A maioría dos autores referentes da narrativa en galego participan en ‘Fisterra’, unha obra coral que publica a editorial ourensá Linteo como primeiro anuario do relato curto na nosa lingua. O volume conta con textos da gran maioría dos autores máis recoñecidos en Galicia. Está impulsado pola entidade cultural Amigos do libro galego/Artes e letras, de recente creación, da que forma parte o escritor ourensán Xosé Manuel del Caño, xornalista do FARO DE VIGO durante 30 anos e delegado en Ourense os últimos 15, ata a súa xubilación en decembro de 2020.

Nesta obra coral contribúen con composicións breves Xavier Alcalá, Fran Alonso, Xosé María Álvarez Cáccamo, Diego Ameixeiras, Rosa Aneiros, Anxo Angueira, Carmen Blanco, Darío Xohán Cabana, Héctor Cajaraville, Marica Campo, María Canosa, X. M. del Caño, Paula Carballeira, Ramón Caride, Francisco Castro, Luz Darriba, Pedro Feijoo, F. X. Fernández Naval, Alberto Fortes, Carlos G. Reigosa, Úrsula Heinze, María López Sández, Andrea Maceiras, Xesús Manuel Marcos, Paco Martín, X. M. Martínez Oca, Marina Mayoral, X. L. Méndez Ferrín, Xosé Miranda, Estro Montaña, Eva Moreda, Olga Novo, Emma Pedreira, Elvira Ribeiro, Eli Ríos, Antón Riveiro Coello, Claudio Rodríguez Fer, Alfonso S. Palomares, Anxos Sumai e Rexina Vega.

A cuberta do libro.

A cuberta do libro. LINTEO

O vindeiro lunes, 6 de xuño, ten lugar a presentación do libro, no salón nobre do Liceo de Ourense. Intervirán no acto Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Manuel Forcadela, autor do prólogo, escritor e profesor da Universidade de Vigo; Manuel Ramos, director de Edicións Linteo, que en 2023 acadará os 25 anos de actividade; así como Xosé Manuel del Caño, coordinador do traballo xunto a Manuel Pato Vidal, Manuel Álvarez e ‘Amigos do libro galego, Artes e letras’.

Xosé Manuel Del Caño, coordinador do proxecto e exdelegado de FARO en Ourense. INAKI OSORIO

O proxecto terá continuidade, con máis volumes. O primeiro, que sae do prelo co apoio de Linteo, conta con máis dun 40% de participación feminina. O segundo, cuxa publicación se espera con outra editorial para comezos de 2023, supera o 50% de aportación de autoras.

Como explican os promotores da iniciativa, lonxe de facer unha lectura superficial desta publicación, o recomendable sería contrastar estes relatos coa importancia que ten o conxunto da obra de cada autor. Detrás de cada texto hai unha preparación, unha traxectoria, unhas vivencias e unha experiencia que condicionan o estado actual, o momento anímico e creativo dos escritores. Polo tanto, este libro non ten máis que a pretensión de converterse nun chanzo ou nunha canle para pasar da literatura que se fixo ate agora á que empezará a agromar nas próximos semanas, meses e anos.