Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

HISTORIA

Calvo Sotelo caiu asasinado en xullo como vinganza polo asasinato do tenente Castillo

Asasinato de José Calvo Sotelo.

Na súa réplica, o deputado por Ourense, José Calvo Sotelo, pronunciou aquel célebre parágrafo que se convertería en premonitorio: "Yo tengo, Sr. Casares Quiroga, anchas espaldas. Su señoría es hombre fácil y pronto para el gesto de reto y para las palabras de amenaza. Le he oído tres o cuatro discursos en mi vida, los tres o cuatro desde ese banco azul, y en todos ha habido siempre la nota amenazadora. Bien, Sr. Casares Quiroga. Me doy por notificado de la amenaza de S.S. Me ha convertido su señoría en sujeto, y por tanto no sólo activo, sino pasivo de las responsabilidades que puedan nacer de no sé qué hechos. Bien, Sr. Casares Quiroga. Lo repito, mis espaldas son anchas; yo acepto con gusto y no desdeño ninguna de las responsabilidades que se puedan derivar de actos que yo realice, y las responsabilidades ajenas, si son para bien de mi patria y para gloria de mi España, las acepto también. ¡Pues no faltaba más! Yo digo lo que Santo Domingo de Silos contestó a un rey castellano: 'Señor, la vida podéis quitarme pero más no podéis'. Y es preferible morir con gloria a vivir con vilipendio".

A violencia que se viviu en toda España -e Ourense non foi unha excepción- durante a "primavera tráxica" foi así conscientemente amplificada e manipulada para conseguir que unha parte substancial das masas neutras identificasen como máximos responsables do caos e a anarquía ás forzas obreiras, e non só ás propiamente revolucionarias, senón tamén aos grupos reformistas e republicanos. Todo como parte dun elaborado programa subversivo, pois, dicían, non se trata só de pequenas illas onde grupos de incontrolados se impuxesen sobre os pacíficos cidadáns defensores da orde e a paz social; eran as cidades, as vilas, as aldeas, mesmo os lugares máis afastados os que estaban ameazados pola anarquía. Os xornais, os panfletos, as octavillas e folletos e, sobre todo, os rumores, que circulaban cunha rapidez sorprendente, contribuían a comprimir aínda máis un espazo frecuentemente manipulado e distorsionado.

Mesmo é posible que o papel dos calvosotelistas na preparación da sublevación militar non quedase reducido, en Ourense, a esa apelación ao Exército e a esa contribución á desorde financiando xenerosamente á Falanxe. Bautista J. Pérez de Cabo aseguraba que durante os meses de maio e xuño organizara xunto con Augusto Pacheco unha "sociedade conspiradora" denominada os Caballeros de Santiago; un confuso grupúsculo colocado baixo a advocación do Apóstolo que tiña como emblema unha cruz de Santiago alongada na súa base en forma de aguzada frecha apuntando ao centro dunha caveira coas clásicas tibias cruzadas en forma de aspa. O seu principal inspirador definíaa como unha sociedade de acción directa que pretendía contestar "dignamente" á campaña de terror das esquerdas e que dera máis dun problema a Martín March, o último gobernador republicano. Presuntamente, contaría coa anuencia de Calvo Sotelo para preparar unhas forzas de sublevación que non se sabe de onde ían saír e que os conspiradores prepararían en "inexplicables" saídas nocturnas que sorprendían mesmo a algúns conspicuos falanxistas.

Ben é certo que Pérez de Cabo fala despois de consumados os feitos, nun contexto en que acreditar tales "méritos" era segura garantía de recompensas e favores; non o é menos que daquela o tudense xa non podía confirmar nin desmentir os contactos que se atribúe. Pero tampouco faltan indicios que apunten a tal eventualidade. En primeiro lugar, os anteriores intentos do dirixente do Bloque Nacional de crear unha especie de confederación de xuventudes das diferentes organizacións monárquicas, que se remontan xa á primavera de 1935; e, sobre todo, as súas declaracións, un mes antes do golpe, afirmando a necesidade de que cando menos 30.000 bravos mozos se unisen ao Exército para garantir o triunfo na guerra civil que se aveciñaba, pois aquela non sería "una lucha fácil ni un golpe de mano cuartelero". Daquela, desfeito o BN, con parte das xuventudes de RE derivando cara Falanxe e coas Guerrillas de España de Ansaldo en pleno auxe polo fracaso do accidentalismo, o escuadrismo era unha aposta case ineludible. Moi ben puidese ser que a constitución deste "grupo" formase parte da súa estratexia para encadrar a algúns milleiros de mozos dispostos a contestar na rúa ás esquerdas e que constituirían a súa particular achega material ao golpe militar.

En segundo lugar, a propia traxectoria vital de Pérez de Cabo, a dun home afeito á conspiración ata o seu fusilamento nos anos corenta, o que invita a non dubidar das súas palabras en canto á existencia de tal organización. En calquera caso a "sociedade" non tivo ningunha relación directa coa trama conspirativa, pero si proba a existencia dun estado de ánimo favorable ao golpe nos sectores máis reaccionarios da poboación, o seu intento de crear as condicións para que este se acelerase e, unha vez consumado, transmitir a impresión que contaba cunha ampla base social de apoio.

E así, en efecto, discorreron as cousas. Na noite do 12 ao 13 de xullo José Calvo Sotelo caía asasinado como vinganza polo asasinato, ese mesmo día, do tenente Castillo, despois de ser trasladado na camioneta nº 17 pertencente aos Gardas de Asalto do Cuartel de Pontejos, situado xunto ao Ministerio de Gobernación na que tamén ían militantes das Xuventudes Socialistas e o capitán da Garda Civil Fernando Condés. O Goberno non estaba implicado no crime, pero o grave do magnicidio era que demostraba que non controlaba sequera ás súas propias forzas de Seguridade. No seu multitudinario enterro abundaron os saúdos externos fascistas e as aclamacións ao Exército. A censura do Goberno e o estado de alarma vixentes impediron que na nosa provincia se producisen as multitudinarias concentracións e actos de condena que, doutro xeito, se terían producido. Houbo párrocos que celebraron, case clandestinamente, funerais pola súa honra mentres outros moitos brindaban -tal foron as acusacións que sobre eses mesmos recaeron cando, despois do golpe militar, a maquinaria inquisitorial dos consellos de guerra comezou a facer o seu traballo- pola morte do que non tardaría en coñecerse como o prtomártir.

Nada ten, por tanto, de sorprendente que a gran maioría dos militantes e simpatizantes de Calvo Sotelo en Ourense apoiasen sen reservas a sublevación de xullo de 1936. Destacados apelidos que constituían a base do partido ou contribuían ao seu financiamento van aparecer tamén nas listas de xenerosos doadores en canta subscrición patriótica se organice, formarán parte das milicias de segunda liña e demais gardas cívicas, prestarán o seu consello e mesmo o seu concurso en determinados niveis do aparato político-administrativo creado polos sublevados e, naturalmente, seguirán comerciando cos novos órganos de poder.

(*) Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats