O recordo de Federico García Lorca, cos seus “Seis poemas galegos”, resoaron na celebración anual na Insua dos Poetas (Carballiño), na celebración da XIII Festa da Palabra. O presidente provincial, Manuel Baltar, destacou que “é un acto de agradecemento o escritor granadino polo seu amor e a súa entrega a Galicia e ás súas xentes, de dentro e de fóra, destacando a relación do poeta andaluz cos galegos da Habana, Bos Aires e Montevideo. E sobre todo coa nosa lingua na que escribiu estes Seis poemas galegos, a obra máis traducida e difundida da literatura galega”.

A natureza fusionouse ca poesía nunha celebración que fixo entrega dos premios “Insua dos Poetas” 2021 que recaeron en Yolanda Castaño (literatura), Vidal Souto -a título póstumo- (artes plásticas), Orfeón do Carballiño (música), Maribel Outeiriño (periodismo), Marisol Nóvoa (emprendemento), Fundación Amaranta-Ourense (iniciativa social) e Diego Martínez Duro (cultura na emigración). Todos eles recibiron unha peza escultórica orixinal do artista ourensán Acisclo Manzano.

O evento tamén tivo a intervención do presidente da Insua dos Poetas, Luis González Tosar, que destacou do escritor granadino que “soubo gañarse a simpatía da xente a través da súa alma” e posteriormente leu o discurso que Xesús Alonso Montero, ía pronunciar, en relación a obra de Lorca. O presidente da Fundación adiantou que “a seguinte Festa da Palabra estará adicada ao Grupo Brais Pinto, un conxunto de intelectuais galeguistas que en 1958 uníronse en Madrid a prol do galego e da renovación da cultura galega ao redor da figura de Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben Cho Shey. Todos eles merecen estar na memoria de Galicia e moi presentes no futuro da nosa cultura”. Unha actuación de Teo Cardalda e a foto protocolaria dos premiados pechou a XIII Festa da Palabra, un evento que nin a pandemia freou no 2020 nin no 2021.

Teo Cardalda, na 13ª Festa da Palaba, na Insua dos Poetas. | // F.C.

Román Rodríguez: “Lorca é un icono atemporal”

Os conselleiros de Cultura e Educación e de Medio Rural, Román Rodríguez e José González, respectivamente, estiveron na celebración da XIII Festa da Palabra destacando a labor do evento na difusión da lingua galega. O titular de Cultura da Xunta de Galicia dixo que “é unha cita clave no calendario cultural galego que reivindica os fitos máis salientables da nosa literatura. O esforzo feito por parte dos impulsores deste recoñecemento como polos galardoados na edición deste ano merece todos os eloxios por potenciar o valor de Galicia e da nosa identidade común”. Sobre o escritor granadino dixo que “Lorca é un icono atermporal do teatro, a poesía e incluso da música do noso país. Un xenio que se namorou de Galicia dende a súa primeira visita e que quedou fascinado pola nosa identidad, cultura e lingua”.

Agasallo cultural e histórico os asistentes o evento

No acto no que tamén estiveron o xornalista Luis Menéndez, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, fíxose entrega dunha edición facsímil dos ‘Seis poemas galegos’ de Lorca a todos os asistentes, con prólogo do ourensán Eduardo Blanco Amor. Xunto o facsímil o público tamén recibiu unha serie de fotografías realizadas en 1935 polo propio autor da Esmorga durante a súa estancia en Granada, así como unha colaboración súa de 1978 no xornal ElPaís, un ano antes de falecer. Ademáis, agradeceuselle a Soledad Penalta pola representación escultórica que capta a alma de Lorca e que quedará na Insua dos Poetas, na que se poden ler os seis textos de Federico García Lorca.