus profesores para “ir desenvolvendo a proposta da tese”, a cal se transformaría “nun estudo máis grande con máis fases, entrevistas en grupo, etnografía...”. O colofón, aínda por decidir, sería probablemente elaborar "un libro ou artigos académicos” co material apañado.

Luke, feliz durante a súa estadía en Galicia. FERNANDO CASANOVA

Un futuro en Galicia ou nos EUA?

“A miña idea é ser profesor nunha universidade dos Estados Unidos —actualmente xa imparte algunhas clases de español—, pero a gran vantaxe de ser profesor dunha lingua alí é que hai programas para ir a outros países nos veráns levando aos teus alumnos durante unhas 6-8 semanas”, conta Luke, esperanzado deste xeito e pensando xa nunha vida compartida entre os EUA e Galicia, concretamente en Ourense: “Penso en vivir en Ourense. Gustaríame facer este tipo de programación e ir fomentando a presenza dos estudos galegos nos Estados Unidos; vou explicarlles aos meus alumnos que España non só é as súas grandes cidades como Barcelona e Madrid, senón que tamén hai moitísimo en Galicia”.

Os que saben din que sempre hai que deixar algo sen visitar daqueles lugares que un descobre, e Luke xa ten o seu: “Encantaríame pasar máis tempo nunha aldea porque é unha parte da vida galega que non coñezo moito”. Quizais sexa daquí a uns anos, xa como ‘apóstolo’ do galego, cando poida cumprir o seu desexo. 

NATUREZA, POLBO E LICOR DE HERBAS

Un dos elementos que máis cativou a Luke de Galicia é a natureza que a ‘viste’, un combo perfecto se a iso se lle suma que está a preparar unha maratón: “Gústame o acceso á natureza daquí, incluso nas zonas máis costeiras; a variedade que hai é algo incríbel, cada vez que vou correr podo escoller unha ruta totalmente nova e iso é un gusto total”, expón.

De Vigo, quédase co monte Galiñeiro; de Ourense, admira o “montón de sendeiros” que atesoura; e en Compostela, adestra no monte Pedroso ou polas rutas do Camiño de Santiago, cara Fisterra por exemplo.

A temperatura é outro dos puntos clave para o estadounidense: “Texas é un inferno, levamos con 35 graos dende maio e vai durar até outubro, é un clima moi duro, en Ourense ás veces tamén o é (risas), pero non durante a metade do ano”.

En canto ao padal, o xove adora “todo o típico de Galicia”, amais do licor café e, sobre todo, o licor de herbas —especialmente pola noite—: “No centro de Texas non temos mar (risas), polo que me encantan as luriñas, o polbo, o peixe, o marisco...". Con todo, non é o sabor, senón o tempo compartido o que enxalza verdadeiramente: “O que máis me gusta de aquí son eses xantares longos, tomar o tempo para gozar da comida, aquí hai unha cultura moi bonita de xantar cos amigos ou coa familia e falar e falar e falar”, comenta.

Compartir el artículo

stats