O temporal que afectou Galicia nos últimos días derrubou o pinsapo do pazo de Cima de Vila, Trasalba (Amoeiro), a vella árbore que simboliza a memoria de Ramón Otero Pedrayo. O exemplar orixinal, ó que o que foi patriarca ourensá das letras galegas lle daba o nome de "Irmanciño", porque o plantara o seu pai no xardín da casa en marzo de 1888, no momento do seu nacemento, polo que medrou con el, tronzou polos efectos dunha forte tormenta en 1972, causando importantes danos no tellado da casa. Os amigos aproveitaron parte da súa madeira para que se construíra o cadaleito do escritor, no que finalmente foi enterrado cando finou, pouco tempo despois, en 1976.

Os responsables da Fundación Otero Pedrayo plantaron daquela outro pinsapo, no mesmo lugar onde estivera o anterior. Recoñecen que "medrou grande, coma o seu predecesor, á beira da solaina, pero o vento rematou tronzándoo de novo".

Ramón Otero Pedrayo percibiu a caída do "Irmanciño" orixinal en 1972, que nacera e medrara con el, coma "un anuncio do final". Polo que se laiou: "Levabamos toda a vida xuntos". E a penas o logrou sobrevivir catro anos.

A Fundación Otero Pedrayo non se resigna. Anuncia que volverá a poñer outro pinsapo,

que representa a imaxe do irmán que nunca tivo o escritor e que o acompañou toda a vida.

Ramón Otero Pedrayo escribía e durmía a sesta nunha tumbona, á sombra do pinsapo, como se pode ver na foto.

Os responsables da fundación Otero Pedrayo móstranse preocupados polos estragos que presenta o tellado do Pazo de Trasalba, producidos polos efectos do temporal, sumados ó deterioro que se orixinou co paso do tempo. Lembran que dentro da casa-museo consérvanse a meirande parte dos obxectos persoais do escritor e a súa biblioteca que están catalogando.

Contra finais do mes de xuño, o pazo acolle todos os anos a celebración do Premio Trasalba, no derradeiro domingo do mes de San Xoán, co que rende homenaxe a "unha figura que se teña significado a prol da cultura galega, seguindo o espírito dos homes da Xeración Nós".