Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

HISTORIA

Parte dos mestres comprometidos coa renovación estaban no punto de mira dos militares

Luís Soto con Castelao.

Luís Soto con Castelao.

O caso do mestre de Beiro (Carballeda de Avia) Amadeo López Bello, afiliado ao PRRS e á ATEO e activo impulsor da Sociedade Agraria local, presenta algunhas similitudes co anterior. Na madrugada do día seis ao sete de outubro apareceu cortada a estrada Ribadavia-Beariz mediante un foxo e unha gran pedra situados á altura do Km 27. Os elementos conservadores do municipio aproveitaron a conxuntura para responsabilizar dos feitos aos afiliados da devandita sociedade e, sobre todo, ao mestre, ao que acusaban de ser o organizador da sabotaxe. Como no exemplo precedente, as denuncias -entre as que non faltaba a consabida "xuntanza clandestina"- estaban motivadas, en parte, por retesías de carácter político, pois a devandita sociedade fixera campaña entre os asociados a prol do PRRS, sen esquecer o papel do párroco, co que López Bello, segundo propia declaración, tiña unha forte inimizade. Como no caso anterior, as autoridades militares non puideron facer outra cousa que arquivar as actuacións sen declaración de responsabilidade para o mestre.

A estes cómpre engadir os casos de Sebastián Vázquez Álvarez, Baltasar Vázquez Fernández, Castor Rivera, Pedro Trapote Rodríguez, Eduardo Len Pérez, Gil Cronisto Outeiriño e Armando Fernández Mazas -este último, acusado de ser o redactor dunha folla clandestina que circulou pola capital na cal se facía un chamamento á folga xeral- que foron detidos gobernativamente ou pasaron polos calabozos de Comisaría, pero non sometidos a un proceso militar.

Coda

A reforma educativa do primeiro bienio republicano atentaba directamente contra o monopolio ideolóxico que exercía a Igrexa católica, que perdía, en beneficio da escola e do Estado, o control moral dos estudantes e, por ende, da sociedade. Esta situación de protagonismo eclesiástico era especialmente incuestionable en zonas de marcado predominio rural, erixidas en feudos impermeables á penetración de ideoloxías que cuestionasen o confesionalismo católico. Non debe estrañar, xa que logo, que fosen os cregos rurais os máis acérrimos inimigos daqueles mestres que na nova estrutura de oportunidades aberta polo cambo de réxime amosaron un forte compromiso cos valores que inspiraron o 14 de abril. Uns mestres que, de acordo con X. M. Cid, optaron maioritariamente polo radical-socialismo, o marxismo e o librepensamento aínda que manténdose distanciados do PSOE pero "non das teses socialistas e da educación nova".

Sen dúbida que ao conxunto do Maxisterio ourensán non se lle pode aplicar aquela afirmación do responsable do Servizo de Ensino Superior e Medio franquista, José Pemartín, para o cal "tal vez un 75 por 100 del personal oficial enseñante ha traicionado (unos abiertamente, otros solapadamente, que son los más peligrosos) a la causa nacional" . Con todo, unha parte dos mestres máis activos e comprometidos coa renovación pedagóxica e o cambio político, a maioría integrados na ATEO, xa estiveron no punto de mira das autoridades militares e dos párrocos co gallo dos acontecementos revolucionarios de outubro de 1934. Como puidemos comprobar, a secuencia represiva daqueles meses anticipa algúns dos trazos que se levarán ata as últimas consecuencias logo da rebelión militar de xullo de 1936. En primeiro lugar, o recurso á detención gobernativa dalgúns mestres contra os que non existían sequera indicios de implicación en actividades delituosas, pero cuxa práctica docente e compromiso social e político -ás veces nin sequera isto último- eran percibidos directamente como unha ameaza para o conglomerado de intereses que rexía a política local ourensá. En segundo lugar, o papel dos sacerdotes como motores da "xustiza castrense", anticipando a alianza entre a cruz e a espada que sacralizará a guerra civil, naqueles casos de mestres máis directamente implicados na organización de sindicatos e sociedades de obreiros e campesiños e, por isto, máis perigosos para os poderes constituídos. Naturalmente, o recurso á xurisdición de guerra para subtraer dos tribunais ordinarios a incoación de dilixencias que, doutro xeito, nunca se terían iniciado e a práctica de solicitar numerosos informes por parte dos xuíces instrutores militares durante a tramitación dos sumarios.

Outubro de 1934 foi só un pretexto, unha ocasión para incrementar a campaña de acusacións principiada no outono de 1933, proseguida despois do triunfo das dereitas nas eleccións de novembro, acentuada logo do momentáneo triunfo dos sectores reaccionarios que segue á represión do movemento e que cobrará novos folgos durante as xornadas que preceden ás eleccións de febreiro de 1936.

Unha campaña que forma parte dese contraataque dos medios católicos contra a política laicista da coalición republicano-socialista que tan importante papel terá na articulación das dereitas en todo o Estado e na elaboración dun discurso vitimista e catastrofista destinado a acentuar a polarización social existente. Daquela publicáranse na prensa conservadora -velaquí os acendidos artigos ao respecto do semanario Ellas e dos xornais Galicia e La Región- toda unha serie de artigos que incitaban aos pais a poñer en coñecemento das autoridades educativas e dos tribunais a actuación do que eles chamaban eses "malos maestros que hay que vigilar". O seu obxectivo último, antes como agora, era recuperar o terreo perdido polo asociacionismo e as escolas católicas; pero a nova conxuntura resultaba inmellorable para asestar un golpe definitivo á ATEO e aos seus afiliados se se conseguía conectar o seu labor docente cos excesos do movemento revolucionario.

Os xuíces instrutores castrenses solicitaron repetidos informes á Inspección de Ensino Primario sobre a conduta profesional dos inculpados nun intento de implicala no proceso de depuración. Porén, todos os que lles foron enviados oficialmente e incorporados aos sumarios non contiñan elementos desfavorables aos mestres. En xeral, insistían en que estes profesionais eran tidos por funcionarios cultos e celosos no cumprimento do seu labor docente e que nas diferentes visitas cursadas pola Inspección nunca se atopara material que fixese sospeitar que nas escolas se impartise docencia indebida. Engadían, asemade, que o devandito organismo tiña por norma "permanecer ajena a la condición política, siempre que sea legal, de sus subordinados" . Sen dúbida, o feito de que os homes e mulleres que a integraban estiven, ao marxe de matices e de ideoloxías, comprometidos coa política educativa republicana foi esencial para minimizar os efectos da persecución.

No verán de 1936 moitos deles non terían a mesma sorte.

(*) Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats