Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Penso que estamos nun momento de batalla cultural”

Tito Asorey estrea mañá, no Teatro Principal, o espectáculo gañador do segundo certame Manuel María de Proxectos Teatrais

Asorey, no Teatro Principal, co cartaz da obra de fondo. Iñaki Osorio

É a primeira vez que Tito Asorey (Ourense, 1977) dirixe e actúa, ao mesmo tempo, sobre un escenario. Levaba, por outra banda, once anos sen facer teatro e agora estrea na cidade na que naceu A lúa vai encuberta, un texto de Manuel María.

Confesa que non botaba de menos a dramaturxia e que co audiovisual desfruta dabondo, pero que tiña ganas deste proxecto en concreto porque é unha peza na que os intérpretes falan de si mesmos “a maior parte do tempo”.

As entradas xa están a venda para mañá, o sábado e o domingo, na páxina web do Teatro Principal.

–Como é a experiencia de dirixir e actuar ao mesmo tempo? Quen dirixe a Tito agora?

–Por sorte hai un axudante de dirección que me guía e explica continuamente por onde tirar. Pero é un proceso continuo de dentro hacia fora e viceversa. Tamén se gravan algúns ensaios e iso serve para atopar os erros ou aquelo que se pode mellorar.

–No 2016 dedicouselle o Día das Letras Galegas a Manuel María. Pero queda moito aínda por coñecer da súa obra.

–Si. Ese ano no que se lle fixo a homenaxe non houbo moitas montaxes teatrais cos seus textos, por exemplo. É un dramaturgo por descubrir. Esta peza está escrita a finais dos anos 70. Pero é moi moderna. Xa non no tema que abrangue, que é a colonización por parte de forzas externas, senón na forma de teatro-documento, tan en auxe agora. Entronca moito coa realidade que a min me gusta tanto levar a escea. Fala do proceso da Transición, das loitas obreiras en Ferrol ou da guerrilla. A xente vaise sorprender do que se pon sobre o escenario. Penso que estamos nun momento de batalla cultural, que moitas veces parece que está a gañar a ultradereita. Hai cousas que se escoitan, como que Lorca votaría a Vox, que comezan a formar parte dun revisionismo moi estudado e moi perigoso. É importante saber como foron as cousas realmente para non perder a perspectiva. Quizais hai anos esta obra non estaría tan vixente, pero agora volve a coller forza de novo. É aquilo de que “as cousas ocorren unha vez como traxedia e outra como farsa”.

–Fan tamén representacións para grupos de estudantes de instituto. É o mesmo texto?

–Si. Ademais acompañámolo cunha unidade didáctica, da que se encarga Melania Cruz para que non se quede só nunha mera obra teatral.

–Di a viúva de Manuel María que a súa teima era deixar fixado o país na súa obra. Reflíctese iso neste texto?

–Completamente. É unha obra sobre o país. Sobre os intentos de construir un país que foron demolidos por forzas externas e internas. Non deixa títere con cabeza. E dispara contra ese tópico da Galicia da saudade que nos fai, supostamente, pasivos.

A obra terá 30 representacións para presentar ao público un texto de Manuel María que nunca se puxera sobre o escenario de forma profesional Iñaki Osorio

Unha peza escrita como forma de “loita contra a morte”

O texto que agora se presenta non foi representado nunca profesionalmente sobre os escenarios. E chega aos teatros grazas ao certame Manuel María de Proxectos Teatrais que premia aos participantes cun total de 30 actuacións e 4.000 euros para a produción das obras. Coincide a estrea co dazasete aniversario do falecemento do autor que –segundo lembrou o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede– dicía sempre que o motivo fundamental da súa escrita era a unha forma de “loita contra a morte”.

Tito Asorey dirixe esta co-produción que conta coa dramaturxia de Vanesa Sotelo e con música orixinal de Davide González, integrantes tamén do elenco xunto coa actriz Melania Cruz. Completan a equipa artística nomes destacados da escena galega como son a iluminadora Laura Iturralde e o escenógrafo Carlos Alonso.

A lúa vai encuberta céntrase, sobre todo, na realidade galega e na loita incesante por conformar unha identidade propia. O espectáculo é unha co-produción das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, a Casa-Museo Manuel María, o Centro Dramático Galego e a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. O proxecto visitará 25 concellos galegos durante os próximos meses, tendo máis de 30 funcións xa concertadas. Á presentación do mesmo asistiron tamén o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez.

Compartir el artículo

stats