"Tiña que ser aquí", xustificou onte a académica Fina Casalderrey na súa alocución sobre Carlos Casares (1941-2002) a celebración en Xinzo de Limia da sesión extraordinaria da Real Academia Galega, un acto público dedicado ao autor de Vento Ferido no Día das Letras Galegas. Tiña que ser na capital da comarca da Limia, engadiu, onde "bátese con forza" o seu recordo.

Erixida en capital da cultura galega, Xinzo de Limia acolleu tamén o acto institucional de recordo a Carlos Casares, no que se deron cita intelectuais, políticos, cargos públicos, familiares, amigos e veciños da vila. O seu fillo, Hakan Casares Berg, agradeceu que a emotiva homenaxe que as letras galegas lle brindaron ao seu pai escollera Xinzo, un lugar que representa, dixo, "a proxección da Galicia que el viviu". Foi aquí, apuntou, "onde meu pai, sendo neno, foi consciente de que había unha Galicia, unha lingua e un acervo".

O día adicado a Carlos Casares comezou co pleno extraordinario da RAG, na Casa do Concello de Xinzo, á que asistiron, entre outros, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e os portavoces do PP e do PSOE; representantes das tres universidades galegas; o delegado do Goberno, Santiago Villanueva; o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas, e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, ademáis dos dous fillos do escritor Hakan e Christian Casares Berg, a súa neta Xulia e os seus irmáns Xavier e Mercedes Casares Mouriño.

O presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, foi o encargado de abrir e pechar o pleno extraordinario no que os académicos Fina Casalderrey, Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero fixeron tres alocucións nas que abordaron diferentes facianas dun autor "poliédrico" como Casares, autor central nunha festa, a das Letras Galegas, que vai máis alá dun día, unha semana ou un ano, incidiu Freixanes, para terse convertido nun "movemento cívico de implicación" coa lingua e a identidade de Galicia.

Casalderrey abordou a infancia de Casares na Limia, que foi para el "a primeira escola do fantástico", e a súa contribución á literatura infantil e xuvenil, eido no que foi pioneiro en escribir en galego e tamén en traducir cara o idioma propio. Monteagudo falou do Carlos Casares constructor dunha narrativa para adultos e a importante achega que para as letras galegas supuxeron as súas novelas, centrándose en Xoguetes para un tempo prohibido, e a triloxía formada por Ilustrísima, Os mortos daquel verán e Deus sentado nun sillón azul. Xesús Alonso Montero escolleu a faceta de poeta que Casares desenvolveu durante a súa etapa como estudante universitario, na que tamén foi un entusiasta da figura de Ernesto Che Guevara.

Para rematar, Freixanes salientou a súa dimensión como xestor cultural á fronte de Galaxia desde 1986 ata o final dos seus días, e como cidadán, un "home comprometido co seu país e co seu tempo". Nese senso, o presidente da RAG suliñou que "o compromiso por Galicia, pola lingua e pola identidade" moveron sempre a un Casares "convencido de que Galicia precisaba de institucións sólidas, cribles e capaces de concitar aceptación social". Foi aquí onde a Real Academia Galega lembrou tamén o labor do escritor como membro da RAG, presidente do Consello da Cultura Galega e diputado no Parlamento, no período 1981-1985, onde impulsou a Lei de normalización lingüística.

A contribución do autor neste proceso foi abordado tamén polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no acto institucional que se celebrou na Praza Carlos Casares ao término da sesión extraordinaria e pública da RAG. Antes desta homenaxe, o Concello de Xinzo descubriu unha placa conmemorativa que recorda ao "escritor que imaxinou Galicia como un país de palabras".

Na súa intervención, Feijóo referiuse a Xinzo como o Macondo "galego e real" de Casares, "poboado por xentes que sementaron nel o amor polo relato". Do escritor destacou a súa capacidade para "erguer", xunto con moitos outros galeguistas, "a nova Galicia, non sobre dogmas, senón sobre palabras, afectos e acordos". Tamén se referiu Feijóo o "optimismo" de Casares na relación coa lingua e gabou a súa visión do galego que non emprega a lingua propia "non como un inimigo que cómpre combater, senón como un irmán que cómpre convencer". Na súa participación no primeiro Parlamento da historia democrática de Galicia, lembrou o presidente da Xunta, Carlos Casares "tendeu pontes" que, entre outras cousas, fixeron posible unha Lei de normalización lingüística na que "cristalizou o galeguismo cordial e transversal, e a que puxo a pedra angular da nosa convivencia".

Freixanes apostou por "poner o galego nas mans dos nenos" e pediu "facelo entre todos, desde a intelixencia conciliadora e o afecto".

O alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, salientou a "bonhomía" de Casares e anunciou a creación dun museo adicado a súa figura no mesmo edificio do Museo do Entroido para que a obra do escritor "perdure no tempo". Hakan Casares agradeceu o recoñecemento da "xente anónima" á xenerosidade e amabilidade do seu pai, e afirmou que o desexo de "trascender como boa persoa está conquerido".