Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Cando naceu Xesús de Nazareth?

Nacemento de Arturo Baltar ambientado no rural ourensán.

Ben saben vostedes, queridos lectores, que non acostumo a escribir colaboracións sobre efemérides. As redacto sempre con criterios de atemporalidade, sen suxeición a datas nin celebracións concretas. Tan só nun caso fixen unha excepción.

Foi nun artigo que titulei Anno Domini 33 e, como vostedes adiviñarán (e agardo que algún o lembre), trataba a morte por crucifixión de Xesús e escribino nunha Semana Santa. Hoxe, neste Nadal do ano 2020 farei outra excepción, falando do seu nacemento.

No ciclo ritual cristián celebramos o Nadal entre os últimos e os primeiros días de cada ano. Comeza a noite do 24 para o 25 de decembro e remata o 6 de xaneiro. Ambas datas, situadas respectivamente entre o nacemento de Cristo/Nadal e a chegada dos Reis Magos de Oriente/Epifanía, delimitan un tempo no que a relixión católica inscribe outra data simbolicamente moi sinalada: a matanza dos inocentes ordenada polo rei Herodes I O Grande.

No mundo cristián rexe dende entón a idea de que Xesús de Nazareth naceu en Belén, o 25 de decembro inmediatamente anterior ao ano 1 d. de C. E así contamos o tempo dende entón. Son os anos A.D. ou Anno Domini, Ano do Señor, ou o que é o mesmo, “ano despois de cristo”. Polo menos todos así o aceptamos. Sen embargo ningún parágrafo da Biblia cita unha data concreta que aclare o día no que se naceu o deus vivente.

Máis, o asunto non é tan simple como parece nunha primeira vista, sobre todo para as persoas que nos dedicamos profesionalmente ao estudo da Historia. A crenza na suposta veracidade daquelas datas non ven, tan sequera, da época de Xesús. Debemos agardar varios séculos para que se consoliden no calendario ritual. E esta atribución cronolóxica debémoslla a un monxe escita dos ss. V e VI d. de. C (aproximadamente, 470-544) chamado Dionisio o Exiguo, ou tamén, Dionisio o Humilde.

Foi el o creador do Anno Domini, sen máis pretensións que adaptar as datas da Pascua, ademais de diferenciar a cronoloxía cristiá da pagá e nun momento que, como el mesmo dicía, no que transcorreron 525 anos dende o nacemento de Xesús. O método para realizar ese cálculo foi descoñecido. Pero a data do natalicio nos días inmediatamente anteriores ao ano 1, non soportan as probas e indicios que nos proporciona a Historia.

Dunha banda, contamos textos relixiosos, os evanxeos de San Mateo e de San Lucas. Ben é certo que os anos iniciais da vida de Xesús non formaron parte das primeiras predicacións dos apóstolos. E era unha actitude razoable. O apóstolos, contemporáneos e superviventes do nazareno, estaban moi imbuídos polas ensinanzas do mestre, máis tamén moi afectados polos tráxicos e intensos sucesos que rodearon a súa morte. E como non, a resurrección. A firme crenza na volta do mundo dos mortos e a vitoria sobre a propia morte, foi a pedra angular na que se baseou a doutrina.

Se tal feito milagroso non se daba a coñecer, nada tería sentido. Nin sequera a mansamente aceptada e cruenta morte na cruz. Sen resurrección non habería crenza. Quizais tan só a compaixón, acaso tamén a admiración por un home que morreu dicindo que era un enviado de Deus e que se sacrificaba pola salvación da humanidade. Pero máis nada.

Seguramente por iso, os evanxeos privilexiaron a vida pública, a morte e a resurrección e, polo menos nuns primeiros momentos, case non atenderon á nenez nin ao propio nacemento. Só en anos posteriores as comunidades de cristiáns, as ecclesias, tomaron interese por coñecer máis a fondo a vida de Xesús, incluído o seu nacemento.

Máis existen, como vimos, indicios e datos históricos indirectos que poden axudarnos a axustar as datas do nacemento de Cristo. Aínda que os textos dos evanxeos pasaron moi por riba dos seus primeiros anos, tanto San Mateo como San Lucas sitúan o nacemento nos tempos do rei xudeu Herodes I O Grande. E este reinou Xudea, como vasallo de Roma, entre os anos 37 e 4 a. de C. Tamén parece que o mesmo personaxe aínda viviu, polo menos, un ou dous anos despois do nacemento de Xesús. Nese caso, deberiamos situar cronoloxicamente o nacemento sobre o ano 5 ou o ano 6 ...a. de C.! Que raro soa, non si?

