A defensa da lingua non entende de pandemias e o Correlingua, o acto reinvidicativo do dereito a medrar en galego que naceu en Galicia hai vinte anos voltou aos centros de ensino para convidar aos rapaces a falar o idioma sen complexos. As carreiras en prol do idioma e os actos lúdicos e festivos mudaron nesta edición por eventos culturais nos centros educativos que, no caso de Ourense, acolleu o IES As Lagoas e foi retransmitido por Youtube para o resto.

“A lingua, alén de ser nosa que é o fundamental, é unha lingua que temos o deber e a obriga como galegos de defender e potenciar”, dixo o presentador no inicio do acto. Lembroulle ao alumnado que o galego non é un idioma de uso reducido a Galicia e despois de explicar a súa orixe, subliñou que co galego “podemos comunicarnos con 300 millóns de persoas no mundo e traballar en países dos cinco continentes”.

O alumnado asistiu a proxección do vídeo gañador do premio Correlingua 2020 na categoría de Secundaria, realizado por estudantes do CPR Seminario Menor de Ourense, e á lectura do manifesto gañador do concurso convocado para esta edición. Baixo o título“Vinte coa lingua, vinte coa rebeldía”, o texto defende a importancia de garantir os dereitos lingüísticos dos galegos e anima a ser rebeldes e “dar a batalla” contra o abandono da lingua, lembramdo que só o 25% dos nenos son galegofalantes na actualidade. “Algo non se fixo ben”, indica o manifesto.

O acto contou tamén coa actuación del grupo Aldaolado, formado por Lucía Aldao e María Lado, que puxo música e poesía á festa reivindicativa do galego.