O actor e humorista Xosé Antonio Touriñán estivo onte na cidade de Ourense para falar sobre emprendemento no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) de A Farixa, onde se imparte o Ciclo Medio de Vídeo-DJ e o Ciclo Superior de Produción audiovisual. O artista mantivo un encontro con todo o alumnado, no salón de actos. Os estudantes puideron coñecer de primeira man un dos casos paradigmáticos nos últimos anos de inicaitiva no audiovisual galego. A actividade enmárcase no programa de emprendemento que desenvolve este instituto ourensán.

Tras formarse en teatro escolar en Tarrío e no Instituto Crucero Baleares (Culleredo), Xosé Antonio Touriñán creou xunto a Marcos Pereiro, a comezos dos 2000, o dúo cómico ‘Os 2 de sempre’, unha proposta que acadou repercusión co espectáculo ‘As cantareiras de Ardebullo’, no que Touriñán interpretaba a Mucha e0 Pereiro, a Nucha. No 2012 dirixiu e presentou ‘Tourilandia’, emitido na Televisión de Galicia. No 2007 abriu en Carral, de novo xunto a Marcos Pereiro, o local The Star, para espectáculos e concertos, en funcionamento ata 2012.

Ademais, a parella fundou a súa propia produtora, Airapro, unha empresa pequena con sede en Carral e Betanzos, que traballa no sector audiovisual e na representación artística, xestionando as carreiras de grupos musicais e humoristas como Heredeiros da Crus, Pepo Suevos e a propias Cantareiras de Ardebullo. Licenciado en Filoloxía Galega e pai de dous fillos Touriñán, ten participado en programas, series e películas como ‘Padre Casares’, ‘Era visto!’, ‘Land Rober’, ‘Botarse ao monte’, ‘Cuñados’ ou ‘Fariña’. Tamén presentou, en dúas ocasións, a gala dos premios Mestre Mateo.

“Unha achega motivacional”

A visita de Touriñán á Farixa, que parte do departamento de emprendemento do centro integrado, enmárcase na vontade de achegar a realidade ao estudantado, neste caso vencellada co sector audiovisual. No tocante á actitude e ao carácter preciso para o emprendemento, é de aplicación a calquera das áreas de estudo que se desenvolven no centro, asegura o CIFP.

O obxectivo da charla era o de coñecer o anecdotario de éxitos e fracasos dun dos emprendedores que ten contribuido á modernización do tecido empresarial no eido do audiovisual e do espectáculo galegos, e que, ademais, é un dos máis populares humoristas do país.

Segundo Emma Cid, encargada da coordinación de emprendemento do centro, a idea desta actividade, que non descartan que teña continuidade en próximas edicións, é “servir de achega motivacional, e para elo, queremos explorar formatos disruptivos, que capten a atención do alumnado e lles permitan ver o emprendemento como o que é, unha actividade dura para a que cómpre preparación, pero tamén divertida, na que a creatividade e o traballo van da man”.

Repunta trala pandemia

Os alumnos preguntaron por cando tivo a idea de adicarse a este mundo audiovisual, como é a súa perspectiva actual e futura do sector, e sobre as diferenzas entre o público galego e o de fóra. Touriñán falou tamén dos atrancos que experimentou na súa profesión artística, das experiencias surrealistas e dos mellores e peores momentos que recorda de todo o proceso.

O actor e humorista animou ao alumnado a formarse e a entrar canto antes no sector audiovisual, xa que se está a producir unha repunta nas producións despois do parón pola pandemia. En Ourense, por exemplo, estanse desenvolvendo tres rodaxes neste momento.