Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O escultor que modelou Otero Pedrayo

Manuel Buciños recibiu onte o Premio Trasalba 2020 pola súa “excelencia artística”. | // FERNANDO CASANOVA

O escultor Manuel Buciños recibiu onte o Premio Trasalba 2020 que concede a Fundación Otero Pedrayo en recoñecemento ao traballo a prol da cultura galega e do galeguismo. A tradicional festa literaria, adiada por mor da pandemia, reduciuse en cumprimento das normas sanitarias e o acto, no exterior do pazo, foi sinxelo con presenza exclusiva de familiares, achegados e membros da fundación. Asistiron, entre outros, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.

Manuel García Vázquez é Manuel Buciños pola súa aldea natal en Carballedo (Lugo), que o escultor asumiu como nome artístico. Na aldea de Buciños foi onde o artista se encerrou dous anos e desenvolveu o seu estilo de esculpir logo de coñecer a Ramón Otero Pedrayo. Así o contou onte, na súa intervención tras recibir o premio, que consiste, precisamente, nunha peza escultórica do patriarca das letras feita polo propio Buciños.

Teño unha débeda moi grande con Don Ramón, que non lle podo pagar pero vouna admitir e facela pública”, dixo ao comezo da súa intervención. Relatou que tivo a sorte de coñecer a Otero Pedrayo cando chegou a Ourense logo de rematar Belas Artes. “Eu era un rapaz novo que quería facer unha arte nova, provocadora. Daquela estaba de moda o abstracto e empecei por ese camiño. Pero cando coñecín a Don Ramón empezoume a falar do amor a Galicia, á terra, dun nacionalismo respetuoso, sen fronteiras, e metinme outra vez na Galicia que eu deixara tempo atrás”.

“De novo quería facer unha arte provocadora, abstracta, pero coñecín a Don Ramón e faloume de Galicia, da terra; grazas a él fago esta escultura”

decoration

Esa vivencia fixo que replantexara a súa forma de concebir a arte. “Entón cambiei, deixei o abstracto e propúxenme facer unha escultura galega, con sentimento, que non tivera que explicar, que falara ela soa e se comunicase cos demáis. Encerreime en Buciños un par de anos e dediqueime a crear un estilo persoal. Costoume pero conseguino”. Foi así como deixou de titular as esculturas “para que falasen soas cos meus veciños e co resto de mundo”.

“Deixei o abstracto e propúxenme facer unha escultura galega, con sentimento, que non tivera que explicar, que falara ela soa e se comunicase cos demáis"

decoration

Esa era a idea de nacionalismo de Don Ramón, explicou, “coller a savia da nosa terra pero sen poñer fronteiras nin aduanas. Esa idea de Galicia tan profunda foi a que me fixo cambiar a min, eu entendina e volvín a Buciños, ao contacto coa terra porque eu era fillo e neto de labregos. Grazas a Otero Pedrayo fago esta escultura, que creo que comunica”, admitiu.

Buciños, tras recibir o Premio Trasalba, coas persoas asistentes ao acto. Fernando Casanova

Renovación da escultura galega

A Fundación Otero Pedrayo recoñece con este premio a excelencia artística de Buciños na “renovación da escultura galega contemporánea, a súa xenerosidade vital e o seu insobornable compromiso de fidelidade coa terra”.

O conselleiro de Cultura felicitouno tanto porlo galardón como pola súa traxectoria ao ser “un dos artistas con máis obra nas principais cidades e vilas galegas, que están integradas na paisaxe urbana e tamén na vida dos cidadáns que gozan delas en rúas e prazas a diario”.

José Eduardo López Pereira, novo presidente da Fundación Otero Pedrayo

Trala entrega do Premio Trasalba, a Fundación Otero Pedrayo celebrou a reunión do seu plenario celebrado no que se elixiu como presidente ao Catedrático de Latín da Universidade da Coruña, José Eduardo López Pereira.

 José Eduardo López Pereira, naceu en Trasalba, a 200 metros da casa do Patriarca das letras galegas, e copartiu con Otero Pedrayo moitos anos e moitas horas de conversa pola estrada de Trasalba e na propia casa de Don Ramón.

É licenciado en Filoloxía Clásica pola Universidade de Salamanca, doutor en Filoloxía Latina pola Universidade de Santiago e Catedrático de Latín da Universidade da Coruña. Nesta universidade compaxinou a súa actividade docente coa de xestión, desempeñando o cargo de secretario xeral durante seis anos. Posteriormente desempeñou o posto de director xeral de universidades da Xunta de Galicia durante outros oito anos e, na actualidade, ocupa a dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

No ámbito da investigación relacionada coa historia, a cultura e a lingua de Galicia, J. Eduardo López Pereira publicou O primeiro espertar cultural de Galicia; fixo a edición latina con tradución ao galego do Códice Calixtino, libro V, Guía medieval do peregrino; estudiou a vida da primeira escritora de Galicia no ano 383, primeira peregrina a Xerusalén, Exeria, peregrina a Terra Santa coa primeira versión en galego do texto latino; estudiou a Galicia sueva no libro Cultura, relixión e supersticións na Galicia sueva; editou o texto latino de Martiño de Braga, De correctione rusticorum, e publicou varias ducias de artigos relacionados con Galicia, a súa lingua e a súa cultura, ademáis de crear no centro de investigación “Ramón Piñeiro” o proxecto da documentación de Galicia desde o século VIII ao XV, que dirixiu desde o ano 1994 a 2019.

Compartir el artículo

stats