Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Unha bomba de tempo chamada xabaril

Danos na A-52 despois da colisión dun vehículo cunha manada de xabaríns. | // BRAIS LORENZO

As poboacións de xabaril descontroladas son xa un serio problema social, que xa salta do ámbito rural e afecta ao conxunto da sociedade galega. E non so polos 14 millóns de euros de danos que produce na agricultura, senón porque no ano 2019 estes animais provocaron 3.270 accidentes de tráfico nas estradas galegas, pasean polas cidades e ameazan o equilibro medioambiental dos espazos naturais protexidos depredando ás outras especies.

Estamos a falar dun problema fora de control que aumenta de xeito exponencial. Baste dicir que en catro anos os incidentes nas estradas con xabarís implicados se duplicaron, pasando de 1.600 no ano 2014 aos 3.269, do 2019. Na mesma liña apunta a escalada dos danos na agricultura que estamos a observar ano a ano e indicaría claramente que o crecemento das mandas é desmedido pola falta de control de poboación. Hai incluso comarcas enteiras de Galicia onde se renuncia a plantar millo ante a seguridade dos danos nas plantacións, que ninguén evita e que ninguén paga.

O marco legal actual pon a responsabilidade do pago dos danos nas Sociedades de Caza nos terreos cinexéticamente ordenados, o que Unións Agrarias sempre entendeu que era inxusto, ademáis de irreal: Pretender que as Sociedades de Caza fagan fronte a 14 millóns de euros en danos que aumentan ano a ano é un despropósito fora da realidade. Por iso en xaneiro de 2020 Unións Agrarias (UUAA) presentou no Parlamento de Galicia unha Iniciativa Lexislativa Popular, avalada por máis de 6.500 sinaturas, onde pedía unha reforma legal da Lei 13/2013 de Caza de Galicia, onde se liberase aos cazadores desta responsabilidade e pasara a ser da Xunta de Galicia. Desafortunadamente o mundo da caza nos deu as costas nesa ocasión, e non quixo sumar forzas nesa reivindicación finalmente e a proposta de UUAA foi rexeitada no Parlamento cos votos en contra do Partido Popular.

Agora no 2021 a realidade é que mandas de xabarís que moitas veces superan os 20 animais, campan polos terreos acabados de sementar levantando o millo, mentres os profesionais da agricultura pensan na seguinte vaga de danos cando a espiga estea madura. Esta é unha situación insostible que precisa do cambio que ata o de agora tanto o mundo da caza como a Xunta de Galicia se negaron a dar, instalados na súa zona de confort, mentres agricultores e gandeiros asumen a escalada dos danos nas súas rendas.

Ante a escalada de danos na presente campaña de sementeira do millo, que augura maiores danos nos vindeiros meses de colleita, Unións Agrarias decidiu dar un paso que poña ao actual marco legal fronte as súas contradicións, esixindo o pago dos danos aos TECOR e Sociedades de Caza, a quen a vixente Lei fai responsable do pago dos mesmos. Hai que cambiar o criterio de xestión do xabaril nas Sociedades de Caza, dando prioridade a rebaixar o seu número ata os niveis que o territorio poda acoller sen necesidade de que os animais baixen a alimentarse aos cultivos, e de xeito que aquelas Sociedades de Caza que non poidan facer fronte as súas responsabilidades económicas, liberen os terreos para a súa xestión cinexética directa pola Xunta de Galicia, quen nese caso sería ademáis responsable do pago dos danos. E esta non pode alegar insolvencia.

*Secretario xeral de Unións Agrarias

Compartir el artículo

stats