Pero hai outro dato con valor histórico a ter en conta. O evanxeo de San Lucas tamén indica que no mesmo ano que naceu Xesús, o emperador Augusto ordena realizar un censo de poboación neses territorios do Próximo Oriente. E ese censo tamén o citou o historiador xudeurromán Flavio Josefo, o mesmo que relatara as guerras xudías na etapa da dinastía Flavia. Segundo o historiador foi encargado por Augusto ao Gobernador de Siria, Publio Sulpicio Quirino e realizado, segundo Flavio Josefo, trinta e sete anos despois da batalla de Actium (2 de setembro do ano 31 a. de C.), polo que a información achegaríanos ao ano 6 ou 7 d. de. C., máis dunha década de diferenza con respecto ás datas que viamos antes.

Sen embargo, as reiteradas alusións aos tempos de Herodes que aparecen nos textos evanxélicos, aconsellan polo momentos aceptar como hipótese máis válida a do o ano 5 ou o ano 6 a. de C. Así o veñen facendo moitos investigadores que dalgún modo trataron a este asunto.

Ben. Situámonos, pois, cinco ou seis anos antes do previsto respecto ao que habitualmente viñamos pensando. E o día? Foi realmente un 25 de decembro ou nunha data equivalente ao calendario actual? A verdade é que pouco coñecemos sobre este feito. Pero si podemos achegarnos á causa do por que a celebración nese día.

A primeira vez que aparece esa data foi no s. IV d. de C., co emperador Constantino, Constantino I ou Flavio Valerio Aurelio Constantino. Incluso a igrexa católica bizantina grega o coñece como san Constantino. Como moi ben saben vostedes, foi fillo de Santa Helena (patroa dos arqueólogos, pola súa busca da Vera Cruz) e o monarca que legalizou definitivamente a relixión cristiá, poñendo fin a catro séculos de persecucións. O seu Edicto de Milán, do ano 313, será o inicio do cristianismo oficial e protexido polo estado romano, aínda que haberá que agardar case setenta anos para que se converta na relixión oficial do imperio. Iso ocorrerá co emperador Teodosio O Grande o 27 de febreiro do ano 380 d. de C.

Sen embargo, estas datas están moi próximas ao solsticio de inverno. Xa saben, o feito astronómico que marca o inicio da estación e que ten lugar, anualmente, entre os días 20 el 23 de decembro no hemisferio norte. Se embargo, aínda que o frío e a chuvia bótase enriba dende esas datas, tamén dende entón comezan a medrar os días. Como se o sol rexurdira lentamente, facendo que o día vaia gañando espazo á noite.

Neses mesmos días, e certamente como reminiscencia de vellos ritos e prácticas agrarias, a Roma antiga celebraba os Saturnais (a Saturnalia), dende o 17 ao 23 de decembro, cando xa remataran os traballos máis duros no campo. Non en van os Saturnais eran unha festas dedicadas ao deus Saturno, nada menos que o pai de Xúpiter, deus da agricultura e avogado das boas colleitas.

As Saturnalia celebrábanse con velas acesas para simbolizar e propiciar a nova chegada da luz solar. As casas adornábanse con plantas en intercambiábanse regalos e facíanse banquetes. Existe unha similitude entre estes ritos pagáns e as Saturnais (e co Nadal), seguramente polo significado daqueles ritos e cultos agrarios solsticiais baseados no progresivo regreso da luz e da diminución escurecemento nocturno. Sen dúbida, un potente símbolo de vida cíclica e, polo tanto, inconcluíble, eterna.

Este ritos de carácter oficial, collerán un novo pulo na Roma do s. III d. de C., coa elevación ao culto oficial do imperio a celebración do deus oriental Sol Invicto (Dies Natalis Solis Invicti) por parte do emperador Aureliano. Era o renacemento do sol, o trunfo la luz sobre a escuridade que conducía a un período con días máis longos e que se celebraba cunhas festas que transcorrían entre o 22 e o 25 de decembro.

Tendo en conta o anterior, seguramente a elección do 25 de decembro nos tempos de Constantino non foi casual. A asociación de Xesús coa chegada da luz e o seu día de nacemento cunha festa oficial do estado romano que identificaba ambos feitos, propiciaba a asimilación do cristianismo e o seu proselitismo por parte das xentes. Máis aínda cando o centro xeográfico e de interese desta relixión, unha vez afastada do xudaísmo, era Roma, o centro do poder do mundo coñecido. Feitos como este permitiron unha rápida extensión do cristianismo, sobre todo despois da oficialidade estatal que lle concedeu o emperador Teodosio.

En todo caso, nin o ano nin o día exacto do nacemento de Xesús, minguan unha crenza que profesan aproximadamente 2.000 millóns de persoas, un terzo da humanidade, nin que eu persoalmente lles desexe un feliz Nadal.

(*) Arqueólogo municipal

Compartir el artículo

stats