A carballeira de Moldes, no concello ourensán de Boborás, acolleu este sábado pola mañá un acto ao aire libre de celebración e de reinvidicación da cultura galega: a entrega dos premios Antón Losada Diéguez, que recoñecen as melloras obras editadas na nosa lingua, nas categorías de creación literaria e de investigación e ensaio. Na edición número XXXVI deste prestixioso certame para a cultura do país, ao que se presentaron máis de corenta publicacións, os autores galardonados foron, na categoría de creación literaria, Baldo Ramos e Eva Veiga, autores do poemario ‘Quérote canto’, editado por Galaxia. Andrade Cernadas e López Carreira recibiron o premio da sección de investigación e ensaio, pola obra ‘O Reino medieval de Galicia’, que publicou Xerais.

O xurado escolleu o traballo conxunto de Ramos e Veiga pola “singularidade na metodoloxía, que se traduce nunha resonancia creativa”. Do libro tamén a catro mans de Andrade Cernadas e López Carreira, os avaliadores valoraron a aportación orixinal dos autores ao coñecemento da historia medieval de Galicia, “rescatando do olvido a existencia deste reino, con rigurosidade e carácter divulgativo”, mediante a combinación de ensaio e de investigación empregando fontes tanto cristiás como musulmás.

Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta en Ourense, que asistiu ao acto, destacou a contribución do pensamento de Losada Diéguez á identidade galega: “Posuía unha personalidade forxada e construída dende o compromiso coa dimensión internacional da cultura galega e a necesidade de ter unha voz propia no mundo baixo a batuta do pensamento aberto e integrador de Galicia”. Xunto con Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas ou Ramón Cabanillas, foi un dos exemplos dunha xeración que agrupaba aos considerados pais do galeguismo contemporáneo. a xeración Nós. “Foron capaces de artellar un espazo dende o que reivindicar a personalidade e a cultura de Galicia, a través do estudo científico e da creación para dotala dos folgos da Galicia de hoxe en día, e que sería imposible de imaxinar sen a súa contribución”, destacaba onte Gabriel Alén.

Ideólogo do artellamento do grupo Nós e correspondente da Real Academia Galega, Antón Losada Diéguez atraeu a numerosos intelectuais á causa galeguista. Tamén participou activamente no movemento agrario, ata o seu ingreso nas Irmandades da Fala, nas que iniciou un prolífico labor de creación. Na memoria deste intelectual nacido en Moldes en 1884 e falecido en Pontevedra en 1929, a quen se rendiu homenaxe nas Letras Galegas de 1985, os premios co seu nome son concedidos desde 1986 polos concellos de Boborás e O Carballiño.