Guezos, unha banda ourensá que naceu en 1999 e mestura pop, rock e folk galego, presenta este vindeiro xoves 9 de xuño, ás 19 horas no Liceo de Ourense, o videoclip da súa canción ‘Faíscas’, que poderá verse na plataforma de vídeos YouTube a partir das 12 horas do venres 10 de xuño, data de estrea de seu novo disco, que leva o mesmo nome.

As faíscas representan “o paso fugaz do tempo, das vidas e de como todo pasa moi rápido, case sen decatarnos”, explican. O disco está formado por 7 cancións, entre elas 3 versións que levan anos acompañando ao grupo. Foi gravado en Ourense, en Xílgaro Estudios, e masterizado en Pontevedra por DR. Chou.

O videoclip implicou a un equipo de profesionais galegos baixo a dirección do ourensán Aitor Uve, na paraxe da Edreira, Laza, no macizo central de Ourense. Na súa presentación, no Liceo, estará o grupo, que interpretará algúns temas en acústico. A entrada é libre ata completar o aforo.

A letra de Faíscas é de Anxo Fernández, que colabora con Adrián Beiroa na composición da música. Participan Beiroa como voz principal; Anxo Fernández nos coros e teclados; Roberto Reboiro ao baixo eléctrico; Modesto Cid coa gaita; Xabier “Morta” Domínguez co whistle e a gaita; Fran Díaz á batería e percusión; e tamén David Quintas, guitarra acústica e eléctrica.

A cuberta do disco.

O sábado, ás 16 horas, a banda dá un concerto de presentación na Arca da Noe, en Vilar de Santos, coa colaboración da Banda de Gaitas de Xinzo. Durante o verán percorrerán Galicia para amosar ‘Faíscas’. As datas actualizadas están en www.guezos.com ou nas súas redes sociais.