O Sergas realiza desde hoxe un cribado en Verín buscando casos asintomáticos así como frear a transmisión do virus, debido ó aumento de casos activos nos últimos días (de menos de 20 a ter 55). As probas terán lugar dende este domingo ata o próximo 30 de decembro, estimando o Sergas que serán chamados cerca de 10.000 veciños con tarxeta sanitaria do Concello de Verín, máis dun 80% da poboación. O teniente alcalde, Diego Lourenzo (BNG), apunta a importancia que terá. Ademais pronúnciase sobre como se prevé o entroido desta vila para febreiro de 2021.

–Como se recibe o cribado masivo no concello de Verín?

–Esperando que sirva, polo menos, para facer un plano de como está realmente a situación. Onte tiñamos 55 casos, hoxe 51 activos. Esa baixada de catro casos non é moi esperanzadora porque os datos varían continuamente e diariamente, pero hai que manterse optimistas. Vemos con bos ollos este cribado para saber de onde partimos porque polo momento o dato que temos é que non son os picos da primeira ola.

– O cribado tamén servirá para facer unha idea do perfil dos contaxios

–En cifras oficiais só coñecemos os números, así que si será unha forma de saber cales son os perfiles afectados, pero, realmente, somos un concello de 14.000 habitantes, máis ou menos coñecémonos todos e iso facilita que acabemos sabendo onde están os gromos. Por exemplo, eu tiña constancia de varios en unidades familiares, iso non indica que o perfil sexa contaxio nas xuntanzas familiares, porque non o sabemos, pero aí sabiamos que era máis fácil de controlar que se fosen casos aillados e espallados por todo o concello.

–E o Nadal como se está vivindo baixo a lupa de ser un concello en “vixiancia especial” por parte de Sanidade?

–Facendo moito fincapé na responsabilidade individual, como xa se viña facendo con anterioridade dende a primeira ola. Evidentemente, ademais, cunha gran preocupación non só no concello, senón a nivel social, polo aumento dos casos e con certa impotencia, precisamente, por non saber a orixe dos contaxios, pero o comportamento cidadán é moi bo. Polo tanto, só queda esperar o cribado con tranquilidade e non baixar a garda só porque sexan festas.

–O COVID-19 ten tamén repercusión para unha das festas grandes de Verín. Xa se comenzou a falar do entroido 2021? .

–É a eterna pregunta e non por parte dos medios, senon de tódolos veciños. Loxicamente nós, a diferenza de concellos veciños como pode ser o de Xinzo de Limia, onde o organiza unha asociación, organizámolo dende o propio concello, polo que é case unha evidencia que se estamos nestas circunstancias o Entroido non se vai poder celebrar. De feito, aínda que as circunstancias poidan ser moito mellores, o contexto vai seguir sendo de pandemia, asi que o entroido como se recorda non se vai poder festexar, iso seguro.

–Hai consenso co resto de entroidos galegos na decisión?

–É complexo, polo momento aínda non houbo reunión. Dende o noso Concello non imos alentar a que a xente salga á rúa con actividades musicais, por exemplo, pero si queremos un consenso a nivel galego. De feito, soliciteille á presidenta da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, que así sexa. Segundo nos convocan para outros temas a tódolos encargados dos entroidos galegos, que se nos chame tamén para pór unha decisión común. Non tería sentido non programar nós é que o resto si o fagan, pero o que está claro xa é que como o coñecíamos non será.