Seguirá habendo vida no obradoiro de instrumentos musicais que Roberto Carlos Pérez Álvarez instalou hai dez anos na antiga corte e palleira de avoa, en O Val de Vilaseco (Cea, Ourense). Con tres días de campaña aínda por diante, o artesán acadaba onte o obxectivo de reunir 40.000 euros nunha campaña de mecenado a través da plataforma web Verkami. El mesmo, coas propias mans que dan forma aos instrumentos na procura dun son diferencial, se encargou dos labores de desentullo e, desde hai un par de semanas, de comezar a reconstrución -primeiro coa cimentación- a partir das cinzas. Un lume rexistrado a madrugada do día 12 arrasou o taller. Só resistiron á combustión algúns elementos coma o carimbo, unha peza de cobalto que remata no 'R' de O Reberete, a marca que este artesán imprime nas súas obras. Tamén se recuperaron algunhas ferreñas, partes móbiles da pandeireta, que lle dan o son metálico característico.

"Estou bastante máis tranquilo"

Un total de 868 aportacións sumaban 41.306 euros ás 17 horas de onte, por riba dos 40.000 do obxectivo. "Xa estou bastante máis tranquilo", dicía onte o artesán, descansando un anaco da tarefa de instalar bloques no lugar que estragou o lume. Roberto está agradecido pola resposta solidaria. "Creo que é o resultado desde dez anos de traballo, a xente viu que podía confiar en min".

A campaña permitía facer achegas desde 10 euros ata os 1.000. Entre as recompensas para os mecenas, o luthier elaborará por encargo os instrumentos tradicionais que lle solicitaran, nun período de entre seis e doce meses. Roberto calcula que entregará os últimos pedidos "máis ou menos en agosto ou setembro de 2021". A obra de reconstrución, con mans tan dadas para o traballo fino como para o máis esforzado, permitirá "poder comezar no taller en outubro, aínda que co mínimo de maquinaria para poder seguir traballando. Quizais faga falta outro medio ano máis ata telo completamente montado". O proxecto que deu novo uso ao pasado familiar ten o futuro garantido.