Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Historia

O asasinato de Aquilino Sánchez en Vilariño Frío

Unha postal do casino do Carballiño.

O consello de guerra celebrouse o día vintetrés no salón de actos da Caixa de Recrutas. O presidía o tenente coronel de Infantería e gobernador civil da provincia Manuel Quiroga Macia, actuando como vocais os capitáns Carlos Rodríguez Reigada, Julio Ballesteros Curiel, Ceferino Blanco González, Amadeo Rodríguez Iglesias e Ángel Martín Mouriño; como relator figuraba o tenente-auditor Juan de Villavicencia y Pereira e como fiscal o de igual grao Ramón Rivero de Aguilar y Otero. Durante o mesmo só aparece recollido en acta o testemuño do secretario do concello e do tenente da Garda Civil, que coinciden en salientar o carácter de orde do procesado e a ausencia de desmandos por parte das masas.

Seguidamente, o fiscal modificou as súas conclusións provisorias solicitando a libre absolución por estimar que a pesares da súa militancia en IR “no simpatizaba con las masas revolucionarias”, non se cometera ningún acto de violencia na vila e non estaba acreditada a finalidade das ordes dadas en relacións ás requisas.

O tribunal fixo súas por unanimidade as conclusións do fiscal, absolvendo a Aquilino Sánchez. Tres días máis tarde o auditor de guerra mostraba a súa conformidade coa sentencia absolutoria e o día vintesete o facía o xeneral-xefe da VIII División. O día vintenove A. Sánchez asinaba a notificación do dictame da máis alta instancia militar de Galicia, quedando dende ese intre a disposición do gobernador civil. Vintecatro horas máis tarde M. Quiroga asinaba un oficio no que acusaba recibo da comunicación enviada polo xuíz instructor na que este lle comunicaba que, depuradas as súas responsabilidades en vía penal, o detido quedaba á súa disposición. Daquela a traxedia persoal de A. Sánchez se vai a mesturar coa doutros tres senlleiros republicanos ourensán: Jacinto Santiago, Eligio Núñez e Fructuoso Manrique.

Unha furgoneta recolleu a estes últimos homes no cárcere de Celanova o día 31 de outubro e os traslada en dirección á capital provincial; J. Santiago sofre un infarto e morre diante dos atónitos ollos dos seus compañeiros de martirio, sabedores do destino que lles agarda. Alí recollen a A. Sánchez, despois de que o gobernador civil asinase un mandamento de excarceración no que lle ordenaba ó director da prisión de Ourense que entregase ó portador da mesma –concretamente un garda civil, que é quen asina o preceptivo ‘recibín’– ó ex-alcalde “para su conducción a la Prisión del Barco”. Os catro parten pola estrada de Ponferrada ata que nunha paraxe próxima á aldea de Vilariño Frío (Montederramo) coñecida co nome de Arca Aberta, son obrigados a descender e cadanseu, incluído o cadáver do vello profesor, reciben os consabidos tiros na caluga na madrugada do día primeiro de novembro. Segundo J. Tallón un parente deste último, o brigada da Benemérita Vicente Santamarina, ten coñecemento da noticia e se traslada nun taxi propiedade da familia en compaña da súa dona e outros dous familiares; próximos ó lugar dos feitos uns campesiños lles din que acaban de enterrar uns cadáveres, procedendo a desenterrar o seu corpo e a trasladalo ó cemiterio de Vilariño coa complicidade do párroco.

Esta última parte do relato debe ser matizada e completada, toda vez que temos constancia documental de que o día dous o xuíz municipal de Montederramo procedeu á inscrición de todos eles no libro de defuncións sen facer constar a causa da súa morte en virtude dun oficio remitido polo delegado-xestor do concello, José Bacariza Mallo, que na súa calidade de médico houbo tamén de certificar a defunción dos mesmos, facendo constar que todos eles recibiron sepultura no devandito camposanto. O feito de que o devandito xuíz tivese coñecemento pormenorizado do nome a apelidos das respectivas mulleres e fillos dos asasinados, así como de todos os datos relativos á súa filiación persoal revela claramente a intervención dos seus familiares instando a súa inscrición.

Non resulta doado atopar unha explicación racional á decisión de matar a este vello republicano. De todos os asasinatos cometidos na provincia sobre persoeiros públicos dalgunha significación é, sen dúbida, o que máis incógnitas lle plantexa ó historiador. Sorprende, en primeiro termo, que o principal impulsor do republicanismo na vila, alcalde durante un período tan dilatado e presidente da Deputación ourensá non fose sequera encausado, pero a mesta rede de relacións persoais e amizades políticas, así como algún xeneroso dispendio económico pode axudar a entender tan clamorosa ausencia entre os centos de procesados. Non pode entenderse, sen embargo, como un consello de guerra absolve de todo cargo a A. Sánchez e o mesmo presidente do Tribunal sentenciador “dá a orde” horas despois para que sexa asasinado. Sempre poderá argumentarse que no seu caso non había proba algunha que xustificase unha condena, pero para os inventores da xustiza ó revés á que se refería o propio Serrano Suñer esto non deixaba de ser un mero formalismo. Nos consellos de guerra as penas estaban dictadas de antemán, e que unha vila non coñecese suceso revolucionario algún, nela non se producisen desmandos e a resistencia plantexada fose nula non era algo que lles preocupase en demasía para emitir un veredicto capital. Dende logo cómpre rexeitar a tese de que fose víctima desa represión incontrolada detrás da que tanto tempo se escudaron os que a alentaban e dirixían; as probas documentais que aquí aportamos son demasiado evidentes e, dende logo, non é este o único caso. Naturalmente que algunha poderosa inimizade persoal debeu de influír diante de quen asina a orde “de traslado”, pero sempre quedará a dúbida de se esa notoria ausencia de resistencia organizada ó golpe lles obrigou a actuar a acusador e verdugo máis ás agachadas.

Se cadra é tan só que o carácter exemplarizante da represión non podía permitir que nin un só dos alcaldes das principais cidades e vilas da provincia quedasen con vida: Manuel Suárez Castro en Ourense, Abdón Blanco García en O Barco, Carlos Reino Caamaño en Verín e Benito Gallego Montero en Ribadavia remataron os seus días no Campo de Aragón, de costas ó muro do cemiterio de Ourense; que Aquilino Sánchez o fixese nunha solitaria paraxe a escasos kms. do Alto do Rodicio cando aínda a choiva non borrara das súas gabias o sangue dos que o precederan foi só un accidente. Ó cabo, como dixese aquel abade de Citeaux cando lle preguntaron que debería facerse cos habitantes de Béziers, cidade sospeitosa de herexía, era mellor matalos a todos, que xa Deus se encargaría de distinguir ós seus.

(*) Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats