A Biblioteca Pública Nós de Ourense, xestionada pola Xunta, dedicará as mostras de xuño ás mulleres que contribuíron cos seus escritos nas páxinas da revista Nós, ao centenario do cineasta Luis García Berlanga, e ao orgullo LGTBIQ+. Unha charla sobre a endometriose completa a programación do vindeiro mes, xunto ao habitual obradoiro de cómic, actividades infantís e clubs. Toda a información sobre as diferentes iniciativas pode consultarse na web do centro.

A través da mostra As mulleres de Nós, as persoas que se acheguen á biblioteca poderán coñecer as únicas nove escritoras que colaboraron na revista, que foron as galegas Francisca Herrera, María Sánchez, Carmen Somoza, Purificación González, Dolores Fernández, Josefa Rodríguez e María Pura Lorenzana, así como a irlandesa Annie MacSwiney e a alemá Margot Sponer.

O obxectivo é poñer en valor estas figuras, con esbozos biográficos e unha selección de materiais da súa autoría ou que tratan sobre elas.