Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Virxilio Rodríguez Vázquez| Profesor universitario e Premio Neira Vilas de Novela Curta

“Os certames literarios motivan e niso Galicia ten boa saúde”

Virxilio Rodríguez Vázquez, na Facultade de Dereito de Ourense, onde exerce como profesor. | // IÑAKI OSORIO

Virxilio Rodríguez é profesor de Dereito Penal na Facultade de Dereito de Ourense e foi vicerreitor do campus. O que non figura no seu extenso e prolífico currículo como docente e investigador é a súa faceta de escritor. A Fundación Neira Vilas entrégalle esta tarde en Vila de Cruces o premio da sexta edición do seu certame de novela curta dirixida ao público xuvenil pola obra Off the record, un texto no que o xurado destacou a “pulcritude estilística” do autor.

Non é o primeiro premio que recibe, o máis recente, antes do Neira Vilas, foi un accésit en 2019 nos premios de relato curto Modesto Rodríguez Figueiredo, pero a súa traxectoria como escritor era menos coñecida. “Sempre o levei con discreción”, afirma. E xa se anima a dar o paso cara a novela longa: “Está entre un dos obxectivos”.

–De onde saca o tempo?

–Escribir é una afección que teños dende hai moito tempo. Efectivamente, hai épocas. Cando me tocou ser vicerreitor era inviable. Entre as obrigas do cargo e as tarefas da facultade, era moi difícil.

"O primeiro premio que obtiven de relato curto foi no concurso de contos da Casa da Xuventude de Ourense, un certame histórico"

decoration

–Cando comezou?

–Comecei moi novo, de rapaz, pero os primeiros textos con corpo, con máis solvencia estilística e técnica, sobre os 14-15 anos. De feito, o primeiro premio que obtiven de relato curto foi no concurso de contos da Casa da Xuventude de Ourense, un certame histórico. Isto, entre outras consecuencias, tende a motivar. Era a primeira vez que me presentaba a un premio e levei un accésit. A partir de aí seguín escribindo, sobre todo relato, e presentándome a certames. Noutra ocasión que me volvín presentar na Casa da Xuventude gañei o concurso.

–Ese premio xa non existe. Hai suficientes certames literarios?

–O da Casa da Xuventude era un premio moi ben tratado, a convocatoria, o proceso... Tiven a oportunidade de coñecer a Benito Losada, que me pareceu unha persoa excepcional. A miña percepción é que en Galicia, en xeral, hai unha boa saúde en relación con convocatorias de premios; abundan os de relato curto e algúns con tradición histórica. É certo que o da Casa da Xuventude, que tivo moitas edicións, era un certame moi coidado. Pero hai moitas convocatorias en lingua galega. En termos absolutos percibo que hai moitos e ben organizados, con xente detrás traballando de forma desinteresada e moi xenerosa, e todo isto é positivo. Estas convocatorias motivan a escribir e non pola cuestión económica, senón polo feito de someter o traballo que un fai á visión obxectiva e o rigor doutras persoas.

"Estas convocatorias motivan a escribir e non pola cuestión económica, senón polo feito de someter o traballo que un fai á visión obxectiva e o rigor doutras persoas"

decoration

–O Premio Neira Vilas de novela curta busca proporcionarlle ao público xuvenil unha lectura de calidade que o conecte co “engaiolante mundo da novela”, segundo recollen as propias bases. Falta boa literatura para a xente nova?

–Creo que non. Se nos centramos na literatura galega, e falando de premios literarios en Galicia e literatura en galego, creo que non. Temos escritores e escritoras boísimos. Galicia ten tradición de escritores históricos e contemporáneos con obra, efectivamente, capaz de ‘engaiolar’ e que a xente nova quede absorbida e se introduza nun camiño que perviva no tempo. Hai escritores moi bos, e podo citar, por poñer dous exemplos contemporáneos, masculino e feminino, a Pedro Feijoo ou Ledicia Costas.

–Que lía o Virxilio Rodríguez adolescente?

–Literatura galega e en español. O autor que me introduciu moitísimo na narrativa é Jordi Sierra i Fabra que me encantaba de pequeno. Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, que todos lemos, é un libro excelente. Tamén algo de poesía, pero fundamentalmente novela.

"O 80% da novela está localizada en Bos Aires, pero Ourense e entornos próximos tamén teñen protagonismo"

decoration

–De que trata Off the record?

–O fío conductor é unha investigación que fai un inspector de policía cando aparece un corpo no encoro de Cachamuiña. O informe forense que declara morte natural non o convence e inicia as pesquisas tratando de esclarecer que facía en Ourense esa persoa, que vén de Arxentina, e como morreu. Esas pesquisas lévano a Bos Aires e comeza unha investigación nesa localización que constitúe o 80% da novela. Ourense e entornos próximos tamén teñen protagonismo.

–Ser profesor de Dereito axuda no desenvolvemento da trama?

–Si, neste caso axuda a desenvolvela con coherencia, permite abordar con rigor os aspectos xurídicos ou criminolóxicos que aparecen no relato. Aínda que o que permite a novela son as licencias literarias, non ten que ser unha obra científica.

Compartir el artículo

stats