Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

HISTORIA

O día 6 de outubro de 1934 péchanse moitas Casas do Pobo na provincia

José Sueiro, con escolares de O Castro-Nogueira de Ramuín.

José Sueiro, con escolares de O Castro-Nogueira de Ramuín.

Non sempre os párrocos permaneceron inactivos. En gran parte de España, incluída a provincia de Ourense, as autoridades educativas atopáronse con numerosas manifestacións de protesta que, en non poucos casos, dexeneraron en pequenos incidentes alentados por combativos sacerdotes e mozos católicos. Así acontece, por exemplo, no mitin de Allariz de abril de 1931 ou na manifestación de centenares de persoas -sobre todo mulleres- que reclamaban a reposición do crucifixo e o ensino do catecismo no veciño concello de Baños de Molgas.

A Lei de Confesións e Congregacións Relixiosas de 2 de xuño de 1933 acabou por representar un punto de non retorno nas relacións entre República e Igrexa católica: no seu art. 30 prescribía que as Ordes e Congregacións relixiosas non poderían dedicarse ao exercicio da ensinanza, agás, naturalmente, as destinadas á formación dos seus propios membros. Ademais, encomendábase á Inspección do Estado a vixilancia para impedir que aquelas puidesen crear ou soster colexios de ensino privado nin directamente nin a través de segrares interpostos. O art. 31 establecía como data tope para o cese da actividade de ensinanza o 1 de outubro, agás no caso da primaria, que se prolongaría ata o 31 de decembro inmediato. Con todo, este prazo sería obviado como consecuencia da falta de mestres e escolas, a pouco entusiasta colaboración das autoridades municipais nas que existían estes centros para non enfrontarse ás Ordes Relixiosas ou porque desconfiaban de que o Estado as puidese suplir, as dificultades para converter os centros de ensino rexentados por relixiosos en escolas públicas e, naturalmente, polo cambio na maioría gobernamental que seguiu á vitoria electoral da Confederación de Derechas Autónomas (CEDA) e do Partido Republicano Radical (PRR) en novembro de 1933.

Se a isto engadimos o resto das medidas laicistas inspiradas pola coalición republicano-socialista durante o primeiro bienio -entre outras, a disolución da Compañía de Xesús, a secularización dos cemiterios, a lei de divorcio e a supresión de haberes para sostemento do culto e o clero- e a "competencia" ideolóxica que os mestres de ideoloxía republicana representaban para os párrocos comprenderase facilmente por qué estes últimos atopábanse no punto de mira do clero.

Outubro de 1934

Nos primeiros meses do ano 1934 xa é posible detectar claramente o proceso de radicalización de determinados sectores do movemento obreiro ourensán, en particular das Xuventudes Socialistas (XX.SS.), e do activo radio comunista local. Daquela comeza a traballarse na cidade coa idea de avanzar decididamente cara a consecución dunha fronte unida do proletariado de Ourense que permita dar resposta ao contraataque das forzas reaccionarias. Este propósito acabará por concretarse na precoz formación da Fronte Única o 8 de febreiro de 1934. Neste ensaio unitario debeu influír, ademais da conxuntura española e internacional, a experiencia da ampla unidade de acción acadada nas folgas convocadas en protesta pola paralización das obras do camiño de ferro dos anos anteriores. Entre os asinantes da Fronte estaban os partidos e Xuventudes Socialistas e Comunistas, o Grupo Anarquista Local e diversos sindicatos e sociedades obreiras.

No manifesto da Fronte Única é notoria a influencia das correntes máis esquerdistas do socialismo europeo que detectan unha clara agudización da loita de clases a nivel mundial como consecuencia da crise económica internacional. A especial virulencia desta levaría ás clases máis conservadoras a propiciar unha saída de corte dictatorial -o fascismo- como única alternativa para manter a súa posición de privilexio a costa dos cativos logros obtidos polo movemento obreiro na súa loita secular. Fronte a esta situación, as masas explotadas debían reaccionar orientando a súa estratexia cara unha actuación revolucionaria, único modo de afrontar os efectos máis perversos da crise que se ceba neles como consecuencia da actuación dos sectores reaccionarios. Neste senso, os asinantes, coidaban constatar a existencia dunha nidia vontade da clase traballadora de camiñar cara a consecución dunha estratexia unitaria, sequera conxuntural, entre as forzas obreiras. Daquela, acordaban a constitución dun Comité Executivo composto de dous delegados das sociedades vinculadas a UXT e doutros tantos en representación dos sindicatos autónomos domiciliados na Casa do Pobo e das sociedades campesiñas dos arredores da cidade. A Agrupación Socialista, as Xuventudes Socialistas e Comunistas, o Radio Comunista, o grupo anarquista local e "cada organización proletaria que tenga vida propia y que se adhiera a este frente único" tiñan reservado un asento cadansúa no devandito órgano.

