Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xela Arias pasea polo campus

A UVigo rendeu homenaxe en Ourense á autora do Día das Letras Galegas | O Paseo da Igualdade acolle unha colección de poemas e retratos da escritora feitos por Xulio Gil

Autoridades políticas e académicas, familiares de Xela Arias, e premiados, onte no campus. |   // F. CASANOVA

Autoridades políticas e académicas, familiares de Xela Arias, e premiados, onte no campus. | // F. CASANOVA

O campus de Ourense viviu onte unha das súas xornadas máis literarias, na que se rendeu homenaxe a Xela Arias, poeta, tradutora e mestra a quen este año se lle adica o Día das Letras Galegas. O acto, que contou coa presenza do reitor, Manuel Reigosa, e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, conxugou os versos da escritora lucense con música e fotografía facendo da poesía o nexo entre varias artes.

A homenaxe foi promovida polas facultades de Educación e Traballo Social e Filoloxía e Traducción e centralizou o acto da UVigo con motivo das Letras Galegas no campus de Ourense. Asistiron os decanos de ambos centros, Xosé Manuel Cid e José Montero, familiares da escritora,autoridades, membros da comunidade universitaria e futuros mestres.

O reitor da UVigo destacou a importancia da figura de Xela Arias “para o desenvolvemento da nosa cultura”, e a relevancia de pór en valor o legado cultural e de traballar desde o eido universitario pola normalización lingüística. Igualmente, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama subliñou que Xela Arias foi “unha figura transgresora, adiantada ao seu tempo, que pola súa obra e imaxe é unha oportunidade para achegar a creación literaria a un público máis novo”.

A organización dos actos en homenaxe á escritora estivo liderada polas profesoras Ana Iglesias, que foi compañeira de estudos de Xela, e Isabel Mociño. A xoranda arrancou coa presentación da exposición “Xela Arias. A poesía do retrato”, ubicada no Paseo da Igualdade, e que acompaña desde onte o tránsito da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral polos xardíns do campus. A mostra recompila unha colección de poemas da autora xunto a outros tantos retratos dela realizados polo fotógrafo Xulio Gil nos anos 80 e 90, cando os dous eran parella. Trátase de 23 poemas en interacción con outros 23 retratos en branco e negro da escritora no seu período vital dos 26 aos 40 anos seleccionados por Xosé Enrique Acuña entre as máis de 400 fotografías de Xela Arias que forman parte do arquivo persoal do fotógrafo. A exposición foi presentada polo propio Xulio Gil, que recoñeceu a súa satisfacción pola “imaxe de modernidade e dinamismo” que proxecta cara o galego a figura de Xela Arias, “unha imaxe de proximidade e modernidade que creo que a cultura necesita”.

Tamén a nai de Xela Arias, Amparo Castaño, expresou a súa gratitude á institución académica e á sociedade galega no seu conxunto pola homenaxe rendida á súa filla.

Premios literarios

No acto tamén se entregaron os Premios de Poesía, Relato Curto e Tradución 2021, convocados pola Área de Normalización Lingüística da UVigo co obxectivo de distinguir o talento literario dos membros da comunidade universitaria. Os galardoados son Branca Trigo, Noelia Estévez, Mercedes Martínez, Fabio Rivas, Beatriz Comendador, Clara Costas, Joaquín García e Adrián Presas.

A filóloga Chus Nogueira impartiu unha conferencia sobre Xela Arias, da que destacou a súa “voz rupturista” e dixo que adicarlle o día das letras é unha oportunidade para visitar unha obra que, “ao igual que a vida da súa autora, é rica, inesgotable e independente”.

Finalmente, Clara Pino e Pablo Vidal puxeron música a poemas de Rosalía de Castro e de Xela Arias.

Compartir el artículo

stats