No intre en que daba comezo o acto homenaxe que –salvo o ano pasado– se leva a cabo no cemiterio de San Francisco con motivo do pasamento do escritor ourensán Eduardo Blanco Amor, a chuvia caía con intensidade. Mais non evitou a meteoroloxía que a música e a poesía soasen diante da súa tumba.

“Nunca tanto, como nestes tempos, os adolescentes precisan de toda a nosa axuda para superar atrancos académicos e emocionais. E neste labor axúdannos aqueles que como Blanco Amor encheron os textos de experiencias humanas xeradoras de emocións”, expuxo a profesora Soedade do Muíño durante o encontro.

"A súa obra non é de usar e tirar, nin guiada pola precipitación ou por unha rapidez absurda e sen sentido que nos move cara ningures”

“Aqueles que no seu día foron fonte de inspiración, moitos dos cales descansan neste cemiterio, seguen a selo hoxe. Porque a súa obra non é de usar e tirar, nin guiada pola precipitación ou por unha rapidez absurda e sen sentido que nos move cara ningures”, engadiu a tamén membro do padroado da fundación que leva e reivindica o nome do escritor.

Unha antiga alumna do instituto Blanco Amor foi a encargada de representar aos estudantes do centro. Na súa intervención, Ana Fraile lembrou agradecida unha das publicacións máis recoñecidas do ourensán a nivel internacional: “Atopeime coa obra ‘Los miedos’ que trata deses medos da vida real que se fan tanxibles e superan con creces aos medos fantásticos da infancia e inspiroume para escribir os meus propios versos”.

Pola súa banda, Luis González Tosar –director da fundación– lamentou que Eduardo estivese sempre presente na dinámica social pero que “non logrou ser comprendido na súa dimensión na literatura española”.

O acto contou tamén coa presenza do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, e o tenente alcalde do Concello, Armando Ojea; ademais de representantes do ámbito cultural e dous integrantes da Real Banda de Gaitas que interpretaron dúas pezas na súa memoria. Foi o primeiro o que exaltou a figura do novelista –que faleceu en Vigo en 1979 un día no que a chuvia tamén abondaba– como o autor que inmortalizou Auria.

“Quero recordar unha vez máis esa relación indisoluble que a institución da que formo parte e a figura de Blanco Amor conforman desde que a súa biblioteca e arquivo están na biblioteca da Deputación”, destacou Fernández, que tamén lembrou como a administración pública traduxo ‘A Esmorga’ ao inglés por considerala unha obra de especial relevancia.

“Sempre está ensinándonos, aínda que nos deixara físicamente”

“Isto non pode ser só unha lembranza. Ten que servir para poñer en valor que Eduardo Blanco Amor foi un adiantado á súa época a nivel cultural e social. E que nos deixou un legado que na actualidade pode parecer superado pero que naquel momento había que ter moita valentía para escribilo”, ensalzou.

Rematou a súa intervención cuns versos do poeta: “La vida es largo morir / el morir, el fin de la muerte. / Procura morir de suerte / que comiences a vivir”. E engadiu que Blanco Amor “sempre está ensinándonos, aínda que nos deixara físicamente”.

Ao final, a docente Soedade do Muíño diferenciou entre a homenaxe institucional que se leva feito desde o ano 2002 e recoñeceu a labor de lembranza que fixeron aquelas outras persoas que antes desa data xa rememoraban o pasamento do escritor ourensán. “É de xustiza lembrar hoxe tamén a todos eles, algúns dos cales tampouco están xa connosco”, rematou na última queda de palabra.