Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Javier Fraiz | Xornalista de FARO e autor da novela ‘Morte no Espello’

“O escenario político, mediático e social de Ourense é moi apropiado para a literatura”

“Non había guión previo, si tiña claro que quería reflectir o abuso de poder e a corrupción”

O xornalista Javier Fraiz, autor da novela 'Morte no espello'. IÑAKI OSORIO

“A meus pais, pola cabeza e o corazón”. É a dedicatoria de ‘Morte no Espello’ (Editorial Galaxia), a primeira novela do xornalista Javier Fraiz (Ourense, 1986), que identifica a disxuntiva na que se ve Salvador Carrillo, bispo de Presenza, e tamén Pablo, un xornalista que é coprotagonista. A novela ten a súa base no abuso do poder relixioso, económico e social sobre un feito ficticio e inédito, un asasinato no Bispado. O autor comezou cos primeiros capítulos da novela no 2016 e, tras un proceso de revisión e edición, publica unha historia que deixa claro no primeiro capítulo quen é o asasino, sen que a intriga remate nas primeiras páxinas, senón que alimenta as dúbidas e plantexa a pregunta de se o culpable vai ser quen de eludir a xustiza finalmente.

–Que hai de Ourense na novela?

–Non existe unha identificación clara, pero si moitas referencias, porque é unha cidade na que nacín, na que vivo, na que traballo e da que absorbo a maioría do material que recollo na historia. Aínda que esta é unha novela de ficción total, por se alguén ten a tentación de pensar que está baseada en personaxes reais. Como pasa sempre, as cousas que coñecemos, o día a día e as circunstancias que experimentamos están impresas nas páxinas. Ourense non se chama Ourense, pero está bastante presente, a verdade.

–A lectura dá pé a pensar no Bispado, na comisaría e nalgún que outro xornal local.

–Si, en certa medida, como se fala tamén do exercicio do xornalismo, ao que me levo dedicado estes doce anos, na sección de sucesos e tribunais. Parte das miñas influencias para escribir esta novela teñen que ver co que levo feito no meu día a día. Pero como dicía, hai moita distancia entre o que se conta e as vivencias reais.

–Na novela hai moito de vostede.

–Si, hai moito de min como persoa á que lle gustan determinadas lecturas, escoitar música, escribir...

–Que significa para vostede ‘Morte no espello’?

–Un pouco o que se conta na cuberta do libro. Ás veces, a forma máis rápida e directa de conectar vidas distanciadas é a través de finais moi similares. Dúas mortes practicamente idénticas vencellan a dous dos personaxes principais. É, por tanto, un xogo de palabras que sintetiza un dos temas do libro.

–Fala de mortes, pero sen facer moito spoiler, mesturar relixión e asasinato foi un acerto. Como xurdiu a idea?

–Eu son xornalista, a min a etiqueta de escritor quédame moi grande. Aínda hai veces que creo non defender con suficiente dignidade o labor do xornalismo, como para pensar que son un escritor. Si que é certo que, a diferenza doutros autores, que adican moito tempo a estructurar e organizar un esquema previo para desenvolver a novela seguindo ese guión, eu non. Tiña claro que temas quería reflectir, máis que como o quería facer: o exceso do poder e a corrupción, que fan máis doado caer en determinados abusos. Quería contar esa realidade e ademais pretendía deixar claro xa no primeiro capítulo quen era a vítima e tamén quen era o asasino. Sen que soe raro, nin moito menos, parecíame ben intentar unha certa innovación e identificar desde o comezo esas incógnitas principais, para que o lector se pregunte que queda por diante nas 200 páxinas que aínda hai por ler. Esa era a idea inicial, e o propio ritmo da narración foime levando por diferentes camiños. Pero non tiña un guión marcado, foise definindo no proceso de escritura.

–Nese proceso, aparecen episodios do Ourense actual, o de hoxe, como o “transfuguismo”.

–(Risas) Si, é verdade. O bo que ten Ourense é que o seu escenario político, mediático e social é moi apropiado para a literatura. O que pasa en Ourense ás veces parece máis ficción que a literatura e, nese sentido, aporta referencias moi interesantes. Con todo, todo o que poida resultar similar na novela ao Ourense de hoxe, non é a base, porque este libro comecei a escribilo no 2016 e remateino en 2019, co cal aínda non sucederan algún dos hits da historia ourensana.

–Foi un visionario...

