Córgomo, a aldea de Vilamartín de Valdeorras na que naceu en 1903 o poeta Florencio Delgado Gurriarán, é hoxe o epicentro da cultura galega coa celebración dun dos actos centrais do 17 de Maio, Día das Letras Galegas, adicado este ano a este escritor e avogado que finou en California en 1987. A Real Academia Galega celebra nesta localidade ás 12.30 horas o pleno extraordinario que rende homenaxe ao autor. O acto contará coas intervencións dos académicos Rosario Álvarez, Ramón Villares e Xesús Alonso Montero, e será pechado polo presidente, Víctor Freixanes e Alfonso Rueda.

Antes, ás 11.00 horas, o Teatro Lauro Olmo de O Barco acollerá o acto institucional da Xunta, presidido polo presidente autonómico, Alfonso Rueda.

A veciñanza de Córgomo afanouse nas últimas semanas engalanando balcóns para esta homenaxe e a aldea loce novos empedrados, flores, murais e decoracións para festexar a poesía de Florencio nun día de celebración das letras galegas. O foco da cultura estará posto hoxe nesta aldea e polos seus carreiros pasean tamén Celia, Maruxa e Carmiña, fillas do homenaxeado que viaxaron a Galicia desde México e Estados Unidos, onde residen, para reencontrarse coas súas raíces e participar nos actos de lembraza do seu pai. Tamén visitaron a casa da Cruz onde naceu Florencio, e na que se restaurou a portada con escudo e se pintou un mural que recrea o patio interior.

Maruxa, Carmiña e Celia Delgado (no centro da imaxe), fillas de Florencio, con outros familiares do poeta. As Letras de Florencio

Os asistentes poderán disfrutar deste percorrido no xantar popular polas rúas con cantos de adega que seguirá aos actos da RAG. Ás 18.00 horas, na Aira dos Bolos o grupo Acordeireta ofrecerá un concerto. Ás 20.00 horas, o Teatro Lauro Olmo de O Barco acollerá o espectáculo “Tras os Vieiros de Florencio”, a cargo de Fantoches Baj.

O día grande das letras vívese hoxe, mais en Valdeorras levan días festexando a Florencio. O pasado sábado tivo lugar en O Barco un serán poético organizado polo Colectivo Barullo e nese recital, ao que asistiron as fillas e outros familiares, sonaron versos de Delgado Gurriarán e de novos artistas valdeorreses.

Premio para o CEIP de Rubiá

Os escolares da contorna foron tamén protagonistas na xornada previa ás Letras. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entregou onte no colexio CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño, de Rubiá, o premio ao traballo gañador do Concurso Exposición Letras Galegas 2022 na modalidade de ensinanza Infantil e Primaria, titulado “Florencio Delgado Gurriarán, poeta do agro”. Trátase dun conxunto de carteis nos que destacou a orixinalidade, a calidade estética e artística e a idoneidade das diversas técnicas e materiais usados na súa elaboración. De feito, os carteis van acompañados dunha guía didáctica con tarefas de gamificación e outras destinadas ao alumnado con necesidades específicas, así como orixinais vídeos de animación para difundir a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán entre o alumnado máis novo. Todos estes materiais atópanse no Portal da Lingua Galega e no blog do centro, “O guieiro de Florencio”.

O proxecto é un traballo colectivo coordinado polo docente Felipe Ulloa, que recolleu o premio xunto coa directora do centro, Andrea Tato, en repesentación do profesorado e alumnado participante. Valentín García destacou que o “espírito de colaboración e de unidade, que é o espírito das Letras Galegas”, fixo posible que un centro educativo do medio rural coma este colexio de Rubiá “poida facer un traballo tan grande e tan interesante, que serve para difundir tamén nos restantes centros de Galicia o exemplo de Florencio Delgado Gurriarán”.

No acto, o alumnado gañador recreou o poema “A muiñada”, da obra Bebedeira de Florencio.

Tamén na comarca de Valdeorras, no IES Cosme López, de A Rúa, inaugurouse unha exposición sobre a figura homenaxeada pola RAG neste 17 de maio. Os estudantes de 2º de Bacharelato deste centro recitaron poemas sobre Florencio.

Concerto das Letras

A música chegou pola tarde co Concerto das Letras no Teatro Lauro Olmo, organizado polo Consello da Cultura Galega, CCG. A actuación correu a cargo de Zoar Ensemble, que repasou musicalmente o legado do homenaxeado e tamén lembrou a memoria das exiliadas e exiliados republicanos que, coma Florencio, pasaron de Galicia a México. O concerto supuxo a estrea da peza “Diásporas”, composta para a ocasión por Carme Rodríguez a partir dos textos de Galicia infinda, poemario referencial do autor.

Libro en galego na cidade

A festa das Letras replicarase noutras vilas e localidades ourensás. Na cidade de Ourense, sete librerías sacarán un amplo repertorio de obra en galego nunha carpa diante da Sala Valente. Ás 12.00 farase unha lectura públiva de obras de Florencio e os autores Eduardo Bahamonde e García Mañá asinarán libros.