Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

AREGENSES LITTERAE

Soños en animalandia

Pásmame contemplar ao longo do ano, por estas rúas de Ourense, tan cheas de calor abafante e suorenta ametencia de xente no verán, un escenario tan fantástico como produto dunha imaxinación raiando na máis pura realidade, descubrir as morfoloxías tan preservadas da historia ourensá que me fan cavilar canto en certas semellanzas cos grandes primates e mamíferos aos que deixamos atrás hai miles de anos.

Para amenizar os meus espertares matineiros, tento non lembrar que non é a primeira vez que contemplo inevitablemente con certo desacougo a proporción de xente apalpando o seu nariz na procura de vestixios de mucosidades, e utilizando os restos de forma tan pouco digna...

Pero engadindo un matiz ao dos vestixios, non sei se sería de xustiza e ben cumprido que declarasen seres vivos constitucionalmente ou non aos animais, polo menos por ver se dunha vez por todas instalan nas rúas latrinas públicas para cans, gatos, xabaríns ou o que cumpra, agora que ben poden ser considerados máis humanos. O digo porque a cultura de recoller os seus restos pouco agradables, malia estar apreciado nos vixentes regulamentos de ordenación municipal, non están moi contemplados na educación de todos. O certo é que se ben non é un exercicio recomendable para a seguridade física, pola conflitividade resultante dun chan de beirarrúa presto á patinaxe artística sobre o que abundan día tras día nos nosos bulevares, non podemos evitar vernos na obriga de ter que sortear este tipo de obstáculos a cada paso que damos por mor da preguiza e indolencia acaso con aleivosía duns e doutros. E digo de todos, malia que eu non teña can nin gato nin xabarín que se lle pareza.

Menos entendo, entre outros costumes, salvo que sexan digna herdanza dalgunha ancestral figura antropoloxicamente incluída entre os mamíferos camélidos artiodáctilos, aquelas persoas que pasan o tempo salferindo a súa propia saliva polas rúas.

E veño de rematar coa fauna non salvaxe, procurando entender con toda a humanidade da que dispoño a que liña da zooloxía nos asemellamos cando deambulamos polos garaxes públicos cos brancos tickets de pago relucindo nas fauces, agás que non evitemos relacionarnos coa especie mamífera do canis lupus familiares, se acaso.

Pero finalmente conclúo que a maioría temos bandullo para todo, e niso xa non podemos considerarnos similares a ningún animal coñecido en zooloxía...

Compartir el artículo

stats