“Amigos do libro galego / Artes e letras”, constituida en decembro de 2020, puxo en marcha varias liñas de actuación. Unha delas é a publicación dun anuario do relato curto. Ediciones Linteo, que dirixe o profesor Manuel Ramos, asumiu o reto de sacar á rúa o primeiro volume, Fisterra. Relato curto en Galicia. Conta coa participación de corenta escritores.

O autor do prólogo, Manuel Forcadela, contempla o primeiro volume como “un mostrador panorámico que ofrece unha cantidade suficiente de exemplos para vermos cales son as tensións, as polarizacións, os magnetismos, que guían a produción narrativa nos anos que xa conducen o novo século á plena madurez”. Ademais de subliñar que os autores e as autoras que participan, “pertencen a todas as promocións e xeracións vixentes na data, con mais de cincuenta anos de diferenza temporal entre os máis distantes. Desde os nados nos anos trinta e corenta da pasada centuria até os nados na década de extinción do século pretérito. Desde os que comezaron a publicar as súas primeiras obras de ficción a finais da década dos anos cincuenta, da centuria pasada, até os que acaban de estrearse, coma quen di, agora mesmo. Setenta anos, pois, de convulsión e de exercicio de liberdade de expresión a través do relato e de emprego do relato como ferramenta expresiva, como moldura que soporta todas as tensións e magnetismos de que falabamos no principio, como paisaxe dunha mirada contemporánea que vén desde as páxinas do diario romántico ao último chío de Twitter”.

Polo tanto, Forcadela cualifica este libro como “unha xoia”, que “seguirá a emitir os seus brillos durante décadas e décadas, como un faro, cada vez máis distante, que nos advirte da presenza do límite dunha terra. Fisterra. Finis Terrae”.

Despois de vinte anos de silencio no eido da narrativa, o mestre Xosé Luís Méndez Ferrín sorpréndenos con “Barbaña”, un conto no que descobre que el tamén tivo un irmanciño. Pero o seu non foi un pinsapo, como o de Ramón Otero Pedrayo. Foi un fermoso can, que lle presentou a nai “con carraxe” no momento que descubriu que non podería ter máis fillos.

Tamén recolle os dous últimos relatos que escribiu Darío Xohán Cabana, falecido o 17 de novembro de 2021. Despois de descartar prácticamente a súa participación, porque levaba dez anos sen facer relato curto, chamou por teléfono ao coordinador o día 29 de abril do ano pasado para anunciarlle:“Aí che van ‘Dúas novelas históricas’, con sorna, ao tratarse dun “díptico tan breve”, agregaba o autor.

Descobre que el tamén tivo un inmanciño, como Otero Pedrayo

Xavier Alcalá retoma no relato “O avó vasco” o ambiente da novela A nosa cinza, da que se venderon 80.000 exemplares. Carlos G. Reigosa recorre ao seu detective Nivardo Castro para resolver un caso de trata de mulleres, en clubes de alterne de Lugo, anterior a Crime en Compostela. O escritor ourensán nacido en Suiza Diego Ameixeiras, ofrece un guión de xénero negro trepidante. Pedro Feijóo, un impresionante relato de pederastia, que conmove pola súa transparencia e a brutalidade do protagonista. Olga Novo, un relato apegado á pel da autora, no ambiente da Galicia profunda, que resolve de xeito maxistral, fóra da súa zona de confort, a poesía, que a fixo merecedora de importantes galardóns coma o Premio Nacional de Literatura. María Canosa, unha grande autora que ofrece un texto con claves agachadas. O lector poderá descubrilas a través de varias incursións. Luz Darriba aporta abraiantes escenas, ausencias e silencios en torno ao mundo das arañas, cunha mociña como vítima agachada. Marica Campo recunca con varias historias conmovedoras en torno ao mundo da auga e á trata de mulleres.

Ramón Caride asume o reto de meterse na pel de Eduardo Blanco Amor para facer unha actualización de A Esmorga. Os protagonistas da novela utilizan as palabras e a terminoloxía que corren polo casco vello da cidade, calquera noite de troula.

Alfonso S. Palomares relaciona a orixe das augas termais de Ourense, coa chegada a Galicia duns diaños bondadosos, que se agacharon debaixo da terra e sementaron pequenos incendios para non pasar frío, despois de ser expulsados das cortes celestiais pola súa neutralidade: permaneceron equidistastes entre o ben e o mal.

O director de Xerais, Fran Alonso, conta en “Os relatos de abril” unha das aproximacións que fixo a Portugal, con Ferrín como conselleiro, para que non se trabucara ao facer o transbordo antes do Porto, coa finalidade de chegar ao seu destino en Lisboa. O director de Galaxia, Francisco Castro, agasállanos cun extraordinario relato histórico sobre a inauguración que fixo Franco do hospital do Pirulí, pouco despois de rematar a Guerra Civil, cos mendigos da cidade de Vigo como figurantes ou enfermos imaxinarios.

Antón Riveiro Coello presenta “Un vestido para Vera Gurtélov, ambientado na Segunda Guerra Mundial. Fernández Naval achéganos á represión exercida nun dos cárceres improvisados na cidade de Ourense durante a Gurra Civil, coa referencia do alcalde asasinado Manuel Suárez ao fondo.

Recolle os dous últimos relatos que escribiu Darío Xohán Cabana, falecido o 17 de novembro de 2021

Martínez Oca condúcenos en “As palabras máxicas”a Migueliño e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; Úrsula Heinze, ao seu momento actual, como creadora e como persoa, en contraste coa forza e o erotismo que reflectía nalgunha das súas etapas anteriores, con libros como Culpable de asasinato (1994).

Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer ofrecen dous relatos, tan deliciosos como breves.

Fisterra. Relato curto en Galicia conta con máis dun corenta por cento de participación feminina. Aportan valiosos textos a este volume Rosa Aneiros, Carmen Blanco, Marica Campo, María Canosa, Paula Carballeira, Luz Darriba, Úsula Heinze, María López Sández, Andrea Maceiras, Marina Mayoral, Eva Moreda, Olga Novo, Enma Pedreira, Elvira Ribeiro, Eli Ríos, Anxos Sumai e Rexina Vega.

Fisterra. Relato curto en Galicia está concibido como un encontro virtual no final do camiño, tecido en tempos de pandemia, dende onde Galicia mira o mundo.

A parte gráfica do libro corresponde ao fotógrafo de Baiona Víctor Rdez, como autor da portada, unha luminosa imaxe do mar de Fisterra, e ao escultor Acisclo Manzano. Deseñou “As Deusas de Fisterra”, que aparece na contraportada e nunha lámina asinada polo artista e numerada do un ao cen. Recibiranna os autores e colaboradores do libro.