Belén Lorenzo estudiou a peza dos mes do Museo Arqueolóxico, "O bo pastor", unha talla de marfil que responde a unha das iconografías máis extendidas e atractivas dentro das artes coloniais peninsulares de época barroca e a que máis interese espertou entre os historiadores da arte, como destaca Margarita M. Estella no seu libro "La escultura barroca de marfil en España. Escuelas europeas y coloniales (Madrid, 1984)", obra de especial importancia para o coñecemento da arte da eboraria dos séculos XVII e XVIII, no que a autora cataloga ata un total de once exemplares, máis ou menos completos, de imaxes deste tipo.

"O bo pastor" representa unha figura masculina sentada e coas pernas cruzadas. Ten o brazo dereito levantado e sobre a man repousaría a cabeza, hoxe perdida, nunha actitude de meditación ou ensoño. Calza sandalias e viste unha zamarra ou túnica curta cinguida por unha banda anoada á fronte, da que pende unha cabaza, á súa dereita. Sobre o peito cruza o cordón do que colga o zurrón no costado esquerdo. A presenza de dous cordeiros, un sobre o seu ombreiro esquerdo e outro suxeito coa súa man esquerda sobre o colo, proporciónanos os datos necesarios para interpretar a imaxe como a figura de Xesús no seu rol de bo pastor, resalta Belén Lorenzo. "O tratamento das roupas, en pequenos cadradiños, é igual ao que presentan os años e busca reflectir a textura do vellón".