Milagros Cuevillas, filla de Florentino Cuevillas, e a neta do escritor ourensán, MargaritaTovar López Cuevillas, foron as encargadas onte de descubrir unha placa en honor ao fundador da Revista Nós, no día do centenario do primeiro número da exitosa revista cultural.

O acto, promovido polo Concello de Ourense e con representación das Fundacións Vicente Risco e Otero Pedrayo, homenaxeu a unha xeración que abriu a literatura galega e española a Europa e marcou unha época da intelectualidade. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, sinalou que “esta xeración recórdanos o que fomos e o que podemos volver ser. Destacamos nunha época na que Galicia, grazas a persoas como Cuevillas e todos os que integraron esa xeración, foi referente”. Finalizou dicindo que “ter referentes coma estes e mirarnos no pasado, pódenos indicar o camiño cara ó futuro”.

Galardón

A Deputación de Ourense, a través do presidente provincial Manuel Baltar, entregou tamén onte o premio Otero Pedrayo 2020 ás Fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo pola súa labor na permanencia e difusión do legado de cada un dos fundadores, pero tamén na actuación conxunta da transmisión de coñecemento que tiveron no seo de todos os números da Revista Nós.