A escritora coruñesa Blanca Riestra é a gañadora do XL Premio de novela longa Eduardo Blanco-Amor pola súa obra Aquí empeza o mar, presentada baixo o lema O sumidoiro, e na que retrata á cidade da Coruña a través de diversos momentos da súa historia. A novela gañadora foi seleccionada de entre un total de 37 orixinais presentados a este certame, que organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor e que está dotado cun premio de 15.000 euros.

O xurado valorou de xeito unánime que a novela “entronca coas tendencias literarias actuais que se cultivan noutros lugares”, destacando a elección da cidade da Coruña “como gran personaxe colectiva en varios momentos da súa historia recente, retratándoa cun xeito moi orixinal e vívido, magnético e a través dun estilo que combina con mestría xéneros como a literatura de autoficción, o xornalismo ou a novela da memoria, sen perder nunca como faro literario a forza da subxectividade”. Todo isto, engade a acta, enriquecido “cun relato xeracional onde se reflicten con acerto as vivencias de protagonistas ficticios”.