Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A compañía Sarabela estrea ‘Morgana en Esmelle’, unha obra sobre o feminismo, no Auditorio de Ourense

As representacións serán o fin de semana | As entradas xa están a venda en internet

Parte do elenco, co cartaz da obra, no Auditorio de Ourense. | // FDV

Segundo lembrou Ánxeles Cuña, directora da representación que se porá en escena, no ano 2012 editouse a magnífica novela de Begoña Caamaño ‘Morgana en Esmelle’, que recibiu o aplauso de lectores e crítica (obtendo o premio Ánxel Casal, o Losada Diéguez ou o premio Nacional da Crítica, entre outros).

Agora, a compañía Sarabela levará aos escenarios galegos a visión do amor, a xustiza, a violencia, a morte, a liberdade ou a opresión –cuestións éticas, políticas e sociais que nos interpelan, que nos moven e conmoven– que a autora reflictiu no seu libro. Todo elo coa “necesidade de combater o sexismo e a discriminación histórica”, tal e como afirmou Cuña. “Ela emprega os mitos morgánicos e artúricos pero desde unha perspectiva nova que sitúa ás mulleres no primeiro plano do foco da imaxinación. As protagonista son mulleres fortes e apasionadas”, explicou durante a rolda de prensa que tivo lugar onte no Auditorio de Ourense, onde serán as representacións. “Poñemos sobre as táboas a necesidade de que as mulleres acaden outro estatus e se rompan os arquetipos que a envolven na actualidade”, puntualizou a directora.

Unha revisión da estrutura da sociedade, desde que se iniciou co patriarcado, ou da sororidade son outras das temáticas nas que se afonda a través das interpretacións de Fernando Dacosta, Laura Míguez, Fina Calleja, Sabela Gago, Quico Cadaval, Elena Seijo e Nate Borrajo.

Os pases terán lugar o venres, sábado e domingo –todos ás 21.00 horas salvo o último día que será ás 20.00 horas– e as entradas poden adquirirse na páxina web www.ataquilla.com, a un prezo de 8 euros.

Compartir el artículo

stats