X.M. del Caño / OURENSE

O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín calificou a Virxilio Fernández Cañedo coma "un mestre que fala con palabras e cores", no acto de presentación da exposición que inaugurou onte o artista ourensano na Casa Museo de Otero Pedrayo en Trasalba. A titular da Consellería de Cultura, Ánxela Bugallo, referiuse tanto ó autor coma ao pintor como "clásicos". Contempla a Cañedo coma "un artista que pinta un país". E suxeriu que se vivira hoxe Ramón Otero Pedrayo, "Virxilio sería o pintor que ilustraría as súas obras literarias".

Pese a que Virxilio bebe con frecuencia nas fontes da cultura tradicional, Méndez Ferrín chamou a atención sobre a etapa máis avanzada do artista, "que facía pintura informalista en París nos anos cincuenta", polo que hai que situalo na vargarda la plástica galega.

Méndez Ferrín contempla a Virxilio coma "un intelectual, dotado de palabra, de pensamento e de coordenación. Esto explica o rigor de construcción do artista", que amosa "a finura, a cortesía, o detallismo artesano e intelectual do Ourense das palabras, das pinturas e das esculturas, da sabiduría urbana" que se reflicte no fondo das novelas de Blanco Amor.

O autor de Arraianos sostén que Virxilio "é unha criatura humana honesta, sabia, coa capacidade de dotar coa man e co espíritu o territorio de luz, de cores e de formas que nos instrúen na confianza do mundo, ao mesmo tempo que nos marabilla o seu equilibrio, a súa interior potencia e a capacidade maxistral de autorregulación".

A exposición manterase aberta ata o día 1 de septembro, con varias renovacións periódicas. A mostra inicial conta con trinta cadros, entre os que se atopa un pintaro en Ourense en 1954. Predominan as pinturas sobre Os Chaos de Amoeiro, con "amarelos limpos, diferentes ós de Van Gogh", como resaltou Ferrín.

O presidente da Fundación Otero Pedrayo, Fernández Freixanes, considera que Virxilio "é un dos pintores máis oterianos que temos. Na casa de Trasalba, hai un diálogo entre a pintura e a palabra de Don Ramón, no espacio máxico dos Chaos de Amoeiro".

Freixanes indica que a Fundación Otero Pedrayo quere ter a casa de Trasalba "permanentemente aberta e viva, por eso o próximo sábado están convocados os poetas e os músicos, arredor de Otero e de Virxilio. E celebraremos o Día de Europa en Trasalba, coa presencia do presidente da Xunta, Pérez Touriño".

Virxilio naceu en 1925, no primeiro piso do número 13 da rúa de Colón de Ourense. O seu pai procedía de Beade. "Era moi amigo de Luís Xesta. Esa foi a razón pola que eu empecei a debuxar ós seis anos. Durante as vacacións do verán, levábame á Escola de Artes e Oficios, que se atopaba na praza das Mercedes, para que fixera debudo do natural. Alí comezou a miña querencia polas artes". O seu pai "fixo pinturas para varias igrexas e confeccionou o mapa de Ourense", como delineante da Depuación.