Carecemos de fontes que nos permitan coñecer con meirande detalle os preparativos da insurrección. Porén, o labor de propaganda e a relativa unidade de acción acadada por socialistas e comunistas logo dos acordos da Fronte Única axudan a explicar a rapidez coa que o escaso proletariado ourensán apoiou a folga na mañá do venres cinco de outubro, respondendo así ao chamamento conxunto que tamén secundaron os anarcosindicalistas. A xulgar pola normalidade coa que funcionaron os taxis e os autocares de liña regular, que continuaron realizando o seu recorrido sen máis atrancos que os derivados dalgún corte de estradas, dos asinantes da devandita alianza só fracasou no seu cometido o Sindicato de Transportes. En compensación, outras moitas organizacións non adheridas inicialmente á Fronte apoiaron sen reservas o paro, caso dos obreiros da construción -de notable influencia comunista-, os perruqueiros, os tipógrafos e os empregados municipais. O sector da banca, tradicionalmente pouco proclive a este tipo de experiencias, e os empregados de comercio rexeitaron na súa maioría sumarse á convocatoria, aínda que a apertura destes establecementos se atrasou considerablemente. Antes que o paro se estendese á cidade herculina e paralizase a súa publicación durante unha semana, o xornal La Voz de Galicia recoñecía o día seis que Ourense e Vigo eran as cidades galegas máis afectadas pola folga, mentres que en A Coruña a normalidade era completa.

De contado, instaláronse varios altofalantes nas rúas máis céntricas da cidade e o gobernador civil, Simeón Ibars Arresté, dirixiuse á poboación pola radio local lembrando aos convocantes a ilegalidade da folga e a decisión do goberno de empregar o máximo rigor para facela fracasar. Ao mesmo tempo anunciaba a clausura da Casa do Pobo, ordenaba a requisa de vehículos e lembraba aos obreiros que os patróns estaban autorizados para despedir a aqueles que a secundasen. Nas principais vilas da provincia adoptáronse medidas similares tendentes a estrangular o movemento insurreccional. Así, o día seis péchanse numerosas Casas do Pobo, entre elas a de Celanova, onde a Alcaldía incautou todos os libros e a documentación que obraba na mesma.

Na capital a tranquilidade foi a nota dominante durante este día. Os mercados estaban, en xeral, ben abastecidos; porén, faltaban algúns produtos básicos, como o leite, debido á actuación de grupos de obreiros e campesiños en diferentes puntos das principais vías de acceso á cidade (Velle, Moreiras, Cachamuíña...) que obrigaron a numerosas leiteiras a regresar ás aldeas. Os transportes funcionaban con normalidade, agás os lóxicos atrasos na saída de autocares e trens. A Garda Civil estableceu un servicio especial de vixilancia de estradas, mentres forzas de Policía e Seguridade practicaban numerosos rexistros aos transeúntes.

A Lei de Orde Pública foi utilizada polas autoridades para encadear a destacados dirixentes obreiros e dificultar a transmisión de consignas entre o proletariado. Ese mesmo día cinco, ingresaron no cárcere provincial un total de dezaoito activistas, aos que se sumaron outros cinco o día seguinte. As detencións continuarían nas xornadas posteriores ata facer pasar pola cadea aos elementos máis activos das forzas marxistas e tamén a significados republicanos diante da satisfacción dos elementos conservadores, encantados coa dureza amosada polo gobernador. Ademais, un batallón de soldados percorreu as principais rúas da cidade e proclamou o estado de guerra entre as 23,45 horas do día 6 de outubro e as 00,10 horas do día 7. Estaría vixente ata o día 25 de xaneiro en que un decreto presidencial restablecu o estado de alarma en diversas prazas do territorio español, entre elas Ourense. Un dos lugares nos que se leu o bando foi a rúa de Paz Nóvoa (actual Paseo), centro neurálxico da vida nocturna do Ourense republicano, na que se atopaban gran número de veciños. A tropa situouse entre o cine Losada e os Almacéns de Felipe Santiago, ocupou o centro da rúa en dirección á praza do Padre Feijóo e leu o documento asinado polo xeneral xefe da Oitava División. Escoitouse no medio dun gran silencio ata o seu remate; daquela foi saudado cunha marcada diversidade de opinións, aínda que semella prevaleceron os aplausos sobre algunhas voces que puñan de manifesto a desconformidade dos sectores máis populares. Estas últimas medrarían en intensidade mentres os soldados desfilaban polas rúas próximas á de Luis Espada, seguidos por un grupo de xente do que pouco despois partirían os primeiros berros contra o Goberno e o Exército.

A Comandancia Militar ordenou que as tropas se fixesen co control dos puntos estratéxicos da cidade. Asegurada a orde, o comandante José Ceano-Vivas partiu con dúas compañías de Infantería cara Ponferrada para axudar a restablecer situación na capital do Bierzo. Días máis tarde, cando xa a normalidade se restablecera por completo na capital, saíron novos efectivos en dirección a San Clodio, Quiroga e León, onde persistían os choques entre folguistas e o Exército. Na porta do Goberno Civil colocáronse varias follas de adhesión ao Goberno e de repudio ao movemento revolucionario nas que ducias de ourensáns estamparon a súa sinatura mentres eran custodiadas polas forzas de seguridade. En Seixalbo, xa no límite de Ourense co concello de San Cibrao das Viñas, producíronse pequenos actos de sabotaxe nas liñas telefónicas, pero a vida cidadá non rexistrou grandes alteracións e mesmo a feira desenvolveuse con certa tranquilidade. O día oito a radio anunciou a rendición de Companys e o gobernador ordenou encher as rúas de pasquíns e notas informativas dando conta da nova; axiña desaparecerían ao seren arrancados por varios grupos de mozos esquerdistas convencidos de que se trataba dun bulo para desactivar a folga xeral convocada polas organizacións obreiras.

(*) Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats