A música, escritora, educadora e produtora Cristina Pato (Ourense, 1980) debuta como novelista con “No día do seu enterro”, publicada pola editorial Galaxia na colección Literaria. É unha obra sobre o poder da palabra, sobre a nobreza dos invisibles e sobre as verdades non contadas. Unha conmovedora historia sobre o que significa reconstruír a vida para poder sacar adiante unha familia.

Cristina Pato, que divide o seu tempo entre Nova York e Galicia e comparte a súa vida co fotógrafo Xan Padrón, presentará “No día do seu enterro” na Feira do Libro de Ourense, nun acto aberto ao público que terá lugar este xoves, 9 de xuño, ás 19 horas, nas instalacións da Rúa do Paseo. A autora estará acompañada por Victor Freixanes, escritor e presidente da Real Academia Galega.

Máis actos noutras cidades

“No día do seu enterro” é unha historia personalísima que pon en valor a grandeza do pequeno, dos actos desinteresados, e das accións que ninguén ve pero que son capaces de transformar a sociedade.

Escrita e publicada en galego, a novela está dispoñible en todas as librarías de Galicia. As presentacións da novela continuarán a finais de mes, en Vigo (27 de xuño, Librouro); Santiago de Compostela (28 de xuño, Couceiro), xunto ao escritor e director xeral de Galaxia, Francisco Castro; e na Coruña (29 de xuño, Berbiriana).