–(Risas) Tanto coma iso non. Como che dicía, Ourense ao longo da súa historia ten amosado unha capacidade máis que sobrada para superar a ficción.

–Fala de ficción, pero hai moita realidade. Na novela, as referencias á Biblia aparecen o longo do relato. Tivo que lela para concretar esas citas?

–É certo que me interesaba contrapoñer puntos da narración, sobre todo cando o bispo se ve acurralado, co seu marco de referencia, as escrituras, a relixión e esa especie de literatura fantástica que supón a crenza sen ningún tipo de discusión dunha relixión. Aquel que non discute nada da súa fe, pase o que pase ao seu redor, non deixa de ser unha especie de amante da literatura fantástica. Si que me gustaba comparar unha cousa coa outra e si que volvín á Biblia, por primeira vez desde que estudaba no colexio das Franciscanas en Ourense. Desde entón non volvera lela. Busquei determinadas pasaxes e fixen unha lectura concienzuda. Acabei por entender e por descubrir que ten certo sentido que a Biblia sexa o libro más traducido do mundo, porque todos os temas principais se contan nel. Hai unha parte da novela na que un persoaxe di a outro que o bispo ten razón e que todo está na Biblia. Nesa procura de confrontación da realidade coa fantasía, os desexos cos acontecementos, fixen esa busca na Biblia.

–A cuberta do libro é outro elemento de atractivo para o público.

–Si, creo que é un deseño que chama a atención. Incluso pode ser unha forma de deixar entrever o que vai pasar no libro, o que comentaba antes, o de identificar o asasino e a víctima no comezo da novela. Ao mesmo tempo, é unha maneira de lanzar un primeiro flash para animar á lectura.

–Se titulamos que ‘O bispo mata un estranxeiro’ tamén alimentaría a lectura.

–(Risas) Si, pero mellor que non pareza que é unha noticia, deberías ter coidado co titular, igual buscas un problema como lle pasa ao xornalista que coprotagoniza a novela.

O autor, nunha imaxe promocional da novela. INAKI OSORIO

“Hai profesionais que, con vocación e vontade, son quen de superar as dificultades”

–A historia e a instrahistoria de Pablo, o xornalista do libro, supón unha crítica ao xornalismo de hoxe, como fai co abuso de poder.

–Si, e quizais estea influído polas circunstancias relativas ao proceso do libro. O exercicio diario do xornalismo restoume tempo para poder continuar coa novela. Houbo ocasións en que pensei que non sería quen de rematar, ou non sería quen de construír a historia por completo. Pode ser que ese ánimo pesimista acabara aparecendo nalgúns momentos deste libro. E ademais, o meu traballo é o xornalismo e era inevitable que nunha novela que fala dunha investigación e da importancia da vocación profesional non estivera representada a miña propia.

– Pablo perde ese sentimento vocacional nun episodio que sucede na novela. Un reflexo, ás veces, da situación actual, non cre?

–Penso que cada vez estamos máis expostos ao risco de que as dinámicas diarias, os novos medios de produción e ata a precarización, hai que dicir as cousas como son, nos arrastren a ese terreo da incomodidade e da falta de motivación. Quería contar no libro que, a pesar das dificultades, hai determinados profesionais que son capaces de sobreporse ás circunstancias e manter en alto a vocación e a vontade, que son as únicas saídas para seguir adiante coa profesión cando parece que todo se pon en contra.

–Que espera da crítica da novela?

–Sinceramente nada, só espero que lle guste á xente que poida chegar a lela, que lle faga pasar un rato entretido e que, de paso, coñeza un pouco máis o exercicio periodístico. Tamén me gustaría que se vexa reivindicado o labor dalgunhas persoas máis ou menos anónimas, moi válidas aínda cando non conseguen bos resultados, como é o caso do comisario, que está a piques de xubilarse e grazas á súa vocación consegue que triunfe a xustiza e se impida un abuso de poder.

–Con que personaxe se queda de todos os da novela?

–Todos me resultan afíns. Aínda que é un libro de ficción total, digamos que hai rasgos de personalidade que vas collendo da xente que coñeces e da xente coa que tratas. Os personaxes son moi parecidos, pero tamén moi diferentes das persoas que eu puidera coñecer. Era Borges quen dicía que estaba máis orgulloso dos libros que lera ca dos que escribira. E eu por suposto tamén. En cada comezo dos capítulos hai citas de grandes autores, relacionadas coa historia e que amosan a miña paixón pola lectura.

Compartir el artículo

stats